Santiago dá a sorpresa co seu alumeado de Nadal: un 'poboado' infantil e malabaristas polas rúas

Veciños e curiosos achegáronse na noite deste venres ao aceso do alumeado na capital galega, e non quedaron decepcionados, excepto porque no mercado da Estrela, por seis churros cobraban tres euros e porque no pazo de Raxoi os andamios empañaban a máxica atmósfera da árbore coa catedral de fondo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/12/2023 | Actualizada ás 23:12

Comparte esta noticia

Este venres as rúas de Santiago atopábanse especialmente cheas de xente. Na cidade raíña do turismo en Galicia había un cheiro especial: a castañas, a churros e, sobre todo, a Nadal. O aceso do alumeado congregou a unha gran parte dos veciños da cidade galega e de pobos próximos, así como a estudantes que se quedaron a pasar a fin de semana na capital para desfrutar das luces e peregrinos, moitos peregrinos, que elixiron facer o Camiño nunha época do ano tan especial. Dende Galicia Confidencial non quixemos perdernos o aceso, para poder ser dos primeiros en contarvos as cousas máis especiais deste ano, como xa fixemos no caso de Vigo fai unha semana.

Árbore de Nadal en Santiago, a 1 de decembro de 2023
Árbore de Nadal en Santiago, a 1 de decembro de 2023 | Fonte: GC

Como primeira sorpresa, na Praza do Obradoiro, a tradicional árbore de Nadal, dentro da que se pode entrar para tomarse fotos rodeadas de moitas bombillas, atópase este ano acompañada dunha especie de poboado de Nadal, cun campo simulado no que abundan os animaliños feitos con tocóns de madeira; árbores naturais das que colgaban xigantes bolas coas tradicionais cores verde, vermella e branca; pontes e camiños de terra con diferentes desniveis para que os nenos puidesen xogar; un pequeno recinto de area no que facer trasnadas; e un pesebre coas figuriñas talladas na madeira, de corte minimalista.

Tanto gustou esta aposta que fixo a cidade que moitos dos visitantes congregáronse cos nenos na praza, e custaba traballo atopar un oco no que meterse entre tantas persoas. Ademais, coa luz que ilumina continuamente a catedral tras de si, a atmósfera era aínda máis máxica. Un lugar moi recomendado, sen dúbida, para ir con nenos, pero no que os adultos tamén poden desfrutar moito, pois a ninguén lle amarga un 'selfie'. A parte negativa? Que as obras no pazo de Raxoi, sede do goberno municipal, aínda non remataron, polo que os andamios (como noutro tempo sucedeu coa catedral) tiveron que ser tapados por unha pancarta cunha estrela de Nadal.

Seguindo pola rúa do Franco, con varios cordóns de luces que a iluminaban por completo na súa totalidade, chegábase á Alameda, onde este ano o Concello propón un xogo para buscar as luces que iluminan diversos espazos deste emblemático patrimonio compostelán. Non imos desvelar os segredos, pero é unha experiencia única, e moi recomendada, que parte da mensaxe que está proxectada sobre o solo do paso de peatóns que da acceso a este 'xardín' dende o centro histórico: 'Compostela, a estrela de Nadal'; e continúa coa figura das dúas Marías iluminada cunha intensa cor azul. Non pasou desapercibida para ninguén que pasase por alí, que sentía a necesidade de deterse a observala, coma se brillase cunha aura propia.

Xa na carreira do Conde, onde abriu o primeiro mercado de Nadal deste ano en Compostela: o mercado da Estrela, moitos curiosos observaban as innovacións que traían os postos deste ano: dende marionetas para os rapaces, pulseiras artesanais, bonecos de Play Móbil de todo tipo e casetas con crepes, churros, queixos e todo tipo de doces de Nadal. Co frío que fai esta noite, a cola para mercar uns churriños quentes con chocolate era ben grande, e iso que por seis churros cobrábanche tres euros: a 50 céntimos o churro, case nada, cando nunha feira os encontras por un euro! A verdade é que neste sentido os prezos non son asequibles para todos os petos, pero como adoita dicirse: un día é un día, e o Nadal é a época de gastar por excelencia, ou alo menos iso di esta sociedade consumista.

Árbore de Nadal en Santiago, a 1 de decembro de 2023
Árbore de Nadal en Santiago, a 1 de decembro de 2023 | Fonte: GC

Dende esta rúa compostelá escoitábase música que proviña da Praza Roxa, onde unha gran carpa sorprendía a moitos mozos que adoitaban congregarse nela como todas as tardes. Dentro dela, grupos de música ensaiaban as cancións que tocarían durante a noite, evento que se repetirá durante varios días ao longo de todo este mes de decembro e de parte do mes de xaneiro. Ao lado, unha gran caixa de regalo feita de luces en cuxo interior tamén había moita xente sacando fotos para o Instagram. Ninguén quería quedarse sen a súa proba de que estivera no Nadal de Compostela.

Pero, sen dúbida, o que máis gustou na xornada deste venres ao público foron os pasarrúas: un grupo de titiriteiros e acróbatas fixo as delicias das persoas que paseaban polas rúas do casco vello. Dende un home que facía malabares con bolos ata un acróbata que se atrevía a pasar os adoquíns da rúa do Franco subido nunha pelota xigante, pasando por unha contorsionista colgada dun aro que semellaba 'flotar' e que impresionaba a nenos, mozos e adultos. Todos vestidos de branco, seguidos por unha banda de música con alegres sons, non pasaban desapercibidos na noite compostelá. Estas son algunhas das sorpresas que deixou o Nadal da capital galega nesta primeira xornada de aceso das luces, pero anuncia que agocha moitas máis nos próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Pero gustouche ou non?