O axente que desmantelou a cúpula de ETA nos 70, relator nas VI Xornadas de Novela Negra de Verín

Mikel Lejarza, tamén coñecido como "Lobo", participará o venres 26 de xaneiro nunha táboa redonda na que estará acompañado de Fernando Rueda e o xuíz Vázquez Taín, coordinador das xornadas.

Por Galicia Confidencial | Verín | 16/12/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Do 25 ao 27 de xaneiro de 2024, Verín mergúllase nun ambiente de intrigas, espionaxe, crimes e misterio coa celebración das VI Xornadas de Novela Negra “Ficha 342”. Unhas xornadas que mesturan realidade con ficción organizadas pola Biblioteca Municipal de Verín en colaboración co concello.

Presentación VI Xornadas de Novela Negra de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación VI Xornadas de Novela Negra de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.

Entre os relatores desta nova edición, atópanse Iñaki Sanjuán, Inspector Xefe da Policía Nacional e responsable da sección de terrorismo internacional; Fernando Serrulla, Médico Forense e Antropólogo Forense, a cargo da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia; Mikel Lejarza, tamén coñecido como "Lobo", axente do SECED/CNI que desmantelou a cúpula de ETA desde dentro na década de 1970; e Fernando Rueda, xornalista de investigación e autor da biografía de Mikel Lejarza, así como do primeiro libro sobre os misterios do entón CESID, agora CNI, que cumpre 30 anos.

Do ámbito literario achegaranse a Verín, entre outros e outras, María Solar, gañadora do Premio Xerais 2022, coa súa novela "A culpa"; e Pedro Feijoo, presentando "Ninguén contará a verdade", galardoada co Premio Xerais 2023.

O evento contará tamén coa participación de Enrique León Calviño, Ex Comisario de Vilagarcía, quen presentará a Iñaki Sanjuán. Como en anteriores edicións, a coordinación das xornadas correrá a cargo do Xuíz Vázquez Taín.

PRESENTACIÓN DO EVENTO E PROXECCIÓN AUDIOVISUAL

As voluntarias da Biblioteca de Verín, encabezadas por Lara Páez, Sara Blanco e a recentemente incorporada Diny Blanco, serán as encargadas de conducir o evento. Tamén serán responsables de presentar aos relatores nas diferentes xornadas do programa.

As actividades que contempla a programación das VI Xornadas de Novela Negra de Verín terán lugar no  Auditorio Municipal, agás a proxección da película "O Lobo", que será o xoves 25 ás 19:30 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín. A entrada será de carácter gratuíto.

PREMIOS POR PROMOVER AS XORNADAS

Ademais, desde a Biblioteca Municipal impulsarán unha acción para promover as xornadas. Esta consiste en premiar aquelas persoas que se fagan a “FICHA342”, que consistirá en tomar unha fotografía na particular ficha biblio/policial (photocall que se atopa instalado na Biblioteca Municipal de Verín). Posteriormente deberán compartila nas súas redes sociais etiquetando a @bibliotecadeverin, así como aos autores participantes, co hashtag #FICHA342.

Os cinco participantes máis populares, medidos polo número de "likes" e "compartidos en redes", recibirán libros especialmente dedicados polos autores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Podemos pedirlles que retransmitan as Xornadas Novela Negra de Verín vía YouTube... A ver se imos empregando as vellas tecnoloxías dunha vez por todas neste país...? https://twitter.com/bibliotecaverin...