O hip-hop galego alza a súa voz por Palestina en Compostela no concerto “Cultura Contra a Barbarie”

Será o 26 de xaneiro na Sala Malatesta con Dios Ke Te Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Nadie González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/01/2024 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O hip-hop galego con Palestina. O vindeiro venres, 26 de xaneiro, o hip hop galego toma a Sala Malatesta baixo o lema “Cultura Contra a Barbarie”. Un concerto solidario co pobo palestino con dúas horas de intensa música reivindicativa da man de artistas como  Dios Ke Te Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Nadie González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz. O evento estará presentado por Iván Prado, recoñecido polo seu compromiso con causas sociais e culturais encabezando a ONG Pallasos en Rebeldía, organizadora do evento. 

Concerto Solidario do hip-hop galego por Palestina
Concerto Solidario do hip-hop galego por Palestina

Todos os artistas súmanse a esta iniciativa de xeito altruísta para poñer voz á solidaridade do pobo galego co palestino. Os cartos das entradas - dispoñibles en inscribirme.com - transformaranse íntegramente en axuda humanitaria para colaborar con entidades palestinas sobre o terreo.

Ademais, na Gala contaremos coa participación de Sara Ashour, palestina residente en España. Sara compartirá a súa experiencia persoal e a dos seus familiares en Palestina, achegándonos unha perspectiva única sobre a realidade que enfronta a poboación na rexión. 

"A masacre actual, sumada a décadas de opresión ao pobo palestino, deixará unha marca indeleble nas xeracións futuras", apuntan desde a organización que tamén aluden o poder transformador da cultura como medio para transmitir solidariedade e conciencia social. "Este concerto representa un acto de resistencia cultural, onde a música e a arte únense para expresar solidariedade e rexeitar a barbarie", engaden.

A recadación de fondos desta gala destinarase a proxectos e entidades que traballan activamente sobre o terreo proporcionándolles axuda humanitaria, como maletíns de primeiros auxilios, alimentos, medicinas e xoguetes para os máis pequenos.  Esta iniciativa está organizada por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva S. Coop., conta coa colaboración da Sala Malatesta, Galiza por Palestina e BDS Galiza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta