Lucía Casal, a gandeira máis moza de Melide: "As vacas axudáronme a superar o 'bullying' no instituto"

Esta 'instagramer' asegura que moitos mozos queren seguir coas vacas dos seus pais, pero non saben como, pois non contan con axudas nin con ninguén que lles forme para facelo. "Aquí en Melide estivemos un día botando contas e nas granxas da redonda o relevo xeracional que hai cóntase cos dedos das mans", asegura.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Lucía Casal é unha rapaza de 20 anos moi especial. Tivo o valor de adicarse a algo que non é habitual en persoas da súa xeración: a gandaría. E non por traballo, senón por verdadeira paixón. Esta melidense, que hoxe comparte os seus vídeos coas vacas nas súas redes, onde conta xa con máis de 10.000 seguidores, dende ben pequena sentiu o gusto polos animais e polo rural. Agora cóntanos a súa historia, como un exemplo a seguir para que máis mozos se sumen a unha tradición moi galega que, por desgraza, cada vez vai a menos. Así nolo conta a Galicia Confidencial.

Lucía Casal co seu can
Lucía Casal co seu can | Fonte: Cedida

"Eu nacín en familia de gandeiros, os meus avós paternos xa eran gandeiros, tiñan vacas de leite, e cando faleceron pasámonos meu pai e eu ás vacas de carne, para poder compatibilizar mellor o outro traballo que tiña meu pai: unha empresa de servizos, coa que ía co tractor a traballar para os veciños", conta Lucía, que dende a cuna é do rural galego. Pero é que ademais, lonxe de rexeitar as súas raíces, "dende pequeniña sempre me gustou moito estar na aldea". E iso que na casa tamén tiña outra parte, o sector do comercio, ao que se adicaba a súa nai, á que tamén axudaba. Pero asegura que "eu sempre quería ir á granxa e estar cos animais". "Dende pequeniña ía e xogaba a que estaban enfermos e eu os curaba, porque sempre quería curalos, non me gustaba velos enfermos", recorda emocionada.

Por aquel entón Lucía era unha rapaciña moi pequena, polo que "empecei traballando un pouquiño, segundo a miña forza me deixaba e o meu sentido, porque claro, mentres eres unha nena non che dan esa confianza". Con todo, pronto colleu xeito a cousa, "un día varría, outro cambiaba a comida e a día de hoxe xa fago de todo". Ata o punto de que non se adica en exclusiva, a pesar da súa corta idade, a axudar na casa: "Pola mañá traballo noutra empresa, e pola tarde teño clase semipresencial, só asisto a facer os exames pero danme case todo 'online', así ás horas que me quedan libres pola tarde sempre as paso na gandaría, e as fins de semana sempre, porque non traballo, e xa no verán cando non hai clases pásome todos os días na granxa". Unha todoterreo!

Como pode verse, o que Lucía sinte polo campo é paixón. A granxa e as súas vaquiñas cúranlle todos o males: "Eu, de feito, teño bastantes problemas de ansiedade, por cousas que me pasaron ao longo da vida (como nos conta máis adiante) e estar no medio das vacas fai que me tranquilice, faime máis efecto iso que calquera pílula". E é que dende o instituto Lucía foi vítima de 'bullying' por parte dos seus compañeiros: "Todo o mundo me dicía que andaba coas vacas porque non tiña cartos ou que cheiraba mal, e eu con toda a miña inocencia dicíalles que non cheiraba mal porque 'eu lávome, miña mamá lávame a roupa'". Por sorte puido ir saíndo dese pesadelo pouco a pouco, aínda que tivo que cambiarse de colexio, porque "no instituto de Melide machacábanme, ríanse de min por subir unha foto cunha vaca ás miñas redes, con cabalos e cans".

Ata o punto de que, como recorda, "facíanme 'stickers' e memes ríndose de min polas fotos que subía, menosprezándome e deixándome de lado por andar coas vacas, dicíanme 'ti non eres a nosa amiga', 'é mellor que apartes porque andar con alguén das vacas...'". "E iso que meu pai tiña unha empresa de servizos, e ao mellor metíase comigo xente que tamén tiña gandaría na casa, iso é o máis triste", asegura Lucía, que a día de hoxe cre que "iso foi o que me deu a forza, aínda que non é algo bonito, pois a min deume forza, pero a outras persoas pode quitarlla". Neses momentos tan malos que atravesou na súa curta vida, quenes sempre estiveron aí para animala, aparte dos seus pais, foron as súas vacas: "Eu cando estaba mal sempre ía para onde as miñas vacas".

Lucía Casal, o cariño que pode dar unha vaca
Lucía Casal, o cariño que pode dar unha vaca | Fonte: Cedida

"Moita xente di que os cans cando estás mal danse de conta e danche cariño, e eu teño cans, vacas, cabalos e gatos, e dígoche que son os cabalos e as vacas os que o notan de verdade, quizáis máis aínda que os cans", asegura esta rapaza, que "falo con elas coma se fosen persoas, dígolle 'a ver, pequeniña', ou 'como estás hoxe, princesa', e iso saqueino do meu pai". Sobre esa conexión, Lucía afirma que "xa notan que estou mal mesmo cando entro na corte, miran para min e danche coa cabeza, como para que te animes, hainas que saber ler". Con todo, e aínda que estivo traballando tamén nunha granxa de leite, concede que "coas vacas de carne creas unha conexión máis especial, sen dúbida, porque pasas moitas horas con elas dándolles cariño".

Iso ten a súa parte boa, pero tamén ten a parte mala evidente: chega un momento no que deben ir para o matadoiro. Como leva ese momento Lucía? Pois o certo é que "como o vivín dende pequena, téñoo asimilado". "Nós somos clientes de Tenreira Galega e temos os becerros ata os nove meses, ata os sete están mamando da súa nai e aos nove separámolos e están na cuadra con todas as necesidades cubertas, pero dende pequeniña souben que por moito cariño que lle colla a un becerro el vai marchar", asegura a melidense. Aínda que confesa que "coas vacas doéme máis, non podo velas marchar, son incapaz". Tanto é así que na súa casa non se fai como noutras granxas nas que cando unha vaca comeza a non ser rentable envíase directamente para o matadoiro: "A unha démoslle unha posibilidade de tres anos, e iso que estaba dando perdas, pero como era unha vaca que criamos na casa, bueniña e que non tiña maldade, tiñámoslle cariño, era moi pavera, poñíase en 'modo gato' cotilleando todo". "E esa si que me doeu cando marchou", confesa.

Na actualidade a granxa de Lucía conta con 36 vacas, entre elas Cuquiña ("a vaca estrela, á que nunca mandaremos ao matadoiro, deille moito cariño dende pequena porque estaba enferma, volvíase tola e dábase golpes contra as cousas, algo que logo se lle foi pasando"), e, aínda que para ela é un 'hobby', non por iso deixa de ser un traballo, porque "a meu pai non hai quen lle quite dúas horas e media ou tres de traballo pola mañá, e as mesmas pola tarde, iso só de estar con elas, que logo tes aínda que limparlles todo ben e demais". No seu caso, a tecnoloxía axudou, pero quizáis non tanto como noutras explotacións máis informatizadas que mesmo contan con robots. "Nós agora o que imos facer é incorporar os colares GPS, que son un gran avance", pero "dentro da tecnoloxía tamén meto a maquinaria, como os tractores, que sempre digo que quítanlle o traballo a calquera, pois fanche soíños o labor dun empregado".

Na súa aldea Lucía é a rapaza máis moza. Por debaixo dela non hai ninguén, e outros mozos algo máis maiores que ela non se quedaron na zona. "Por desgraza os poucos que había nunca se interesaron pola gandaría, houbo moita xente nova de 25 para arriba que por tema de mozos e traballos non se quixo quedar na contorna do rural", lamenta, pois ve como o relevo xeracional está a supoñer unha auténtica problemática. Neste senso, o seu pai está bastante tranquilo, porque sabe que con ela o chollo está feito. "Aquí en Melide estivemos un día botando contas e nas granxas da redonda o relevo xeracional que hai cóntase cos dedos das mans", asegura. Pola contra, "meu pai sabe que eu me vou quedar coas vacas, aínda que me di que pode ser algo secundario, pero eu teño claro que o día de mañá quero vivir disto, adicarme só á gandaría".

Neste senso, lonxe de preocuparse polo futuro da gandaría e pola súa rendibilidade económica, cre que, "coma en todos os traballos, ti non podes gastar máis do que ingresas, e aínda que as axudas públicas poden chegar tarde, todos temos que ter uns fondos". Así que, "iso é algo que pasa en calquera sitio, porque é como se che quitan os cartos nunha empresa antes de cobrar as facturas". O problema que ve é que "a xente non dá ningún voto de confianza, todo o mundo di que non se da vivido disto, pero eu estiven fóra do país, traballando nunha gandaría, e creo que o que pasa en Galicia é que temos moi mala xestión, debemos xestionarnos algo mellor e abrir a mente". "Os gandeiros temos un problema, e é que non nos gusta que nos digan o que temos que facer, pero ás veces é preciso escoitar as opinións doutros para saber o que temos que facer", asegura.

Así, dende a súa experiencia, anima aos mozos a vivir no rural, porque "o aforro económico que hai no rural non o hai noutros lugares, e é algo do que se fala pouco, pero ti nas cidades no momento en que saes á rúa tes que levar a carteira contigo, cousa que no rural non pasa; ademais, cultivas cousas máis ecolóxicas e saudables, sabes o que comes, tes a túa horta, e non gastas o mesmo, nin a metade; e, por suposto, o rural dache moita tranquilidade, tes os teus propios horarios, manexas ti un pouco a túa empresa como queres". A través das redes sociais, son moito os mozos que contactan con Lucía para dicirlle que queren quedarse coas vacas dos seus pais, pero que ningúen lles axuda, "e a min iso dóeme moito", e "creo que todo o mundo pode loitar polos seus soños, dá igual o que lle digan en contra". Ao respecto, demanda "máis formación, porque falar de agricultura e gandaría a día de hoxe semella seguir sendo un tema tabú, porque non ten futuro, e non é así, ten moitas saídas", conclúe Lucía.

Lucía Casal coas vacas
Lucía Casal coas vacas | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Bravo pola muller que afalaba coas vacas... ! Lucía é libre e ogallá o mundo rural tivese moitas máis Lucías dispostas a facilitarlle o futuro aos seus viciños... O único que non me gusta é a Rede Social elixida pero non se pode ter todo... se os rapaces queren Instagram que lle imos facer... (10.000 rapaces afalando coas vacas é un verdadeiro éxito mundial) Ogallá tivesemos unha Lucía no Cabozo ! ;-) https://cabozo.com/index.html