Aberto o prazo para que o alumnado de Bacharelato solicite estancias lingüísticas de verán no estranxeiro

Terán un mes, ata o 12 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2024 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A Xunta abriu este martes o prazo dun mes, ata o 12 de marzo, para que alumnos de Bacharelato poidan solicitar unha das 648 prazas para cursar estancias lingüísticas no estranxeiro durante o verán. Tal e como publicaba o luns o Diario Oficial de Galicia, os estudantes seleccionados estarán durante tres semanas, entre xullo e agosto, nunha residencia ou cunha familia en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá ou Alemaña.

En concreto, para alumnos de 1º de Bacharelato hai convocadas 140 prazas para unha estancia de inglés en Canadá, 149 para o mesmo idioma en Reino Unido, 40 para francés en Francia, cinco para alemán en Alemaña e tres para portugués en Portugal. Para 2º de Bacharelato, hai 120 para inglés en Reino Unido, 90 tamén para inglés en Canadá, 20 para francés en Francia, cinco para alemán en Alemaña e tres para portugués en Portugal.

A Xunta destina case 2 millóns de euros a esta convocatoria, de tal maneira que subvenciona entre o 62 e o 92 por cento do custo. O que paga a Administración autonómica é a contratación de monitores, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e os certificados de realización do curso.

Para acceder a unha destas bolsas, os candidatos deben cursar 1º ou 2º de Bacharelato en centros de Galicia sostidos con fondos públicos durante este curso 2023/24, aprobar todas as materias do curso 2022/23 e alcanzar a nota de 6 na materia de lingua estranxeira para a cal se está solicitando a estancia.

Ademais, para o baremo terase en conta a nota media no expediente académico o ano pasado --ata 10 puntos-- e a renda per cápita familiar --ata 20 puntos--. Tamén se valorará a pertenza a familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou pensionista de grande invalidez ou non ser beneficiario dunha axuda destas características o ano pasado.

Alumnado e estudantes dun instituto / XUNTA - Arquivo / Europa Press
Alumnado e estudantes dun instituto / XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta