Renfe prohibirá os patinetes eléctricos, pero non as bicicletas, por temor a explosión de baterías

Xustifica a medida en base a "criterios de saúde e seguridade" e di que "similar a adoptada noutras cidades de España e de Europa".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 27/11/2023 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

O Consello de Administración de Renfe decidiu na súa reunión de hoxe a prohibición de acceso de patinetes eléctricos en todos os trens de Renfe Viaxeiros, tanto de proximidade e Rexionais como de Alta Velocidade e Longa Distancia (AVE, Avlo, Alvia, Avant, Euromed e Intercity).

Patinete eléctrico.
Patinete eléctrico.

Renfe explica que a prohibición de patinetes eléctricos nos trens de Renfe, que entrará en vigor o próximo 12 de decembro," vén fundamentada pola situación de perigo xerada ante incendios de baterías que se rexistraron nalgúns transportes públicos (por manipulación da batería, danos por golpes, paso do tempo, utilización de cargadores diferentes, etc.)".

A medida non só se refire aos patinetes eléctricos, senón tamén aos monociclos ou calquera outro dispositivo de mobilidade persoal eléctricos ou dotado de baterías, con excepción dos vehículos de persoas con mobilidade reducida e as bicicletas eléctricas.

A medida, que será referendada este martes no consello de Administración de Renfe Viaxeiros, adoptouse, di a compañía pública, "baseándose en criterios de saúde pública e de seguridade dos viaxeiros" e é similar a outras producidas en distintas cidades de España e de Europa. Sevilla foi a primeira cidade, en 2021, en impedir que os viaxeiros entrasen ao Metro cos seus patinetes eléctricos na hora punta os días laborais.

XUSTIFICACIÓNS

Renfe xustifica a medida alegando prohibicións en cidades ou autonomías e apuntando a posibles explosións de baterías de patinetes. Curiosamente, tamén as bicicletas eléctricas ou os móbilies usan baterías que poden incendiarse. O pasado mes de febreiro, Cataluña prohibiu tanto o acceso aos vehículos como ás propias infraestruturas (estacións, plataformas) de transporte público tras a explosión dun patinete no servizo de Ferrocarrís da Generalitat de Cataluña (FGC) en novembro de 2022.

Así mesmo, desde o pasado 4 de novembro está prohibido o acceso de patinetes eléctricos ás instalacións e vehículos do transporte público da Comunidade de Madrid cuxa xestión sexa competencia do Consorcio Rexional de Transportes. Noutros países, algúns operadores ferroviarios de Reino Unido e Irlanda, e o Metro de Londres ou Hamburgo, tamén prohibiron o acceso de patinetes eléctricos aos seus trens.

Unha vez que entre en vigor a medida, Renfe poderá obrigar a un viaxeiro a abandonar o tren se leva un obxecto, equipaxe ou vehículo que represente un risco para a seguridade e o bo funcionamento da explotación do transporte, ou para a seguridade dos demais viaxeiros. Nas estacións de proximidade xestionadas por Renfe informarase da prohibición se se detecta a un viaxeiro con patinete eléctrico, e igualmente poderanse facer inspeccións aleatorias con interventores e axentes de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O que debera ser unha oportunidade de mobilidade estase a converter nun problema polos LISTILLOS que manipulan motores e baterías...? Pero o camiño da PROHIBICIÓN non é o camiño intelixente ! Alguén debera Certificar que os patinetes e baterías son fiables non so para subir ao tren, senon para cargar na casa ou no garaxe ou no rocho do edificio... se non queremos provocar incendios gratuítos ! Mentras proliferan as tendas de venda de patinetes e ninguén esixe que os produtos que venden teñan garantías fiables seica o negocio segue a ser o negocio !!!