Villares chama novamente a "esclarer" o ocorrido co Pitanxo na súa primeira reunión coas familias das vítimas

Os familiares agradecen á Xunta o seu "agarimo" e queren que a traxedia sirva de "punto de inflexión" para o futuro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo a súa primeira reunión con familias de vítimas do 'Villa de Pitanxo', un encontro esta tarde de mércores en Santiago no cal lles trasladou o apoio da Xunta en "todo o que pidan". En declaracións aos medios, o conselleiro mostrou a súa "proximidade e agarimo" cara ás familias e comprometeu "darlles axuda a aquilo que eles consideren". "Entendemos que ten que ser así desde o primeiro día, cando unha traxedia como esa pasa nos nosos mares e toda Galicia sente esa dor, que se fai extensiva todos os días", apunta.

Por iso, dixo "solidarizarse coa dor de todas as familias". Remarca que o "máis importante" é "esclarecer" o ocorrido, "facer as investigacións" con "eses datos xudiciais e técnicos que son importantes para as familias". "Esas investigacións que poidan no futuro evitar outras traxedias do estilo", agrega Villares. Lembra que "moitos homes quedan no mar" co sufrimento das familias, polo que "Galicia sente esa traxedia como a sentiu desde o primeiro día".

VALORACIÓN DAS FAMILIAS

Pola súa banda, a portavoz das familias, María José do Pazo, quixo dar as grazas "de forma pública" ao conselleiro do Mar e ao seu equipo polo seu "agarimo palpable e moi sincero". "Sempre estiveron ao noso lado", di sobre a Xunta e a Consellería. Explica que esta é a primeira reunión que manteñen con Villares, pero "non é a primeira vez" que lle chama para interesarse pola situación dos familiares de vítimas do Pitanxo, incluído "cando tomou posesión". "Moi de agradecer que pensase en nós", relata.

Así mesmo, chama a "esclarecer as causas" do naufraxio ocorrido en augas de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022 e que haxa "xustiza para os 21 e toda a xente do mar". "Hai moita xente que está embarcada e moitas familias que están a ver este caso e como se trata porque saben que, deus non o queira, que nunca volva pasar esta desgraza e que nunca máis se repita; están a ver como se está dando estes pasos, vivindo coma se fose tamén parte da súa vida", expón. "Queremos que sexa un punto de inflexión para que ninguén pase o calvario que pasamos nós", asegura. As familias tamén conaron ao conselleiro a importancia da instalación dunha placa en Terranova en homenaxe aos falecidos do 'Villa de Pitanxo'.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, con familiares das vítimas do naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, con familiares das vítimas do naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo | Fonte: Xoán Crespo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta