A dirección de Podemos en Madrid forza unha nova división en Galicia e irán en solitario o 18F

O 62,36% dos inscritos de Podemos Galicia rexeitou concorrer en coalición con Sumar. Belarra presume que esa é a decisión dos militantes e non dos dirixentes de Galicia. "Lamentamos a decisión. Nós fixemos o que debiamos", din desde Sumar. Monedero cambia de opinión e di, agora, que o non das bases é froito da mala oferta de Sumar.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/12/2023 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O 62,36% dos inscritos de Podemos Galicia rexeitou concorrer en coalición con Sumar para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, fronte ao 36,25% que si apostaba por ir xuntos aos comicios. Unha decisión claramente influída pola dirección e ex dirixentes do partido morado que se opuñan a un acordo negociado pola dirección galega de Podemos que, agora, tras esta consulta, queda en moi mal lugar.

Así se desprende dos resultados difundidos na mañá deste sábado da consulta ás bases que a dirección de Podemos Galicia despregou este xoves e venres, para avalar ou rexeitar esa confluencia electoral coa formación que lidera Yolanda Díaz. Desta forma, o criterio maioritario da militancia é desligarse de Sumar para esta cita electoral.

O preacordo que se fraguou reservaba para os morados o segundo posto da circunscrición pola Coruña e o primeiro por Lugo, así como o terceiro de Ourense e o cuarto por Pontevedra, mentres que Sumar queda co primeiro posto na Coruña e Pontevedra, con máis posibilidades de lograr escano.

IGLESIAS APOSTOU POLO NON E MONEDERO CAMBIOU DE OPINIÓN

A dirección estatal da formación morada marcou distancias sobre este preacordo e especificou que Podemos Galicia ten autonomía e que serían os inscritos quen decidirían se era bo ou malo. Con todo, non apoiou en ningún momento o acordo acadado pola dirección galega de Podemos.

De feito, figuras históricas ligadas ao partido en Madrid si marcaron opinión sobre o criterio que debía primar na consulta. Así, o exlíder do Podemos Pablo Iglesias recomendou nunha editorial de Diario Rede, o medio que dirixe, rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG.

Mentres, o cofundador do partido , Juan Carlos Monedero difería de Iglesias e defendía votar si a concorrer xunto a Sumar ás eleccións galegas para non fracturar a esquerda, a pesar de que a súa oferta a Podemos era "arrogante" e unha "trampa". Con todo, este mesmo sábado e tras coñecerse os resultados, reivindicou que a militancia do partido é "soberana" e sospeita que o rexeitamento á coalición con Sumar en Galicia era o resultado que "quería" a formación liderada por Yolanda Díaz, tras unha oferta de confluencia "dificilmente asumible" polas bases moradas.

Pablo Iglesias e Yolanda Díaz
Pablo Iglesias e Yolanda Díaz | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

"Teño a sensación de que este era o resultado que quería quen fixo unha oferta dificilmente asumible á militancia de Podemos. Demasiada dor acumulada. Toca mirada longa e seguir remando. A alternativa, mata", resolveu o cofundador do partido morado.

BELARRA

A líder de Podemos, Ione Belarra, destacou que a militancia do partido en Galicia dixo "alto e claro" que a formación morada debe estar presente nas eleccións do 18 febreiro e o seu proxecto político debe ser "respectado".

Así o proclamou nunha mensaxe na rede social X tras coñecer que as bases de Podemos Galicia rexeitaron de forma ampla, por un 62,36%, concorrer en coalición con Sumar para esta cita electoral, votando así en contra do preacordo de confluencia que se alcanzou o pasado mércores.

Tras esta decisión, Belarra salientou que na súa formación as decisións importantes as toma a xente e, en consecuencia, unha "ampla maioría" de inscritos dixo "alto e claro" que o proxecto transformador de Podemos ten que estar presente nas próximas eleccións galegas".

SUMAR

Pola súa banda, Sumar lamentou a decisión das bases de Podemos Galicia de rexeitar o preacordo de coalición electoral para as eleccións do 18 de febreiro e agora céntrase en conseguir ser clave para o cambio político nesta comunidade.

"Lamentamos a decisión. Nós fixemos o que debiamos", trasladaron fontes de Sumar a Europa Press, tras coñecer que o 62,36% da militancia do partido morado opúxose a unha lista conxunta con Sumar a esta cita electoral. Desde a formación que lidera Yolanda Díaz salientaron que existe unha "oportunidade histórica" o 18F para "sacar a Galicia da parálise" e que "corra o aire na Xunta", en referencia ao obxectivo de desbancar ao PP do goberno autonómico.

Por tanto, desde Sumar proclamaron xa se envorcan na contenda electoral. "Nós estamos a iso e só a iso", salientaron para pasar páxina tras a decisión de Podemos Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

O titular de axencia é pervertidor, por non dicir perverso. Aquí, a diferenza do que fai Sumar, Fa consultouse as bases, que contrariaron (e impediron) a decisión da dirección galega. Ogallá se fixese así sempre. Mais o resumo é "a dirección de Podemos en Madrid forza unha nova división en Galicia e irán en solitario o 18F"...