18F.- Besteiro ve en Rueda un "presidente que non manda"

Compromete mellorar o transporte metropolitano e tacha de "desastre" a xestión da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/01/2024 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou aos socialistas como o partido que "fala" de Galicia fronte a un PP cun "presidente que non manda", en alusión ao titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, e un presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, "que hai uns días dixo que isto ía ser un plebiscito de Sánchez si ou non". Besteiro respondeu así ao ser cuestionado polas declaracións do presidente autonómico e candidato á reelección, Alfonso Rueda, nas que defendeu que as eleccións do 18 de febreiro estarán centradas en Galicia e non en cuestións do ámbito nacional.

"Quen non fai campaña estritamente galega é o PP, aquí chega Feijóo cunha caravana e hai uns días dixo, desdicindo a Rueda, que isto ía ser un plebiscito de Sánchez si ou Sánchez non, isto son as vimbias do PP, un presidente que non manda e outro que vén porque pretende dicir aos galegos o que dixo nas Cortes, non son presidente do goberno porque non quero", sostivo o candidato socialista. Fronte a iso, asegurou que o PSdeG é un partido que pretende "falar dos problemas que lle preocupan aos galegos", entre os que citou o transporte público metropolitano.

CONSORCIO DE TRANSPORTE

Fíxoo xunto a alcaldes da comarca coruñesa, entre eles a rexedora da Coruña, Inés Rey, e nun acto con presenza dunha afectada de Ferrol, que denunciou que non tivo servizo en ningún dos horarios previstos o día de Noiteboa, o que lle impediu desprazarse a Santiago para cear co seu fillo. Explicou tamén que o mesmo lle ocorreu en Nadal e que, finalmente, tiveron que ir buscala en coche.

En base ás demandas dos usuarios, Besteiro mostrou o seu apoio a un Consorcio de Transportes da área metropolitana da Coruña, comprometéndose a impulsalo se os socialistas gañan as eleccións. Ademais, prometeu un "impulso" dos bonos e melloras das conexións para que as liñas "cheguen non só a centros de traballo ou polígonos, senón a hospitais e xulgados", remarcou.

Neste sentido, cualificou de "verdadeiro desastre" a política da Xunta nesta materia polos problemas con liñas como as de Ferrol denunciados por usuarios. Isto atribuíuno a un "defecto de planificación" por parte do PP nos seus anos de goberno. "15 anos nos que non fixo nada para mellorar o transporte", sentenciou.

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios de comunicación
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios de comunicación | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta