Así evolucionou a regulación do tabaco en Galicia: de fumar ata nos hospitais a non poder fumar nin na terraza?

Previsiblemente será este próximo venres cando o Ministerio de Sanidade aprobe o borrador do 'Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo 2024-2027', que incluiría tamén a prohibición de vapeadores con aromas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 21/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En pouco máis de tres décadas en Galicia (en en España en xeral) pasouse de poder fumar en case calquer lugar a non poder facelo en ningún espazo público pechado e, moi pronto, tampouco en moitos espazos públicos abertos, como as terrazas dos bares e restaurantes ou as praias. Custa pensar que aló polos anos 80 era común que os médicos fumasen nos hospitais e que os profesores o fixesen nas aulas, con oficinas pechadas de fume dos traballadores que aproveitaban o seu descanso para botarse un cigarro. Dende Galicia Confidencial facemos un repaso de como foron cambiando as normativas antitabaco co paso dos anos. Normativas que cada vez foron apretando máis aos establecementos de hostelería, que sempre estiveron moi vinculados ao poder relaxarse tomando unha caña mentres un se fumaba un pitillo. Agora xa case non hai nin bares nos que se dispense tabaco.

Tabaco
Tabaco | Fonte: Scientificamerican.com - Arquivo

1988: PROHIBIDO FUMAR EN COLEXIOS E HOSPITAIS

As primeiras grandes prohibicións do tabaco chegaron en España no ano 1988. Aquel ano, o Real Decreto 192/1988 vetou o tabaco nos colexios, nos hospitais e nos transportes colectivos, urbanos ou interurbanos, nos que houbera prazas de pé. Ata aquel momento era moi habitual ver a xente fumando en espazos nos que había menores de idade, como nas escolas, ou a un médico que lle lía un diagnóstico a un paciente con cancro de pulmón co pitillo na boca. Pero con aquela lei un traballador podía esixir que no seu lugar de traballo non se fumara. No seu primeiro artigo xa apuntaba que "no caso de conflito prevalecerá sempre o dereito á saúde dos non fumadores sobre o dereito dos fumadores a consumir tabaco no seu lugar de traballo". Por outra banda, nos taxis, reservaríase a metade de atrás como máximo para os fumadores e en trens e barcos reservaríanse áreas para fumar por vagóns ou camarotes completos, garantindo que alo menos o 50 % das prazas fosen libres de fume.

Nos colexios, estaba prohibido fumar tanto nas clases coma nos corredores, é dicir, en todos os lugares de convivencia entre profesores e alumnos, sempre que estes fosen menores de 16 anos, aínda que podía haber áreas reservadas para fumar nas que non entrasen os menores desa idade. O mesmo acontecía nos hospitais, onde tiña que haber zonas habilitadas especiais. A prohibición de fumar fíxose extensible tamén aos comercios, mercados e cociñas, todos os lugares nos que se elaborasen, transformasen, preparasen ou vendesen alimentos, non incluíndo aquí aos restaurantes. Tampouco se podería fumar dende a lei en salas de teatro nin en cines. Ademais, a partir de 1988 esixiuse que nas caixas de tabaco se informase do contido de nicotina e alquitrán, incorporando unha advertencia disuasoria cunha das seguintes mensaxes: 'Fumar perxudica seriamente a saúde', 'Fumar provoca cancro', 'Fumar provoca enfermidades cardiovasculares' ou 'Fumar no embarazo dana ao futuro fillo'. E nese ano tamén entrou en vigor a prohibición de vender tabaco a menores de 16 anos.

1992: SEN TABACO EN VOOS NACIONAIS DE MENOS DE HORA E MEDIA

Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco
Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco | Fonte: Arquivo

A seguinte normativa que modificou os espazos nos que se podía fumar foi o Real Decreto 510/1992. Esta normativa quería vir tapar un baleiro legal que no se contemplaba na lei de 1988: os avións, nos que ata ese momento se seguía fumando, o que supuña un ambiente afumado nun espazo pequeno durante varias horas de traxecto, do que ninguén podía escapar aínda que non quixese converterse en fumador pasivo. Segundo a nova lei de 1992 xa non se podería fumar tampouco en avións que realizasen voos comerciais con orixe e destino en territorio nacional e cuxa duración programada fose inferior a 90 minutos. Así, quedaba prohibido fumar nos voos de Madrid a Barcelona, por exemplo, pero non nos de Madrid a Tenerife, que duran máis de hora e media. Seguidamente, o Real Decreto 1185/1994 prohibiu determinados tabacos de uso oral e actualizou o réxime sancionador en materia de tabaco.

1999: PROHIBIDO FUMAR NOS COCHES E EN TODOS OS VOOS NACIONAIS

Sete anos despois chegaba un novo regulamento, o Real Decreto 1293/1999, que modificou a normativa de 1988 no referente a medios de transporte. A principal novidade era a prohibición do consumo de tabaco nos voos nacionais, en todos, eliminando esa referencia introducida no 1994 de hora e media de duración. Nos taxis desaparece esa reserva dun 50 % das prazas para fumadores e esténdese a prohibición á totalidade do vehículo. Nos trens e nos barcos, pola súa banda, prohíbese fumar a non ser que se faga en cuberta ao aire libre. E, aínda que se poden reservar vagóns ou camarotes completos para fumadores, non poderán sobrepasar o 36 % das prazas totais, fronte ao 50 % do que se falaba en 1988.

2002: REGULACIÓN DOS CONTIDOS MÁXIMOS DE NICOTINA E ALQUITRÁN

Outros tres anos pasaron ata que o Goberno volveu meter man na industria do tabaco. O Real Decreto 1079/2002 regulaba os contidos máximos de nicotina, alquitrán e monóxido de carbono dos cigarrillos, o etiquetado e as medidas sobre ingredientes e denominación dos produtos. Dous anos despois, o Real Decreto 2198/2004 establecía que os sanitarios e profesores eran os colectivos prioritarios aos que se debían destinar políticas de cohesión destinadas a previr o tabaquismo e promocionar estilos de vida saudables.

2005: SEN HUMO NO TRABALLO E EN TODOS OS TRANSPORTES, PERO SI NOS BARES

E aínda que dende 1988 un traballador podía esixir que non se fumara ao seu redor, o certo é que tivo que cambiar a lei para que esta situación acabara convertíndose nunha realidade, agás en bares e restaurantes, espazos onde se podía seguir fumando. Foi a Lei 28/2005, de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, e reguladora da venda, o suministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco a que cambiou a situación a partir do 1 de xaneiro de 2006. Dende entón, acabouse o fumar na oficina ou mentres se manexaba unha máquina. Agora o habitual é ver aos fumadores agolpados á porta dos edificios de traballo ou nos balcóns das oficinas botando o cigarrillo.

Pois esta lei prohibiu totalmente fumar nos centros de traballo, xa fosen de carácter público ou privado, agás nos espazos ao aire libre. Tamén nos centros de ensino se fixo total a prohibición, de maneira que xa non era posible ter espazos reservados para os fumadores nin salas aparte nos colexios. Iso si, nas universidades, ao tratar con alumnos maiores de 16 anos, podíase fumar sen problema. Nos centros sanitarios tampouco podería haber zonas de fumadores habilitadas, como estaba permitido ata o momento. E no transporte público, como ata aquel momento, seguiría sen poder fumarse no transporte colectivo urbano e interurbano, pero tampouco podería facerse en taxis, ambulancias, funiculares nin teleféricos. No caso do metro, foi dende 2006 cando deixou de poder fumarse na totalidade dos seus espazos: vagóns, andéns, corredores, escaleiras, estacións... O mesmo para os trens e os barcos, nos que xa non se permitía reservar espazos para fumadores. E nos avións non se podería fumar en ningún caso, nin en voos nacionais nin naqueles compartidos con voos de compañías estranxeiras.

Con todo, o único lugar de traballo no que o fume seguía estando permitido despois desta lei do 2005 eran os bares e os restaurantes. Nos que tiñan menos de 100 metros cadrados, o propietario é o que debía decidir se permitía fumar ou non no seu establecemento. A inmensa maioría decantouse por permitir o tabaco e, entre os poucos que decidiron prohibilo, ao ver que se lles marchaban os clientes, non tardaron en dar marcha atrás. Por outra banda, nos locais de máis de 100 metros cadrados, a lei obrigáballes a establecer zonas reservadas para fumadores que en ningún caso poderían superar un 30 % da superficie total nin os 300 metros cadrados. Non podían ser zonas de paso para non fumadores e debían estar adecuadamente ventiladas. Iso si, estes bares tiveron unha moratoria para adaptarse á nova normativa.

2011: SEN TABACO NA HOSTALERÍA

A reforma da Lei Antitabaco que entrou en vigor o 1 de xaneiro do ano 2011 prohibía fumar sen excepción en todos os bares e restaurantes galegos. Os hosteleiros querían que puideran reservarse os cubículos que habilitaran para fumadores, porque realmente había moitos locais que ao non gozar de dúas zonas separadas tiveron que facer unha importante inversión na obra de acondicionamento do espazo para fumadores, pero finalmente de nada lles serviu. O Senado introduxo unha emenda para que alo menos se permitise fumar en casinos, bingos e salas de xogo, pero nin iso se logou. Así, dentro da hostalería tan só se permitía fumar ao aire libre, é dicir, na terraza, pero ollo, que para estar ao aire libre o espazo non debía estar rodeado lateralmente de máis de dúas paredes ou muros. Mentres, nos hoteis e hostais, só se podería fumar ao aire libre e naquelas habitacións reservadas para fumadores que non superasen o 30 % das existentes, debidamente separadas e con ventilación independente.

E se ata ese momento se permitía fumar no entorno dos hospitais ao aire libre, é dicir, saíndo do edifio principal á rúa, dende esa data tamén se prohibiu fumar en todo o recinto hospitalario e dos centros de saúde, xa non só no seu interior. O mesmo sucedeu nos colexios e universidades, onde se prohibiu fumar en todos os espazos do recinto educativo (incluídos os patios), agás nos espazos ao aire libre de centros universitarios ou de educación de adultos, sempre que as zonas nas que se fixese non fosen de accesos inmediatos aos edificios nin beirarrúas circulantes. Nos aeroportos quedaba totalmente prohibido fumar, xa non só nos avións. E tamén se prohibía fumar dende entón nos parques infantís e noutras áreas destinadas ao uso dos nenos.

2017: REGULACIÓN SOBRE OS INGREDIENTES, ETIQUETADO E ENVASADO

Anos despois, no 2017, entrou en vigor o Real Decreto 579/2017, do 9 de xuño, polo que se regulaban determinados aspectos relativos á fabricación, presentación e comercialización dos produtos do tabaco e dos produtos relacionados con el. Entre as áreas que se regulaban nesta lei atopábanse os ingredientes e as emisións dos produtos do tabaco, o etiquetado e envasado dos produtos do tabaco, a trazabilidade e as medidas de seguridade dos produtos do tabaco ou a comercialización e etiquetado de determinados produtos relacionados co tabaco, en concreto, dos dispositivos susceptibles de liberación de nicotina e envases de recarga e dos produtos a base de herbas para fumar.

2024: PROHIBIDO FUMAR EN TERRAZAS E EN PRAIAS

Agora, xa en 2024, estase plantexando a discusión dunha nova normativa cuxas bases foron sentadas xa no pasado ano 2023. O 'Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo 2024-2027', que é como se chama o borrador do plan nacional, plantéxase reforzar a normativa vixente. Isto podería supor a prohibición de fumar nas terrazas, xa que o texto fala de volver a aplicar algunhas medidas que estiveron vixentes durante a pandemia. Ademais, máis aló das terrazas poderíase avanzar nos espazos sen fume ampliando perímetros nos que fumar estivera prohibido ao redor de colexios, parques ou hospitais e noutros lugares como paradas de autobús. O borrador tamén inclúe ampliar, fomentar e potenciar as iniciativas locais de 'praias sen fume' e propón vetar o tabaco en vehículos privados (algo que, aínda que se pense o contrario moitas veces, non é a día de hoxe motivo de sanción). 

Previsiblemente será este próximo venres cando o Ministerio de Sanidade aprobe o borrador, do que eliminou a prohibición de fumar en espazos privados. Mantense a medida de incrementar os lugares "de uso público ou colectivo" onde se prohibirá o tabaco, os cigarrillos electrónicos e "produtos relacionados". Sen embargo, non se concreta cales serán estes espazos.

DENDE 1988, SEN PUBLICIDADE NA TELEVISIÓN

As leis sobre a publicidade do tabaco tamén arrincaron no 1988, xunto ás primeiras prohibicións de consumo. Dende entón houbo catro normas. A primeira foi a Lei 34/1988 Xeral de Publicidade, que prohibiu a publicidade de tabaco e bebidas alcohólicas de máis de 20 graos na televisión. Segundo esta normativa, tampouco se podería publicitar o tabaco naqueles lugares nos que está prohibida a súa venda ou o seu consumo. Seis anos máis tarde, a Lei 25/1994 prohibiu a publicidade indirecta do tabaco e logo a Lei 22/1999 ampliou a prohibición tamén á televenta. E a lei más recente que fai referencia á publicidade é a Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, que prohíbe tamén o patrocinio de produtos do tabaco e toda clase de publicidade e promoción destes en máquinas expendedoras e medios de comunicación, así como a prohibición da distribución gratuíta e promocional fóra dos estancos.

Agora, o Ministerio de Sanidade comeza os trámites para implantar o empaquetado xenérico do tabaco. Coa modificación preténdese "responder ás demandas expresadas tanto polas sociedades científicas como polas entidades civís relacionadas coa materia, a fin de contribuír, en último termo, á mellora da saúde da cidadanía e reducir o risco de porta de entrada no consumo de nicotica que supoñen os produtos relacionados, especialmente para o sector da poboación moza". O texto da normativa fai referencia tanto ao tabaco convencional como a outros produtos para fumar de máis recente aparición. Ademais, e como dato relevante, inclúe a prohibición de aditivos e compoñentes que confiren aromas en tabaco e produtos relacionados como os vapeadores.

Unha persoa rompe pola metade un cigarro de tabaco
Unha persoa rompe pola metade un cigarro de tabaco | Fonte: GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta