Aumentan os mortos por incendios en viventas; 13 en Galicia en 2022

No conxunto do Estado faleceron 235 persoas, con Andalucía, con 33 vítimas, como a comunidade con máis decesos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 24/11/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Un total de 235 persoas faleceron por incendio e explosión en 2022, 31 mortos máis que no ano anterior (204), o que sitúa a 2022 como o ano con máis falecidos por lume nos últimos dez anos. En Galicia, os falecidos por esta causa o pasado ano foron 13.

Así o reflicte o estudo 'Vítimas de Incendios e Explosións en España' elaborado por Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), que sinala que Galicia ten un índice de falecidos en vivendas por millón de habitantes de 4,83. En concreto, os falecidos foron cinco homes e oito mulleres.

Os meses máis tráxicos foron abril, con tres vítimas, e os meses de outubro, novembro e decembro, con dúas vítimas cada un. Ademais, as franxas horarias máis tráxicas foron as comprendidas entre as 16,00 a 20,00 horas (catro falecidos) e as 00,00 e as 4,00 horas (tres falecidos). O grupo de idade con máis vítimas na vivenda foi o situado entre os 60 e os 64 anos (catro), e os maiores de 80 (cinco).

No conxunto do Estado, este estudo estima que en 2022 producíronse máis de 133.000 lumes ou explosións. Destes sinistros, 18.429 tiveron lugar en vivendas, aos que hai que sumar os lumes orixinados no exterior: industrias, hospitais, residencias, hoteis ou establecementos comerciais, entre outros.

O dato máis importante deste estudo son os 176 falecidos en vivenda (24 máis que en 2021); sendo os maiores de 64 anos os que acumulan máis da metade das mortes, con 93 vítimas mortais e o 52,8% do total.

Dous bombeiros afrontan un lume e apagan o incendio nunha vivenda
Dous bombeiros afrontan un lume e apagan o incendio nunha vivenda | Fonte: César Argina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta