Comparte esta noticia

"Ata agora dediqueime á venta e distribución de marisco e peixe, pero estou en proceso de deixalo para poder vivir do Porco Celta", de mar e de montaña, Nando López, é un gandeiro e criador desta raza porcina en Mondoñedo, que ten a súa actividade económica principal ligada ao mar en Viveiro. "Aproveito a loxística do peixe co meu vehículo acondicionado e dividido en dous rexistros sanitarios para poder transportar carne ou peixe, sen misturar", recoñece sobre a súa actividade actual, pero como xurdiu este afán?

Un porco celta
Un porco celta | Fonte: ASOPORCEL

No 2018, Nando decidiu ter unha pequena explotación de Porco Celta sen maior pretensión que sacar para o autoconsumo e vender excedentes ás industrias. "Busquei unha raza que me fóra fácil e non me obrigara a mercar maquinaria, pedir cartos ao banco ou que tivese unha infraestrutura cara", explica. Unha vez se decidiu, non agardaba que atopase así o traballo da súa vida. "Empecei con 19 animais e antes do ano xa tiña localizadas femias reprodutoras e un semental, así iniciei a cría con axuda da ASOPORCEL, asociación da que formo parte". No segundo ano, recoñece que as cárnicas xa lle ían á casa para pedirlle lotes e decidiuse a facer un cebadeiro en extensivo "todo fóra e artesán". 

A pandemia, a guerra de Ucraína encareceron os cereais, medicamentos e "os prezos da carne mantivéronse" entón explica que "non había marxe de beneficios". Foi nese punto no que Nando se aventurou á elaborar produtos propios para comercializar. "Vendía canais a particulares que me preguntaban se tiña chourizos, salchichóns ou xamóns", lembra e aí decidiuse a rexistrar unha marca, Celtagal, que xa fai un ano está activa e en distribución por toda Galicia en eventos, na hostalaría e coa opción de compra en liña . 

UNHA RAZA DÓCIL

Nando destaca do Porco celta que é unha raza moi dócil e fácil de manexar. "Está ao aire libre, hai que darlles de comer e beber e cun cercado eléctrico, xa vas tirando", comenta e engade que mercou un pastor tecnolóxico que lle dá os fallos da finca e xa vai "a tiro fixo". O único que recoñece que quita máis tempo é o momento dos partos onde nun período de dous meses hai que prestar máis atención. "Calquera persoa que viva na cidade sen contacto previo con este animais, poderían ter un lote pequeno e, con asesoramento da ASOPORCEL, chegar a 80 animais en dous anos", di que se hai ganas e interese é fácil de criar, pero que para vivir disto hai que mentalizarse doutro xeito. 

Agora mesmo Nando ten seis reprodutoras, o semental e o cebadeiro, pero quere máis. "Quero pasarme a unha explotación industrial cunha finca grande e un volume de animais", expresa o seu desexo de medrar porque con "20 ou 50 porcos non vives, telos por sentimento, romanticismo por Galicia ou afección". Para poder vivir integramente disto o criador sinala a que sería necesaria unha produción anual de "150 animais para arriba" para ter unha "explotación de Porco celta rendible e vivir diso". 

Porén, para iso é preciso conservar esta raza que aínda está en perigo de extinción. Ante isto ten claro que "a mellor maneira de recuperala é consumindo" porque así as explotacións van criar, vai haber máis partos e iso "multiplicado por 150 ganderías en Galicia". 

O PORCO CELTA FRONTEO AO IBÉRICO

"O Ibérico leva a fama e o protagonismo, temos Ibérico ata na sopa e ten moitos tipos de calidade, pero o Porco celta é unha raza única neste aspecto", reivindica Nando. Fai referencia tamén na importancia de levar este produto "noso e de calidade" por diferentes festivais de música como O Marisquiño, Son do Camiño ou Resurrection Fest. "Poño de exemplo a Food truck de '100% feito en Galicia' que prepara razas autóctonas como esta ou a cachena, que tamén teño". Na súa estratexia de comercialización está acudir todos os fins de semana do ano a eventos, que realiza a ASOPORCEL, como feiras, mostras ou 'ShowCooking' con profesionais da cociña que foi no primeiro que se centrou. "Agora pasarei ás tendas, pero nos inicios apostei por que cociñeiros e cociñeiras probasen e preparasen os meus produtos".

Así, a carne do Porco celta non só estaría en hamburguesas nun festival, senón tamén nos colexios, onde a asociación, xa está introducindo carne fresca. "O valor desta carne está reflectido no modo de cría, no verde, na humidade de Galicia que fai que teña unhas características únicas e diferentes", remarca. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta