Mázcaras, fulión e fuliada: elementos centrais do Entroido de Manzaneda

O Concello de Manzaneda e as súas parroquias manteñen moi viva a tradición do seu Fulión, unha festa que ten a distinción de “Festa de Interese Turístico de Galicia” dende o 2008 e que este ano abrangue do 13 de xaneiro ao 13 de febreiro, martes de entroido.

Por X.M. Fernández | Ourense | 10/02/2024 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Entroido no Concello de Manzaneda está protagonizado polo Fulión, pero con “u”, como reivindicaba estes días nas súas redes sociais o colectivo “Da Mourela pra acá”, sendo este concepto o que se emprega para definir o encontro das Mázcaras e o seu séquito coa veciñanza das parroquias. Segundo palabras de Daniel Domínguez, Mázcara ao que entrevistamos neste xornal no 2018, “o Fulión é un encontro festeiro, espontáneo e anárquico de xente para visitar aos veciños e veciñas. Espontáneo por non programado e polas visitas sorpresa e anárquico porque non temos director de grupo nin se ensaian ritmos cousa que empezan a facer noutros lugares”.

Fulión Da Mourela pra acá. Foto: XMF
Fulión Da Mourela pra acá. Foto: XMF

Deste xeito, as rondas dos fulións que se fan polas parroquias, e que este ano empezaron coa visita da Mourela pra acá a Bidueira o 14 de xaneiro, non se adoitan anunciar nin programar agás algunhas puntualmente e que en moitos casos van acompañadas de “Fuliada”, como foi o caso da que tivo lugar en Trabazos o pasado 27 de xaneiro.

O acompañamento das Mázcaras, figuras principais caracterizadas pola súa colorida e vistosa vestimenta ademais de polas súas hipnóticas e ancestrais danzas circulares, está composto por xente equipada con bombos, cornas, apeiros de labranza como aixadas e gadañas. E así é como este grupo fai as chamadas “rondas” indo polas aldeas para tocar e bailar de casa en casa, agás naquelas nas que houbo algunha morte ese ano, recibindo a cambio comida e bebida como detalle de agradecemento e para aguantar ata a madrugada cando se dea por rematado o fulión. Iso si, e como detalle importante, antes de empezar cada ronda, hai que facer un ritual. Chámase “permiso” e consiste nun recibimento da veciñanza ao fulión que ten que pedir autorización en forma de verso para poder comezar a ronda. Tras un intercambio de coplas entre uns e outros, os anfitrións permiten a entrada e comeza a festa.

EXEMPLO DE PERMISO

Na primeira ronda deste 2024, coa visita do Fulión Da Mourela pra acá a Bidueira, o xornal O Sil daba conta na súa crónica dalgúns versos no transcurso do saúdo e permiso. Transcribimos aquí:

Mázcaras no medio do Fulión. Foto: XMF.
Mázcaras no medio do Fulión. Foto: XMF.

“Hoxe estamos aquí todos cheos de gran ilusión, pois levamos un ano enteiro esperando tocar o fulión”, dicía unha das Mázcaras. “Somos poucos e, por desgracia, cada vez nos xuntamos menos, pero os que aquí estamos, disfrutamos máis que os nenos”, engadía outra.

Finalmente era outro membro do fulión o que pedía expresamente o permiso para poder tocar. “Agora pedimos o permiso como se fixo toda a vida, se nos deixades pasar, tocaremos pueblo arriba”.

A resposta á petición non se deixaba agardar por parte dos representantes de Manzaneda. “Este ano o fulión é moi cedo, así que o temos que aproveitar, pois a partir do trece de febreiro xa non poderemos tocar”. E concluían: “Como a noite non está quente, non nos imos demorar, pasade cando queirades/ ata o cima deste lugar”.

FULIADA

O 27 de xaneiro tivo lugar unha atractiva Fuliada no lugar de Trabazos. Comezaba unha ronda ás 11:30 h. co correspondente permiso e despois o Fulión da Mourela pra acá percorría a aldea acompañada de bastante xente que se achegou, uns/unhas para participar no rito e outros/as para coñecer e vivir a experiencia.

A Fuliada é cando o fulión remata nalgunha aira onde se representan pezas teatrais satíricas con coplas nas que se retratan anécdotas, conflitos dalgúns veciños, temas de actualidade, política etc. Nestas fuliadas adoitan aparecer personaxes que hai anos que se están a recuperar como o “oso e o domador”, o “touro e o toureiro” e “o paiaso”. Concretamente na Fuliada de Trabazos as pezas parodiaron a sanidade, os problemas dos gandeiros, a difícil relación dos vellos coas tecnoloxías e algún que outro tema veciñal. A figura que tivo máis presenza foi a do Paiaso, que intentaba boicotear as interpretacións e metíase coa xente do público. Ao rematar as sátiras a veciñanza celebrou un xantar popular.

Despois da comida, e tamén de xeito espontáneo, faise unha fariñada. A diferenza dos fulións, as fuliadas si están organizadas e anúncianse como foi o caso desta que comentamos.

DESFILE DE FULIÓNS

O día grande que pon remate aos Fulións e ao Entroido no Concello de Manzaneda é o martes de entroido, que este ano será o 13 de febreiro, 

Como é tradición, faise un desfile de distintos fulións de concellos veciños pola vila de Manzaneda a partir das 11:30 h. e despois un xantar popular no pavillón municipal.

No desfile deste ano estarán representando a Manzaneda os seguintes fulións: Cesuris, San Martiño e Da Mourelá pra acá. E como convidados, por Vilariño de Conso estará o de Vilariño e pola Pobra de Trives: As Maceiras, Sobrado, A lardeira, Os labregos e A Caniceira.

Representación satírica na Fuliada de Trabazos (2024). Foto: XMF.
Representación satírica na Fuliada de Trabazos (2024). Foto: XMF.
A figura do Paiaso e o público asistente ás sátiras en copla na Fuliada de Trabazos (2024). Foto: XMF.
A figura do Paiaso e o público asistente ás sátiras en copla na Fuliada de Trabazos (2024). Foto: XMF.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta