A Xunta "espera e desexa" que Jácome non peche os servizos sociais comuntarios de Ourense

O Goberno galego manifestou que "non son momentos de prescindir de ningún tipo de unidade de prestación de servizo nin recursos humanos".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/11/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O Goberno galego manifestou o seu "desexo" de que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, non acometa a remodelación dos servizos sociais comunitarios que anunciou en outubro que agruparía en só dúas oficinas. "Non son momentos de prescindir de ningún tipo de unidade de prestación de servizo nin recursos humanos. Espero e desexo que o anuncio quede nun anuncio e non sexa unha realidade porque iría totalmente en contra da prestación de servizos á cidadanía de Ourense", expresou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

O responsable da Consellería de Política Social e Xuventude respondeu así a unha pregunta feita pola deputada do PSdeG Mariña Ortega, que demandou ao Goberno galego que vele polo respecto ás estruturas dos servizos sociais na capital ourensá ante os "preocupantes" anuncios do seu alcalde. Na súa intervención, Parrado sinalou que a Xunta non ten constancia de "ningún tipo de recorte" en materia de recursos humanos nas Unidades de Intervención Social (UNI) que operan na cidade no últimos tres exercicios. "Non estaremos nunca a favor de recortes de recursos humanos ou materiais", incidiu o director xeral, que se comprometeu a estar vixiantes desde a Administración autonómica sobre o cumprimento da normativa e da aplicación de "a intervención que sexa necesaria" en caso de detectar irregularidades.

O alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta