Os partidos políticos e a Unidade Popular

“Os comunistas non forman un partido aparte, oposto aos outros partidos obreiros” “As capas medias vólvense revolucionarias cando teñen diante de si a perspectiva de seu tránsito inminente ao proletariado”. K. Marx

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 02/08/2015

Comparte esta noticia
Equivocaranse os partidos, unha vez máis, se pensan que van poder canalizar a marea de cambio que se instalou na sociedade española desde maio de 2011.
 
Para non obrigar a ter que esperar a ler todo o artigo adianto ao lector o que penso en titulares concisos:
 
- estamos diante dun fin de réxime, non do sistema, e polo tanto asistiremos ao eclipse das súas institucións, interfaces e elites; ás hexemónicas e, tamén, as que hexemonizaron a oposición ‘leal e institucional’ nestes anos;
 
- tódolos datos demoscópicos sinalan que a sociedade española situou a Podemos como instrumento central para o proceso de deconstrución do réxime, ou, si se quere entender mellor, Podemos é o pau de palleiro sobre o que vertebrar a transición cara a un novo modelo institucional. O seu papel é temporal, e seguramente despois languideza, pero como o PCE na transición, é o partido chamado a articular, desde a oposición, a interlocución cos sectores reformistas do réxime, esperemos que con maior acerto que o seu predecesor;
 
- non é posible construír ningunha Marea Galega sen o concurso libre e coparticidado das mareas municipalistas que por dereito propio, e refrendo dos electores, se converteron en novos interfaces políticos (deixen xa outros de falar en nome delas);
 
- o novo actor galego que xurda do proceso constituínte do episodio NPC-AGE-MAREAS vai ter que buscar unha formula de vertebración electoral con Podemos, aceptable para ambos.
 
Necesitariamos remontarnos a Nunca Máis para poder asistir a un proceso de construción de alternativa nacional (no senso cidadá) como o actual, pero existen dúas diferenzas claras entre aquel momento e este. A finais de 2002 aínda non existía unha experimentación social en rede como a vivida posteriormente e polo tanto tiñamos unha sociedade tensionada pero tutorizada. Naquel momento, ademais, a pesar de existir xa sinais de esgotamento, aínda non se abrirá o proceso preconstituínte que desde o 15M estamos a vivir.
 
Equivocaríase a esquerda se volverá a cometer o erro de instrumentalizar o movemento das Mareas como no seu día fixo o BNG con Nunca Máis, pois igual que daquela a súa potencialidade electoral veríase mermada, pero ademais, hoxe chocaría coa madurez democrática cidadá e a forza que lle configura ter dado o salto ao plano político sen o permiso das ‘autoridades’.
 
Se equivocan os partidos se pensan que adxectivizandose como “asembleas abertas” ou “marea galega” vai ser suficiente para camuflarse na nova política. 
 
Os partidos políticos, tal como os coñecemos, desapareceran. O modelo de partido de masas e electoral construído durante a segunda metade do século XX, entrou  en fase terminal e van necesitar unha reformulación que afecta á propia sustantivización.
 
Non se trata de un problema exclusivamente metodolóxico por máis que tódolos partidos, desde o PP a Podemos, sexan leninistas. Calquera proxecto político, incluído as Mareas ou as candidaturas de Unidade Popular, van ter que asentarse sobre estruturas organizativas necesarias para a súa continuidade. Esa estrutura deben facela desde un modelo máis aberto que co que actuaban os vellos partidos existentes pero van ter que facela de igual xeito. 
 
Todos os partidos van verse obrigados, por vontade propia ou por pura supervivencia, a facer un percorrido de apertura social que ata hai ben pouco se negaban a facer: primarias, limitacións de mandatos, revogacións de cargos, listas abertas,… pero iso, con ser algo irreversible,  non é o problema medular dos partidos.
 
O debate da construción dos novos interfaces no campo da esquerda móvese sobre dúas coordenadas: a paradigmática e a de participación. Na coordenada da orientación paradigmática entre os vellos paradigmas (ideoloxicistas) e os novos paradigmas (políticos). Na coordenada da orientación participativa entre as estruturas de decisión xerarquizada (da modernidade) e estruturas de decisión participada (da posmodernidade).
 
 

<img data-cke-saved-src="http://www.galiciaconfidencial.com/imgpipe/2015_7_31_24607s300x.jpg" src="http://www.galiciaconfidencial.com/imgpipe/2015_7_31_24607s300x.jpg" ="width="600">

Esquema movementos políticos
Esquema movementos políticos
 
 
De cómo se resolvan as contradicións entre ambas teremos catro sectores -Sector A [Ideoloxica/Xerarquizada]; Sector B [Ideoloxica/Participada]; Sector C  [Política/Xerarquizada]; Sector D [Política/Participada]-; teremos unha solución acertada para resolver a encrucillada ou desandaremos o andado.
 
Obviamente non se trata de espazos estanco senón permeables, e como tal poden ser combinativos, pero uns impediran claramente avanzar (A/B), outro déixao facer con dificultades (C) e so unha formula podería dar solución (D) ao labirinto.
 
Podemos acertou nun primeiro momentos nas dúas coordenadas. 
 
Na coordenada de orientación paradigmática, apuntando unha nova formulación sustentada na unidade democrático (nos de abaixo)  e non no ideolóxico (fora este o nacionalismo ou a esquerda).
 
Na coordenada da orientación participativa, apostando por unha estrutura de decisión participada (propia da posmodernidade) en lugar dunha estrutura xerarquizada (propia da modernidade).
 
Posteriormente, estes dous acertos foron rectificados parcialmente. No primeiro aspecto entendendo que o eixo democrático invalidaba a proposta social (programática desde a esquerda) ou a concreción espacial (plurinacionalidade do estado).
 
No segundo aspecto asentándose na idea de que para gañar hai que vertebrarse unidimensionalmente (partido monolítico en lugar de movemento plural) e reducindo os  espazos para saídas do guión (candidaturas pechadas).
 
Coincido con aqueles que pensan, creo que a primeira referencia foi a de Santiago Alba Rico, que Podemos envelleceu mal e rápido, pero iso non rexuvenece aos outros partidos, esclerotizados desde hai tempo.
 
Tratase pois, como soe ocorrer en procesos de transito paradigmático, non so, nin principalmente, de un problema metodolóxico, senón sobre todo de un problema ontolóxico (transversalidade) e epistemolóxico (misión).
 
Xa hai 140 anos, no 1875, Karl Marx alertaba contra o corporativismo co que se estaba a construír a primeira ferramenta política socialdemócrata alemá que despois serviría de modelo para o resto da esquerda europea.
 
Nos ‘felices’ anos 70/80 o novo capitalismo financeiro elaborou unha estratexia para o asimilación da clase obreira en base a un formato de capitalismo popular coparticipado en accións. Ese espellismo desmoronouse no proceso de globalización que ten ensanchado a clase obreira en base a proletarización de sectores da pequenos autopatróns, de desregularización de emprego e de perda de conquistas sociais da gran maioría. Este proceso creou, entre outras cousas, un novo suxeito político para o cambio que por primeira vez o altermundismo definiu como cidadanía global.
 
È aquí onde os antigos partidos corporativos da esquerda perderon o seu sentido e precísase crear novas articulacións de maior transversalidade que aborden, con tódalas contradicións existentes, os intereses dunha maioría social agredida por unha minoría monopolista e oligárquica.
 
Trátase de que os partidos preexistentes desaparezan? Non necesariamente. Seguramente asistamos a unha recomposición dos seus espazos e unha transformación dos que sobrevivan aos cambios, pero en todo caso para isto deben abordar as seguintes transitoriedades:
 
Transito de partido-ideolóxico ao partido-cultural
 
A agrupación de persoas activistas non pode seguir construíndose arredor da aceptación dunha ideoloxía única e “autentica” senón sobre un programa político estratéxico. O partido entendido como espazo cultural de ideas, principios e valores, concibindo a intervención política como compromiso ético e non como dogma pechado.
 
Transito do partido-electoral ao partido-movemento
 
A medida que o formato parlamentario foise asentando, os partidos foron transitando de partidos vangarda para a toma do poder (insurreccional) a partidos de masas centrado na contenda electoral. O proceso de ampliación de base electoral ía directamente proporcional ao abandono de principios programáticos en busca de ensanchamento do nicho de electores, nunha deriva tacticista, deixando aparcada  a súa orientación estratéxica. A construción de espazos electorais compartidos permiten abordar outros aspectos da contenda política necesarios para atender as demandas da base social maioritaria sen renunciar as obxectivos perseguidos.
 
Transito de partido-competitivo ao partido-coworking
 
O partido como instrumento de competencia debe dar paso a un partido de cooperación que entenda en clave de coworking a relación con outras organización e/ou colectivos políticos (non necesariamente partidos) que se moven no mesmo  espazo político-programático. Cedendo a soberanía da actuación táctica (incluída a electoral) aos espazos de unidade.
 
Transito do partido-monolítico ao partido-coral
 
Non é posible construír partidos monolíticos con unha sociedade plural, multicultural e de persoas con diferentes prioridades materiais ou psíquico-afectivas. Os novos partidos deben ser partidos de construción coral e amables, o suficientemente flexibles para articular diferentes niveis de compromiso e relación.
 
Transito do partido-familia ao partido-comuna
 
O partido clásico se ten convertido nunha estrutura familiar, coa súa xerarquía patriarcal, co seu paternalismo cara aos membros máis novos, e mesmo coa súa lealdades inconfesables. O novo partido debe ser un partido concibido máis como un lugar de participación comunitaria.
 
En todo caso, e namentres este proceso de transito se culmina, os partidos necesitan abordar unha serie de boas practicas [unha especie de decálogo ético] que permita eliminar a desconfianza, que en base á razón practica, se ten asentado en boa parte da sociedade:
 
Renunciar a presentarse as eleccións, non utilizando a escusa do tempo para non formar parte dunha candidatura de unidade popular.
 
Renunciar a ser vangarda ou posuidores da verdade, estando disposto a contaminarse nos procesos políticos.
 
Non actuar como grupo de presión no marco dos instrumentos cooperativos.
 
Evitar reunirse para fixar posición antes das asembleas decisorias dos espazos de unidade.
 
Aceptar as primarias e os seus resultados sexan cal sexan.
 
Non facer defensa corporativa dos ‘nosos’, cedendo o protagonismo aos máis idóneos e non aos propios.
 
Non atender a intereses superiores aos intereses do entorno no que se articula o colectivo popular.
 
Entender a discrepancia como factor de enriquecemento e non como disidencia ou traizón’.
 
Non esixir cotas de parte e participar de xeito individual no proxecto común.
 
Non actuar como comisarios políticos senón como activistas.
 
De non ser así a desafección avanzara e entón o problema xa non o terán os partidos senón a democracia mesma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún e participa da Marea Pontevedra. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra “Galicia no labirinto da nova política”.