As vacas non baixan en Galicia, pero si as explotacións, de 50.000 a 5.000 en vinte anos: "Hai excesiva burocracia"

"Cando eu comecei nesto en cada casa de aldea había unha vaca, polo menos, e agora só quedo eu, coas miñas poucas vacas, algo que me tomo como un 'hobby' máis que coma un negocio", cóntanos un gandeiro xubilado da parroquia de Trasfontao, no corazón de Silleda, cuxos fillos decidiron buscar outro camiño. "Este xa non é un negocio lucrativo que chame a súa atención, non vén nel rendibilidade".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia segue a ser campo. Estímase que na comunidade hai unhas 531.004 vacas, o que supón que se somos 2,7 millóns de galegos, hai 0,19 vacas por cada galego. Son moitas vacas, ben é certo, pero o interesante está en saber quen é o propietario dese gando. Non é o mesmo que, como era habitual antigamente, cada casa de aldea teña catro ou cinco vacas; que, como sucede agora, unha macroexplotación totalmente automatizada concentre no seu interior centos de cabezas de gando. Os tempos están cambiando, tamén para os animais, e a realidade do campo galego é unha gandaría cada vez máis concentrada nas mans de grandes empresas e con menos 'paisanos' que manteñen a tradición. As novas xeracións non vén nisto negocio e as aldeas vanse despoboando a pasos axigantados, faltando así relevo xeracional.

Vacas de carne
Vacas de carne | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

"Cando eu comecei nesto en cada casa de aldea había unha vaca, polo menos, e agora só quedo eu, coas miñas poucas vacas, algo que me tomo como un 'hobby' máis que coma un negocio", cóntanos un gandeiro xubilado da parroquia de Trasfontao, no corazón de Silleda, un municipio pontevedrés no que se calcula que hai unhas 6.906 vacas censadas (datos do Instituto Galego de Estadística - IGE), pero todas elas concentradas en 363 granxas, o que daría unhas 20 vacas de media por granxa. Esta gandeiro relátanos, con voz triste, como "fai 30 anos este negocio non che facía rico, pero permitíache vivir ben, podías deixar o gando atendido de mañá e salir á praia cos nenos pola tarde". Agora, cada cabeza de gando daralle "uns 2.000 ou 3.000 euros", algo que, como evidencia, "se son cartos que che veñen cada tres anos (pois primeiro hai que engordar aos animais para que sexan vendibles), non valen para nada, facían falla cada dous meses".

Os seus fillos decidiron non seguir no negocio, e el explica que "non os culpo". "Os mozos cada vez máis abandonan o rural para irse ás cidades, onde poden traballar máis comodamente en empresas", asegura, engadindo que "este xa non é un negocio lucrativo que chame a súa atención, non vén nel rendibilidade". No seu caso, conta orgulloso como foi dos poucos que durante máis de 30 anos resistiu e viviu medianamente cómodo sen ter que tecnoloxizar a súa granxa. "Dicíanme que non iría a ningún lado, pero o certo é que eu e a miña muller chegamos a ter 35 vacas e ocupámonos nós delas, sempre pastando nas fincas e sen necesidade de crear moita infraestrutura, pois durmían protexidas por unhas árbores, comían a herba e algo de forraxe que lle traiamos e deixaban o purín repartido pola finca, o que facía que volvese medrar a herba rapidamente", recorda, mentres mira como comen as vacas que ten agora, con nostalxia daquel pasado.

Este gandeiro é dono dunha parcela de dúas hectáreas de terreo. E, aínda que noutra zona esto sería moito, asegura que "aquí xa non vale nada, hai pouco vendíanse aquí fincas por 60 céntimos o metro cadrado, así que unha hectárea destas non custaría máis de 6.000 euros". "Quen quere vir para a aldea?", pregúntase, ante unha realidade na que ve que cada vez quedan menos veciños. No 2007 tiña 14 habitantes, deles 8 eran homes e 6 eran mulleres. No 2017, a cifra xa baixara a 11. "E cada vez seremos menos, os vellos vamos morrendo", amósase pésimo este gandeiro. Un dos seus fillos emprendeu un negocio nesta aldea, dándolle así unha segunda vida: un hotel de turismo rural con cabañas, burbullas e toda unha seria de prestacións que permiten atraer a visitantes ao lugar. E é que no século XXI, cada vez máis, o que triunfa son as actividades relacionadas co ocio e co tempo libre, co pracer. 

"ESTÁMONOS PASANDO COA CARGA BUROCRÁTICA PARA TER GANDO NO RURAL"

Varias vacas durante o ordeño na gandaría
Varias vacas durante o ordeño na gandaría | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Dende o sindicato Unións Agrarias, Xacobo Feijóo, responsable de Desenvolvemento Rural, explica que en Galicia existen dous tipos de explotacións, a nivel particular e a nivel profesional. E, por desgraza, "a nivel profesional tamén está a haber un descenso de explotacións, non así de producións, porque se está a compensar o abandono de pequenas explotacións coa concentración en explotacións máis grandes e competitivas". Deste xeito, neste ano "batemos o récord de produción de leite, a pesares de que o número de explotacións cae ata quedar rozando xa case as 5.000, cando no ano 2000 non baixabamos de 50.000". "Esa é a dinámica", lamenta Feijóo. O mesmo sucede coa produción de carne, onde "tampouco se baixa a produción, pero si que baixa enormemente o número de explotacións". Pola banda da gandaría de autoconsumo, "que agora poderiamos chamar a tempo parcial, que son esas poucas ovellas ou eses tres becerros que había antes en cada casa e que facían unha labor fantástica, sobre todo en prevención de incendios forestais, porque coa lexislación actual, temos 30.000 núcleos de poboación obrigados a desbrozar o entorno das casas e, con poboación envellecida que xa non pode realizar estas tarefas, con ter dúas ou tres vacas, algo anecdótico e só para o consumo da propia unidade familiar, podíanse manter limpas catro ou cinco hectáreas de terreo arredor das casas, evitando que se matorralizase, co cal o monte estaba separado dos núcleos de poboación e as casas protexidas do lume".

Hoxe por hoxe, "ao desaparecer esta actividade e chegar o matorral ás casas, é cando temos que conseguir o mesmo que antes era gratis, manter a zona limpa, a través de desbroces polos que hai que pagar ou multas para meter medo". "Aí si que habería un reto moi importante: conseguir que volvera a recuperarse esa actividade a tempo parcial", plantexa Feijóo. Aínda que, coa falta de relevo xeracional, e con cada vez máis mozos que abandonan o campo para ir ás cidades, isto xa é moi complicado, "pois as persoas maiores xa non poden facerse cargo dos animais, o cal é un problema estrutural". Se a iso lle sumamos que "hai unha burocracia incríble a día de hoxe para poder ter eses animas, aínda que só sexan dous ou tres (permisos, veterinarios, seguros...), é imposible". De feito, Feijóo asegura que mesmo houbo casos de "persoas xubiladas as que deron de alta de oficio na Seguridade Social só por ter tres ou catro animais, e remataron por cobrarlle os catro últimos anos de darse de alta". Así as cousas, o representante de Unión Agrarias ten claro que "a excesiva burocracia tamén está a impedir na práctica esa gandaría a tempo parcial que sería importantísima para a prevención de incendios nos núcleos poboacionais". 

E é que, como asegura, "as zonas de cultivo, os prados e os terreos mantidos por animais son os que fan ese labor de cortalumes naturais, protexendo ao monte e, na medida en que van retrocedendo, o monte é máis vulnerable e o territorio vai avanzando estruturalmente cara unha situación moi perigosa cando se dan as condicións climáticas que favorecen as vagas de lume". Iso foi o que pasou no ano 2017 en Portugal, cando un gran incendio chegou a ocupar máis de 100 quilómetros de lonxitude e uns 10, 20 ou 30, dependendo da zona, de fronte. "Foi unha cousa espantosa, causada, precisamente, porque se abandonara toda esa actividade gandeira e o territorio estaba matorralizado", recorda Feijóo, pondo así en valor o feito de ter vacas nas casas non só para ter carne e leite, senón tamén para protexer medioambientalmente á casa. Neste punto, incide unha vez máis en que "para unha familia ter unha ou dúas vacas hoxe é complicadísimo, porque debe soportar unha carga burocrática que non se corresponde". "Isto non sucede só en Galicia, é algo de toda a Unión Europea, e creo que nos estamos pasando, porque esa actividade máis informal forma parte da forma de vida do rural, é dicir, ti antes non só vivías no rural, senón que tamén vivías do rural". 

LALÍN, UN CONCELLO CON MÁIS DE 15.000 VACAS EN POUCO MÁIS DE 600 GRANXAS

Os datos do IGE amosan unha realidade nada alentadora. Así, na provincia da Coruña hai un total de 46 concellos con máis de 1.000 vacas. Pero, aínda que poidan parecer moitos, unha ollada á realidade dos municipios con máis vacas xa nos desengana: en Mazaricos hai 13.554 vacas, pero están concentradas en 352 explotacións, o que supón que en cada unha habería unhas 40 vacas de media; en Santa Comba hai 10.652 vacas, en 134 explotacións, o que da como resultado a frioleira de 80 vacas por granxa; e en Frades hai 9.548 vacas en 198 explotacións, é dicir, case 50 vacas en cada unha. Na provincia de Pontevedra, só hai nove concellos que superen as mil vacas. Deles, o máis prolífico é Lalín, que ten 15.093 vacas repartidas en 619 granxas, o que supón 24 vacas en cada unha de media. Ademais, hai un municipio da provincia que carece de vacas: A Illa de Arousa.

No caso da provincia de Lugo, a realidade é semellante. Un total de 52 concellos da provincia contan con máis de mil vacas. Entre eles, os que teñen maior concentración son A Pastoriza, con 15.017 cabezas de gando bovino, en 380 explotacións, o que supón 40 vacas por granxa de media; Sarria, con 12.080 vacas en 404 granxas, é dicir, case 30 en cada unha; e Castro de Rei, con 11.455 en 190 explotacións, ou sexa, nada menos que 60 vacas por granxa. Xa na provincia de Ourense, só quedan cinco concellos que superen as mil vacas, levándose a palma Montederramo, que ten 3.357 repartidas en 74 explotacións, o que arroxa un resultado de 45 vacas por granxa. Mentres, hai seis concellos que non teñen ningunha vaca na provincia de Ourense: A Arnoia, Beade, Pontedeva, Ribadavia, Rubiá e Toén. 

Vacas durante a terceira edición da Feira en Defensa do Gando de Montaña, a 13 de maio de 2023, en Cervantes
Vacas durante a terceira edición da Feira en Defensa do Gando de Montaña, a 13 de maio de 2023, en Cervantes | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta