18F.-Besteiro desbloqueará "a atención á dependencia" e cambiar "bonos electoralistas por dereitos"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, criticou a "hipocrisía política" mostrada polo PP, que "despois de desmantelar o sistema" pon en marcha "un modelo privatizado e reducido".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2024 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a "desbloquear o servizo de atención á Dependencia" que "os recortes de Rueda situaron ao bordo do colapso", así como a cambiar "bonos electoralistas por dereitos".

Besteiro reuniuse coas responsables do Colexio oficial de Traballadoras Sociais de Galicia, encabezadas pola súa presidenta, Míriam Rodríguez, ante quen apuntou que, se chega á Xunta, recuperará o modelo do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

Gómez Besteiro criticou a "hipocrisía política" mostrada polo PP, que "despois de desmantelar o sistema" pon en marcha "un modelo privatizado e reducido, que é moito peor".

Neste sentido, explicou que o Bono Coidados non Fogar anunciado por Alfonso Rueda, de 5.000 euros ao ano, supón "apenas 417 euros mensuais, moi por baixo dos 680 euros do Goberno de Touriño de hai 14 anos". Ademais, denunciou o "descarado uso electoral" destas axudas, que "están a entregar despois de convocar as eleccións autonómicas acompañadas dunha carta publicitaria de Rueda".

Fronte a isto, o candidato socialista comprometeuse a reforzar o servizo, "garantindo e mantendo axudas e servizos ás persoas dependentes" e mostrou o seu apoio á campaña do Colexio para reclamar "máis servizos públicos e menos bonos".

"PRIVATIZACIÓN PROGRESIVA" DO SISTEMA

Gómez Besteiro clamou contra o que considera unha "privatización progresiva" do sistema e apoiou o modelo de sistema público de servizos sociais polo que aposta o Colexio.

Os representantes das traballadoras sociais trasladaron a Besteiro a súa preocupación porque "agora non se fai prevención nos servizos sociais", aumentando as "tarefas administrativas" que teñen atribuídas e demandaron que se lles "devolva a súa profesión, centrada na proximidade á cidadanía".

RESIDENCIAS DE MAIORES

Finalmente, Besteiro apuntou que o Goberno de Feijóo e Rueda "ten o triste mérito de non inaugurar ningunha praza de residencia pública en todos estes anos", a pesar de "recibir 34 millóns de euros de fondos finalistas do Estado desde 2021 para a construción de residencias con 3.174 novas prazas".

"A xestión do PP no goberno galego provocou que Galicia sexa a Comunidade Autónoma coa menor porcentaxe de prazas públicas do Estado, cun 41 por cento, e ademais é a terceira con maior déficit de prazas residenciais, xa que faltan 14.902", criticou, con datos do informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.

Reunión do candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro con representantes do Colexio de Traballo Social de Galicia.. PSDEG
Reunión do candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro con representantes do Colexio de Traballo Social de Galicia.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta