Os xornalistas galegos aínda non recibiron formación específica para abordar os suicidios nos medios

"Dentro da Estratexia Galega para a Prevención do Suicidio, aprobada no 2017, hai unha parte adicada aos medios de comunicación, na que a Consellería de Sanidade adquiriu o compromiso de formar aos xornalistas no bo tratamento informativo e tamén de apoiarse neles para levar a cabo campañas de prevención e sensibilización", explica Eliana Martins, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), que lamenta que "esa parte a día de hoxe está aínda sen desenvolver"

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Fai menos de dez anos que o tratamento do suicidio nos medios de comunicación pegou un cambio importante. Se antes se consideraba un tema 'tabú' do que non se podía falar por temor ao coñecido como 'efecto contaxio', e que se consideraba que só contribuía a fomentar o morbo por parte da sociedade ao redor da morte da persoa, hoxe por hoxe todo cambiou: agora os xornalistas toman (tomamos) conciencia de que é importante informar sobre o suicidio entendido como unha problemática social que deriva de múltiples factores e que debe ser posto no punto de mira das administracións, para conseguir medios, recursos e apoio para as persoas que están a sufrir ata o punto de plantexarse o suicidio. Deste xeito, cada vez informáse máis dos recursos que existen para estas persoas e tamén do teléfono de atención que existe: o 024. Con todo, semella que isto é algo que os xornalistas foron aprendendo 'motu propio', pois nas aulas non se lles ensinou así e, fóra delas, ninguén lles orientou sobre como facelo.

Imaxe sacada por 'El País' do suicidio de Kurt Cobain
Imaxe sacada por 'El País' do suicidio de Kurt Cobain | Fonte: Arquivo

Eliana Martins, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), conta a Galicia Confidencial que dende o colexio levan anos cunha reivindicación: que aos xornalistas se lles ensine como falar de suicidio e como levar a cabo o tratamento dunha morte tan traumática. "Dentro da Estratexia Galega para a Prevención do Suicidio, aprobada no 2017, hai unha parte adicada aos medios de comunicación, na que a Consellería de Sanidade adquiriu o compromiso de formar aos xornalistas no bo tratamento informativo e tamén de apoiarse neles para levar a cabo campañas de prevención e sensibilización", explica Martins, que lamenta que "esa parte a día de hoxe está aínda sen desenvolver". Campañas de prevención e sensibilización si se fixeron, por exemplo no Día da Prevención do Suicidio, pero "a parte de formación para o colectivo de xornalistas está sen desenvolver e é urxente que Sanidade a desenvolva, porque estamos a falar dunha estratexia que data do 2017, polo que xa van aló seis anos longos sen que se cumpra o compromiso de ofrecer formación especializada aos xornalistas".

Contar con esta formación é fundamental, porque, como confesa Martíns, "vimos dunha formación nas facultades de antes que era totalmente contraria ao que agora debemos facer, e por iso agora nos atopamos con que non sabemos como informar, e informar mal do suicidio é contraproducente, mesmo perxudicial, para facelo mal é mellor non facelo". Por iso, se se educa de novo aos xornalistas no tratamento correcto do suicidio, conseguirase que "as boas prácticas incluídas na Estratexia de Prevención do Suicidio se traduzan aos xornais, aos medios dixitais, ás televisións e ás radios". E é que antes aos xornalistas sempre se nos dixo que cando se soubese que un falecemento fora consecuencia dun suicidio non se contase, algo que agora xa non é 'tabú'. O que pasa é que é moi importante informar realizando un bo tratamento, contando a información adecuada e de interese, non caendo no morbo nin no sensacionalismo. 

Eliana pón como exemplo o caso do home que este mesmo ano desapareceu no río Ulla e que, despois das investigacións, se descubriu que se tratara dun caso de suicidio. "Houbo medios que trataron moi ben a noticia, contaron que a principal hipótese sobre a morte era o suicidio e cortaron aí a información, porque a partir de aí o seguemento da vida desta persoa xa non ten interese informativo, e as circunstancias que o levaron a suicidarse xa pertencen á súa intimidade, pero houbo outros medios nos que seguiron contando que foi o que fixera o día do suicidio, o que non fixera, con quen se viu... Iso non debe facerse, sobre todo tendo en conta que a familia entra nun momento de asunción do que está a pasar, de loito, que temos que respectar e que non nos interesa", recorda a vogal do Colexio de Xornalistas de Galicia, que volver incidir en que "temos que educarnos nesa parte de discernir o que é información do que é morbo e do que é emoción".

OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN PODEN TER UN PAPEL PREVENTIVO

Titular de 'El Mundo' sobre o suicidio de Kurt Cobain
Titular de 'El Mundo' sobre o suicidio de Kurt Cobain | Fonte: Arquivo

Deste xeito, hoxe por hoxe, dende fai uns seis ou sete anos cara esta parte, xurdiron movementos sociais para pedir que se falase do suicidio, e averigouse que os medios de comunicación si podían ter un papel preventivo. "Como xornalistas é moi importante que fagamos pezas en profundidade, saíndonos do convencionalismo, e explicando o que é a conduta suicida, divulgando os recursos que hai (como poden ser as unidades de prevención do suicidio, nas que Galicia agora está facendo moito traballo), denunciando tamén toda a causalidade social que hai detrás (porque se hai un malestar social por ter problemas para alimentar á miña familia ou se estou sufrindo acoso laboral ou precariedade obviamente son máis susceptible porque se incrementa o meu nivel de sufrimento)...", afirma Martins. Sobre a precariedade social, afirma que é algo a ter moi en conta, pois "xa a Organización Mundial da Saúde (OMS) nos alertara a todos durante a crise económica do 2008 de que había que poñer mecanismos para protexer á poboación, e máis recentemente alertounos tamén coa pandemia, dicindo que se non se daba unha adecuada cobertura social ao problema podía producirse un aumento dos sucidios".

Agora ben, apunta a que se como xornalistas "informamos únicamente de que a pandemia dispara as tasas de suicidio, estamos a dar unha información sesgada e que non é certa, porque deberiamos completar iso poñendo o foco nos medios que faltaron para evitar ese incremento ou para previlo". Actualmente, asegura que "podemos facer unha peza informativa divulgando os recursos que existen, a onde poden acudir as persoas con problemas, hai esas unidades de prevención do suicidio, os teléfonos aos que chamar, as urxencias dispoñibles, a Garda Civil... Todos os recursos aos que calquera persoa pode acudir de atoparse sufrindo ou aos que pode recurrir tamén o familiar próximo ou achegado a unha persoa que o está a pasar mal". Ademais, tamén invita a "que non nos salte ese resorte que nos salta cando alguén fala diso, hai que deixar falar e escoitar, para averiguar se realmente hai unha ideación suicida". 

CASO VERÓNICA FORQUÉ: "ISO NON É XORNALISMO, ISO É OUTRA COUSA"

No que ten que ver co tratamento que se fixo ao longo da historia sobre algúns suicidios, Martins ve un maior problema aínda cando se trata da morte traumática dunha persoa famosa. "Un suicidio só pode ser noticia cando haxa un interese público detrás, e cando o suicidio é o dunha persoa famosa, esa pauta nunca se respecta", afirma Martins, que pon o exemplo da actriz Verónica Forqué, caso no que "se detallaron ata os medios que empregou para suicidarse, algo que a ninguén lle importa, e mesmo se lle deu un tratamento romántico, simplificando as causas". Ademais, a vogal do Colexio de Xornalistas ten claro que "as imaxes nunca deberían saír á luz, porque non aportan nada". "Cando estamos caendo nese tratamento romántico ou no método empregado estamos explorando as emocións, non ofrecendo información, xa sexa porque sabemos que as emocións tiran moito máis ou porque así a nova vai despertar máis interese e ser máis lida, pero como xornalistas temos a responsabilidade de non caer niso, porque iso non é xornalismo, iso é outra cousa".

Precisamente eses erros no tratamento da información foron os que derivaron no seu momento na idea do 'efecto contaxio', porque, como recoñece Eliana, "si houbo casos documentados de suicidio nos que, a partir do tratamento, sobre todo en determinadas franxas de idade ou onde se puxo moito énfase no medio empregado ou se achacou o desenlace a unha única causa (cando sabemos que o suicidio é multifactorial, nunca ten unha única causa), unha persoa na mesma situación que a falecida e que está experimentando un nivel alto de sufrimento si pode chegar a tomar a mesma decisión". Con todo, hoxe por hoxe máis ben estamos no chamado 'efecto papageno', que considera que "falar do suicidio tamén pode ter un factor protector", e "os xornalistas temos que facer un bo tratamento para cumplir con ese papel social que temos os medios de comunicación", conclúe Eliana.

Nova sobre o suicidio de Luis Ocaña en 'El Mundo'
Nova sobre o suicidio de Luis Ocaña en 'El Mundo' | Fonte: Arquivo
Redacción
Redacción | Fonte: COLEXIO DE XORNALISTAS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta