Coren achegou uns 100.000 quilos de produtos a familias en situación de vulnerabilidade

Trátase de alimentos frescos, conxelados ou en conserva, así como asados procedentes das súas tendas Coren Grill, que representan máis de 400.000 racións.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/12/2023 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

En liña coa súa política de responsabilidade social e compromiso de apoio permanente á sociedade galega, o programa de acción social do Grupo Coren realizou ao longo deste 2023 achegas por máis de 100.000 quilos de produtos (400.000 racións de alimentos) a entidades locais da súa contorna. Trátase de alimentos frescos, conxelados ou en conserva, así como asados procedentes das súas tendas Coren Grill, que se destinan a familias en situación de vulnerabilidade

Entrega ao Banco de Alimentos de Ourense. Foto: Coren.
Entrega ao Banco de Alimentos de Ourense. Foto: Coren.

A cooperativa que preside Manuel Gómez-Franqueira mantén colaboración con máis de 30 organizacións, ás que apoia de modo continuo ao longo de todo o ano. Entre as entidades destinatarias deste plan de cooperación social atópanse Cáritas, Cruz Vermella, Federación Galega de Bancos de Alimentos, Remar, Afán, Vida Digna ou Renacer, ademais de comedores sociais, asilos, parroquias, ONG’s e outras asociacións de axuda. 

Entre eses acordos de colaboración, hai un con Cruz Vermella para apoiar a familias con dificultades mediante vales económicos para a adquisición de produtos nas súas tendas Coren Grill, así como de cobertura de casos de especial necesidade que non poden ser atendidos mediante outras axudas. Igualmente, en datas sinaladas como o Nadal non só intensifica as súas doazóns, senón que tamén se une á campaña de Protección Civil para recollida de xoguetes para nenos.

ACCIÓNS SOCIAIS

Coren desenvolve todo o ano un plan de accións sociais cun especial compromiso de apoio aos colectivos máis vulnerables, impulsando o benestar, a solidariedade, a inclusión ou o desenvolvemento social.

Así mesmo, dentro do seu plan de acción social --que cumpre cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas--, actívanse outras accións sociais en beneficio da comunidade galega. Entre elas inclúense, por unha banda, a formación continua das súas cooperativistas e empregados e, por outra, a colaboración en actividades sociais, culturais e deportivas, dirixidas á integración social, a mellora do benestar e a promoción de hábitos de vida saudable. Tamén mantén unha colaboración permanente con protectoras de animais. Deste xeito, o Grupo Coren promove que o seu traballo día a día repercuta no benestar das persoas e o coidado da contorna, cun beneficio para toda a sociedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta