Temas: FENOSA TREN RENFE

Reparada de forma "provisional" a avaría na estación de tren da Coruña

Tras afectar a 45 servizos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Adif informou que quedou reparada "provisionalmente" a avaría que provocou desde primeira hora deste xoves decenas de atrasos e a cancelación de varios servizos nas liñas de Media e Longa Distancia, así como en trens de mercadorías. Segundo informou o administrador ferroviario nun comunicado emitido na tarde noite do xoves, a avaría nas instalacións de sinalización que causou "fortes atrasos" nas rotacións de material afectou a 38 trens de Media Distancia, dos cales, doce foron suprimidos parcialmente.

Viaxeiros na estación de tren da Coruña, reciben información tras confirmar que un fallo eléctrico impide a chegada e saída de trens, a 11 de xaneiro de 2024.
Viaxeiros na estación de tren da Coruña, reciben información tras confirmar que un fallo eléctrico impide a chegada e saída de trens, a 11 de xaneiro de 2024.

A incidencia tamén causou problemas en cinco trens de Longa Distancia, dúas deles cancelados de forma parcial, e en dous trens de mercadorías debido ao fallo eléctrico na terminal que obrigou a suspender a entrada e saída de trens desde primeira hora da mañá.

Adif sinala que a partir das 10.15 horas se estableceron itinerarios provisionais en dúas vías da estación, co que se retomou a circulación "con limitacións" que tamén se adoptaron na capacidade da estación. O administrador espera liquidar de forma definitiva a avaría durante a noite no período de mantemento nocturno.

PROBLEMAS NO SISTEMA FERROVIARIO GALEGO

O sistema ferroviario galego foi este xoves un caos. Acumula, se non cancelacións, graves atrasos polos problemas detectados na Coruña. Fontes de Adif din que está afectado o sistema de sinalización o que complica a resolución desta crise. Os problemas da mañán estenderanse tamén á tarde xa que moitos destes trens circulan xa con graves atrasos.

Numerosos viaxeiros estanse queixando tanto na propia estación coma nos trens. Desde Renfe alegan "problemas coa subministración de electricidade" na estación da Coruña. "Debido a avería de Fenosa, la estación de A Coruña no dispone de tensión eléctrica, sin previsión, busquen otros medios alternativos si lo desean. Disculpen las molestias", indican as mensaxes remitidas por Renfe aos viaxeiros que agardaban polo seu tren na estación da Coruña.

Pola súa banda,  fontes de Naturgy confirmaron que non hai avarías nin fallos na súa rede de distribución nesa zona, polo que é probable que o problema se atope no propio sistema interno da terminal. Varios tren quedaron parados en estacións intermedias entre Santiago e A Coruña. Viaxeiros apuntan que desde Renfe anunciaron que fletaban varios autobuses para trasladalos á cidade herculina. 

CRÍTICAS DOS USUARIOS

Iria Méndez, da Plataforma Media Distancia de Galicia, apunta en declaracións a Galicia Confidencial. pide "solucións efectivas xa" ante os numerosos casos de atrasos no servizo ferroviario galego. "Hai falta de sancións, inercias, monopolísticas", di ao tempo que incide en que a demanda social, as obrigas de servizo público europeas e de redución de emisions, "xunto coa aposta do goberno teñen o foco no tren". E, sobre todo, destaca que "falta a figura desde o ministerio, que é o titular do servizo dun policía para os contratistas".

CRÍTICAS DE RUEDA

Por outra banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que a conselleira responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez, dirixiuse leste mesmo xoves ao Ministerio de Transportes para esixir que actúe ante "avarías continuas" nas conexións ferroviarias. Tras o "desinterese" do Executivo estatal suxeriu intención de "facer dano político", pero avisou de que "prexudican a moitísimos usuarios".

A preguntas dos medios tras a reunión semanal da Xunta, Rueda subliñou que lle gustaría dicir "que as avarías de hoxe" son "novidade", pero matizou que, "por desgraza, non o son". "Son case a tónica habitual", apostilou. Neste sentido, continuou con que, "cando isto se converte en tan habitual", xa se xeran "sospeitas de desinterese" á hora de "querer arranxar problemas que afectan a moitísima xente".

O PPDEG ESIXE EXPLICACIÓNS A ÓSCAR PUENTE

Os deputados do PPdeG esixiron ao ministro socialista de Transportes, Óscar Puente, explicacións polo fallo eléctrico e o "enorme caos" que se produciu na xornada do xoves na estación de tren da Coruña, así como a asunción de medidas ante as "crónicas" incidencias sobre a rede ferroviaria galega.

Nunha pregunta rexistrada na Cámara baixa, os populares sinalan que esta avaría afectou a "miles de viaxeiros, estudantes, funcionarios, profesionais e traballadores" e provocou que chegasen tarde ou simplemente non chegasen ao seu compromiso. Ademais, reprochan a Adif que "unha vez máis a información subministrada aos usuarios volveu ser insuficiente e as alternativas foron escasas e tardías".

"Esta situación de avarías e incidencias é constante desde hai meses na media distancia de Galicia e está a causar enormes molestias e prexuízos aos usuarios do transporte público ferroviario", indicaron, á vez que reprochan ao Goberno central o "insuficiente investimento e mantemento da rede" e fan partícipes diso ao "multipartito" formado por PSOE, BNG, Sumar e Podemos que apoia a Sánchez. Por último, cualificaron de "lamentable" o episodio vivido o xoves, que cualificaron como a "mostra da urxente necesidade de actuación por parte do Ministerio" para "pór freo" a esta situación que se está volvendo crónica e garantir uns servizos de tren eficientes e fiables aos galegos".

O BNG SOLICITA A COMPARECENCIA DOS PRESIDENTES DE ADIF E RENFE

Ante esta situación, BNG solicitou a comparecencia dos presidentes de Adif e de Renfe para informar sobre a incidencia que obrigou este xoves a suspender a circulación de trens na estación da Coruña, e trasladou unha batería de preguntas ao Ministerio de Transportes sobre este episodio.

Así, os nacionalistas reclamaron "explicacións" sobre o problema de subministración eléctrica que afectou á sinalización e o control de tráfico ferroviario na terminal coruñesa, e que impediu a chegada e saída de trens. A senadora Carme da Silva cuestionou ao Ministerio "se vai esixir responsabilidades á compañía eléctrica" subministradora por esta incidencia.

Temas: FENOSA TREN RENFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta