Un ano tráxico para os golfiños: a falta de alimento podería estar desencadeando capturas accidentais preto das costas

Este ano 2023 foi especialmente negativo para os nosos cetáceos, con 669 varamentos rexistrados, cando "a media de varamentos entre os anos 90 e o 2022 era de aproximadamente uns 280 exemplares", afirma Alfredo López, biólogo do CEMMA, a Galicia Confidencial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O ano 2023 foi especialmente negativo para a nosa fauna mariña. Grandes mamíferos que se deixan ver polas nosas costas, como son os golfiños e os arroaces, aínda que tamén outros cetáceos, experimentaron unha maior mortalidade que outros anos, o que se evidencia no incremento dos varamentos que se foron producindo ao longo do ano. Imaxes de exemplares que non puideron sobrevivir impactaron mes tras mes aos galegos que, con desesperación, vían que non podían facer nada por salvarlles a vida. Mesmo se fixo viral un vídeo no que varios bañistas nunha praia do municipio de Ares tentaban devolver a golfiños que se achegaran moito ao areal mar adentro. Foi unha estampa que conmocionou á sociedade. Dende Galicia Confidencial falamos con Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), sobre esta tráxica cuestión.

Toniña varada en decembro na costa galega
Toniña varada en decembro na costa galega | Fonte: CEMMA - Arquivo

"Este 2023 houbo un aumento moi considerable no número de varamentos, se a media de varamentos entre os anos 90 e o 2022 era de aproximadamente uns 280 exemplares ao ano, este último ano rexistramos case 700 (669), contando todas as especies, aínda que o 80 % deles foron de cetáceos", alerta López, que lamenta que "realmente non sabemos aínda os motivos exactos deste incremento, estamos analizando a situación, pero leva tempo, porque precisamos moitos elementos para chegar a conclusións, e falar con outros especialistas". O que si asegura que se pode apreciar claramente é "unha desestacionalización dos varamentos, porque antes a maior parte acontecían nos meses de febreiro e marzo, cun pico bastante considerable con respecto ao resto do ano, pero este ano, no que ese pico pódese apreciar un pouquiño antes, en xaneiro e febreiro, vese que no mes de xullo non hai descenso de varamentos e de aí segue incrementándose ata final de ano".

Así as cousas, o biólogo considera que "aí pode haber algunha variación en canto ao comportamento dos animais que non se daba en anos anteriores". Entón, que é o que pode estar a suceder? A principal hipótese que se baralla é a da falta de alimento. "É posible que non atopen outras áreas de alimento clásicas para eles nesa época estacional e que se concentren nas nosas costas en lugares moi pequenos pero nos que hai alimento e, por tanto, pesca, o que deriva nesa situación tan explosiva", apunta López. E é que, como sinala, "a maior parte destes animais xa chegan mortos á costa, tan só un 2 % varan vivos, pero a pesares de que hai moitos casos nos que chegan descompostos e non é posible saber a causa exacta da morte, nos casos nos que chegan frescos pódese ver que hai unha grande incidencia de captura accidental, é dicir, aproximadamente un 40 % ou máis dos exemplares varados presentan indicios de captura". Aínda que matiza que "tamén sabemos que hai moitas artes que non causan indicios, polo que non podemos demostrar nalgúns casos que morreran por capturas".

"A TONIÑA É UNHA ESPECIE QUE XA ESTÁ AO BORDE DA EXTINCIÓN"

A situación é dramática e dende o CEMMA amósanse tremendamente preocupados. Alfredo López asegura que "é unha situación moi negativa e que pode influír moi negativamente na evolución das especies, nas poboacións e, sobre todo, naquelas que manteñen unha situación máis crítica na actualidade, como pode ser o caso da toniña (14 varamentos no 2023) ou mesmo do arroaz (42 varamentos en 2023)". De feito, apunta que "cando nos anos anteriores varaban entre 20 e 25 exemplares ao ano, este ano vararon máis de 40, cunha mortalidade moi importante de 'cachorros'", é dicir, de exemplares mozos. Ante este panorama, López lamenta que "esta especie vaise a ver moi negativamente afectada nos próximos 10 anos, con seguridade".

Arroaz varado en xuño na costa galega
Arroaz varado en xuño na costa galega | Fonte: CEMMA - Arquivo

Significa isto que deixaremos de ver a estes animais nas nosas costas, cando vamos nos barcos durante o verán e nos acompañan felizmente na nosa travesía? López apunta que non necesariamente: "Os animais que vemos normalmente na costa son arroaces, e estes viven durante todo o ano nas nosas rías, na costa, polo que a pesares de que a mortalidade lles está a afectar, sobre todo a mortalidade infantil, non vamos a deixar de velos por iso". A quen si podería afectar "a medio e longo prazo" máis ese aumento da mortalidade é "ao golfiño común (443 varamentos en 2023)", a pesares de que "afortunadamente hai moitos". E é que esa mortalidade "reduce drásticamente o número de femias reprodutoras, o que repercute no número de novos individuos".

De feito, isto é algo que xa lle está a acontecer "á toniña (14 varamentos en 2023), que é unha especie que está neste momento ao borde da extinción" e á que "actualmente as capturas accidentais tamén lle están a facer moito dano". López indica que no caso desta especie, "mesmo as femias están madurando moi novas", ao que se suma "toda unha serie de problemas poboacionais que van en detrimento da supervivencia da súa poboación". 

Datos de varamentos en Galicia en 2023
Datos de varamentos en Galicia en 2023 | Fonte: CEMMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta