Rueda cuestiona se Sánchez terá límite: "Non se atreverán? Pois si, atrevéronse"

No XI Congreso Autonómico de Novas Xeracións, que proclamou como nova presidenta a Nicole Grueira, Rueda puxo en valor á mocidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2023 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, cuestionou se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, terá "algún límite". "Hai cousas polas que non imos pasar. En ningún caso. Todo o que pensamos que nunca ía pasar. Non se atreverán? Pois si, atrevéronse. Algún límite terá que haber? Non, non hai ningún límite", censurou. No XI Congreso Autonómico de Novas Xeracións, que proclamou como nova presidenta a Nicole Grueira, Rueda sinalou que ese "límite" o porán "os que teñen hipotecado a quen lles deu todo".

Así, instou a "reivindicar a dignidade" e a dicir "desde todas partes que ninguén é máis que ninguén". "Iso en Galicia ímolo a dicir con especial forza e con especial convicción", afirmou. Tamén puxo en valor o papel da mocidade que, tal e como reivindicou, "é a que máis se rebela e a que máis di que por aí non imos pasar".

Neste sentido, destacou a presenza de "tanta xente nova" nas manifestacións convocadas polo PP o domingo pasado contra os pactos de Pedro Sánchez con Junts e ERC. "Neste momento, que é máis necesario que nunca dicir que todos somos iguais, que non queremos discriminacións, que ninguén se ten que sentir superior a ninguén, que o diga a mocidade, orgullosamente galega e orgullosamente española, é moi importante. Grazas por ser unha parte importante do inconformismo e a non resignación", manifestou. Así mesmo, insistiu en que Galicia é unha comunidade "reivindicativa" do seu, "sen querer que lle quiten nada a ninguén", que cre "neste país e no conxunto que forman todas as comunidades".

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e a nova presidenta de NNXX, Nicole Grueira./PPDEG / Europa Press
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e a nova presidenta de NNXX, Nicole Grueira./PPDEG / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta