Rueda cun dos"mozos de Arousa": "Cando vou con Raúl a min non me coñece ninguén e a el todo o mundo"

Proclama que non quere que Galicia sexa "unha sucursal máis desas franquías independentistas que se pon co apoio do PSOE".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/02/2024 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, proclamou que enfila a última semana de campaña disposto a saír "ao choque" contra a esquerda "soberbia e enfurruñada" que "se cre superior", nun mitin no que tivo unha chiscadela especial para os emigrantes.

Nun mitin cunhas 400 persoas en Vilagarcía de Arousa, o xefe de filas do PPdeG queixouse das "descualificacións" que sofre por parte dos seus rivais e ironizou con que espera que a súa muller, Marta Coloret, non as teña "en conta". A continuación, reiterou a súa intención de combater á esquerda "sectaria" encabezada polo BNG, que "leva no seu programa a independencia e a imposición do monolingüismo" en galego.

Roda con Raúl Santamaría, un dos 'mozos de Vilagarcía' no mitin deste concello
Roda con Raúl Santamaría, un dos 'mozos de Vilagarcía' no mitin deste concello | Fonte: PPDEG - Europa Press

No mitin tamén interveu Raúl Santamaría, o popular 'mozo de Arousa' que Rueda incorporou na lista de Pontevedra. Sobre el, o aspirante popular chanceou con que o coñece "todo o mundo". "Cando vou con Raúl a min non me coñece ninguén e a el todo o mundo", remarcou, antes de ironizar co foco velado en Ana Pontón (BNG): "Tiñas que ir con algunhas que se cren que inventaron o mundo para que vexan o que é capaz de conseguir un mozo con ilusión, ganas e compromiso".

Antes de Vilagarcía, Rueda pasou polo Porriño, onde tivo a oportunidade de compartir escenario con Lys Pardo, filla de Juan Pardo, cuxa canción, 'Xuntos', é o tema de campaña. 

"UNHA SUCURSAL MÁIS DE FRANQUÍAS INDEPENDENTISTAS"

E se pola mañá pedira o voto para "axudar" ao seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, a chegar "canto antes" á Moncloa, en Vilagarcía insistiu e advertiu de que o que suceda o domingo "vai influír sen ningunha dúbida no que pase no resto do país". Neste punto, reafirmouse en que non quere que Galicia sexa "unha sucursal máis desas franquías independentistas que se están pondo co apoio do PSOE".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta