Kassi Valazza, unha das grandes revelacións do country alternativo, no Outono Códax

A actuación terá lugar este mércores 22 de novembro no Riquela Club de Santiago. A apertura de portas será ás 20.30 h e o concerto dará comezo ás 21h.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Outono Códax 2023 entra na súa vertixinosa última semana, na que acollerá catro concertos con seis bandas, tres proxeccións do ciclo ‘Blow Up... A música no cinema’ e a emisión en directo do programa El Sótano, de Radio 3.

Kassi Valazza. Foto cedida pola organización do 'Outono Códax' para a promoción do evento.
Kassi Valazza. Foto cedida pola organización do 'Outono Códax' para a promoción do evento.

A primeira das citas terá lugar estemércores 22 de novembro, co Riquela Club como escenario. Alí se presentará a cantautora norteamericana Kassi Valazza. E farao nun formato especial, cun concerto acústico e íntimo que os asistentes poderán escoitar sentados. "Queríamos que a xente tamén poidera desfrutar do Outono Códax dun xeito distinto. Sentados, coa súa mesiña, unha copa de viño, a media luz... Todo como moi acolledor", explican os organizadores do festival.

A artista chega ao Outono Códax para presentar en directo o seu novo disco, Kassi Valazza Knows Nothing

KASSI VALAZZA

Existe unha fascinación de culto crecendo ao redor da figura de Kassi Valazza. Despois do seu álbum de debut de 2019, asentouse na vangarda dos novos cantautores norteamericanos. Nada en Arizona, pero residente en Portland, a súa música porta igual a tradición como traspasa as fronteiras das raíces americanas.

A artista chega ao Outono Códax para presentar en directo o seu novo disco, Kassi Valazza Knows Nothing, editado neste mesmo 2023. Un álbum no que entrega unha fascinante colección de cancións, nas que hipnotiza ao oínte cunha voz robusta á vez que amable, con composicións de espírito independente que gardan fortes vínculos co folk británico. A súa poesía vocal entrelázase con camiños psicodélicos nunha atmosfera cósmica de folk-rock, capturando o romanticismo dos cantantes country e esa paixón de cantar desde o máis profundo da alma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta