Axudas de ata 3.000 euros para os familiares de falecidos no mar durante o próximo ano

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A Xunta destina un orzamento de 50.000 euros á orde de axudas a familiares de profesionais falecidos no mar en accidente laboral durante o próximo ano. A concesión da axuda será para as mortes producidas desde o 1 de decembro de 2023 ata o 30 de novembro de 2024.

As axudas, que poden alcanzar ata os 3.000 euros, foron publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo de solicitudes está aberto ata o 15 de decembro de 2024. Segundo a orde, haberá axudas de 3.000 euros para a viúva ou parella de feito da persoa falecida, así como 1.000 euros para cada fillo menor de 21 anos.

Desta forma, a orde inclúe como profesionais do mar aos tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación e pavillón, tripulantes non galegos que coticen no Réxime Especial do Mar nun pesqueiro con porto base en Galicia, mariscadores e traballadores de viveiros flotantes en augas da comunidade. Así mesmo, terán a consideración de persoas falecidas para os efectos da orde cando a persoa leve desaparecida 10 días desde a data na que tivo lugar o sinistro.

Familiares dos mariñeiros no acto do descubrimento dunha placa en honra aos falecidos
Familiares dos mariñeiros no acto do descubrimento dunha placa en honra aos falecidos | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta