O bispo de Mondoñedo-Ferrol subliñou o compromiso da Igrexa por "erradicar" os abusos a menores na Igrexa

A diócese abrirá tamén un piso de acollida para presos de segundo e terceiro grao.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2023 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, destacou que este 2023 foi "un ano no que a Igrexa contribuíu a todo o que significa o ámbito da caridade", con iniciativas como a posta en marcha dun piso de acollida para presos de segundo e terceiro grao do cárcere de Teixeiro.

Así o indicou durante a súa participación nun almorzo informativo que ofreceu a xornalistas na súa residencia de Ferrol, no edificio da Domus ecclesiae. Así, García Cadinaños destacou que este piso "aínda non está a pleno servizo", por temas burocráticos, pero ofrecerá tres prazas no barrio de Canido, algo que, ao seu entender, "contribuirá a que as persoas privadas de liberdade poidan inserirse na sociedade".

Ademais, o burgalés tamén destacou outra iniciativa, denominada corredores humanitarios, unha iniciativa que a Conferencia Episcopal Española (CEE) iniciou o ano pasado e que tenta pór en relación a persoas inmigrantes con lugares onde fai falta forza de traballo. "Ás veces os inmigrantes veñen, pero non teñen traballo, e hai outros lugares onde teñen traballo, pero non teñen persoas", detallou.

Así, incidiu en que desde Cáritas Diocesanas tamén participan neste sistema e "hai unha persoa no Valaduro neste novo proceso". "É un pequeno xesto que facemos de comunicación de compartir os nosos recursos, unha casa parroquial, ao servizo desta realidade, para que leve adiante a súa nova vida e poida desa maneira asentarse no territorio", engadiu.

No ámbito da cultura, o bispo destacou a creación da Cátedra Diocese-UDC, as novas propostas para mostrar a Catedral de Mondoñedo, "como a visita ao alto da catedral, a ver A Paula, os salóns góticos e coidando o que é o núcleo, o Cabildo".

Por último, García Cadiñanos destacou que, con respecto ao patrimonio e a restauración, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol "gasta nestes ámbitos uns 600.000 euros, que non é pouco diñeiro, máis ou menos un 20% do seu orzamento anual". A isto hai que engadir o que as administracións públicas achegan, "que tampouco é pouco".

Entre algunhas das obras na zona de Ferrol destacou os traballos na Concatedral de San Julián, ademais da igrexa de Dores ou Santa Rita de Xuvia, en Narón, destacando que "se realizaron moitas máis obras, en toda a Diocese, na zona de Lugo, fundamentalmente eu querería destacar o Mosteiro de Lourenzana".

O bispo de Mondoñedo-Ferrol
O bispo de Mondoñedo-Ferrol | Fonte: DIOCESE DE MONDOÑEDO-FERROL.

ABUSOS A MENORES

O bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, subliñou este xoves o compromiso da institución eclesiástica por "erradicar" os abusos a menores tanto no seo da Igrexa como no conxunto da sociedade. En declaracións aos medios durante un encontro en Ferrol, García Cadiñanos asegurou que a Igrexa tratou " de fomentar o coidado da infancia".

Así, apuntou, a oficina de defensa dos menores sacou " unha guía de boas prácticas" ao servizo de todos os ámbitos diocesanos e que se está implementando en todas as pastorais. "Como Igrexa queremos coidar á infancia, queremos fomentar os seus dereitos e queremos, sobre todo, erradicar todo o tema dos abusos no seo non só noso, senón no seo da sociedade", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta