Galicia é terra de castañas: 20 millóns de quilos ao ano, a metade da produción total de España

Queres saber o rendemento que che pode dar un souto de tan só unha hectárea? Sabes como podes aproveitar os castiñeiros para a cría de porco celta? Eres amante dos cogomelos? Estamos a falarche de rendementos económicos de miles de euros. Da man de Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor da USC, explicámosche as vantaxes destes soutos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/11/2023 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Galicia é terra de castiñeiros, aínda que cada vez haxa menos e os eucaliptos gañasen terreo a pasos axigantados nos nosos montes. Nesta época do ano, na que os Magostos dos pobos reparten castañas entre os veciños, non está demais recordar a importancia que teñen os castiñeiros para a nosa terra e a importancia que poden ter tamén para a nosa economía. A comarca de Valdeorras ben o sabe e por iso conserva os seus soutos vellos como se fosen un verdadeiro tesouro. Quen quere eucaliptais puidendo ter castiñeiros? Da man de Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC), participante nunhas xornadas organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), achegámonos un pouco máis ao valor destas árbores tan galegas, moitas delas senlleiras.

Cesta de castañas
Cesta de castañas | Fonte: Marga Méndez - Arquivo

Segundo os datos do último inventario forestal, en Galicia hai a día de hoxe unhas 50.000 hectáreas de castiñeiro, das cales unhas 30.000 son soutos mansos, é dicir, soutos destinados á produción de castañas, non á tala de madeira. Os máis importantes, tamén por ser os máis vellos, soutos centenarios, atópanse nas montañas da parte oriental da comunidade, aínda que no pasado chegaron a estar espallados por toda Galicia, pois a castaña era moi importante na alimentación. Con todo, ata os nosos días chegaron maioritariamente os do interior, porque na costa afectou máis a coñecida como doenza da tinta, fungos que tiñan máis facilidade para actuar en zonas con clima máis continental e frío. Así as cousas, neses soutos vellos das montañas de Ourense e Lugo a produción de castañas sitúase entre os 1.000 e 2.000 quilos por hectárea, chegando ata os 5.000 nos soutos creados de novo, é dicir, naqueles aos que se lles prestan tratamentos esmerados como a fertilización e a rega por goteo.

Visto isto, Rigueiro evidencia que "por iso se di que, en plantacións ben deseñadas e ben tecnificadas, o castiñeiro pode ser un cultivo moi rendible", porque se nos soutos de nova creación se sacan 5.000 quilos por hectárea a un prezo dun euro e medio ou dous o quilo, "hai poucos cultivos agrícolas e ningún forestal que igualen ese rendemento económico". En concreto, en Galicia colleitanse anualmente e comercialízanse 20.000 toneladas de castañas, é dicir, 20 millóns de quilos, que supoñen a metade do total de castañas colleitadas en España. Con todo, o profesor advirte de que "esta produción é irregular, e ultimamente tivemos uns anos malos, sendo este último especialmente malo, así que eses quilos son un dato promedio que non sempre se cumple". Nos anos 2016, 2017 e 2018 houbo producións moi baixas debido á incidencia da vespiña do castiñeiro (que entrou en Galicia hai 8 anos) e tamén, no 2018, da nevada importante que se experimentou no mes de outubro e que esgazou as copas dos castiñeiros que aínda tiñan follas. Neses anos a produción foi baixísima, quedándose entre os 100 e os 200 quilos de castaña por hectárea.

Sexa como fose, o 50 % comercialízanse en fresco, o 40 % adícanse á industria de primeira transformación (conxelados) e o 10 % á de segunda transformación (fariñas, confituras...). Ademais, entre o 20 e o 30 % queda no mercado nacional e entre o 70 e o 80 % expórtase a máis de 30 países, pois "as castañas galegas son moi apreciadas no resto de España e tamén en países de Europa, asiáticos e de América do Norte e do Sur". Tanto é así que "para estas empresas galegas non é suficiente a produción autóctona, e teñen que importar ata 10 millóns de quilos de castañas de Portugal e Extremadura". A castaña galega é tan singular que dende o 2009 conta con Indicación Xeográfica Protexida, para "protexer no mercado nacional e internacional as nosas castañas", asegura Rigueiro.

O valor nutricional das castañas é moi rico, pois, como explica o profesor, "teñen un contido alto de hidratos de carbono, un contido aceptable de proteínas e moi baixo en graxas, de feito entre os demais froitos secos as castañas teñen un contido en graxa inferior ao da améndoa, a noz ou a abelá". Por se isto fose pouco, "as nosas castañas teñen maior contido de azucre que as doutras zonas, é dicir, son máis doces, e contan con aminoácidos esenciais de alto valor biolóxico, vitaminas e minerais, e son baixas en gluten, o que as fai aceptables para algúns celíacos, ademais de ter unha boa relación potasio-sodio, o que as fai recomendables para as persoas que deben manter dietas baixas en sodio, como os hipertensos".

Porcos celtas en liberdade
Porcos celtas en liberdade | Fonte: USC - Arquivo

ATA NOVE PARECELAS POR PROPIETARIO EN 1.600 METROS CADRADOS

Con todo, os soutos vellos non son todo vantaxes, pois presentan certas problemáticas que se deben ter en conta. A máis importante, quizáis, como apunta Rigueiro, pode ser a determinación da súa propiedade. "Os soutos de castiñeiros, ao igual que o terreo forestal e agrícola en Galicia, teñen réxime de minifundio, estando divididos en microparcelas", explica o profesor, que exemplifica que a media son "nove parcelas por propietario nunha superficie media de 1.600 metros cadrados", o que "dificulta a aplicación de tratamentos culturais, silvícolas, a colleita e a comercialización". Así, confía en que o novo plan estratéxico da Xunta de Galicia, que aposta pola agrupación de propietarios para a xestión conxunta, poida solucionar o problema. Esta xestión conxunta xa se aplica en zonas como a parroquia do Vilar, no Courel, onde arderon moitos soutos no brutal incendio do pasado ano. 

Así mesmo, tamén existe unha elevada dispersión física das parcelas de cada propietario e mesmo é un problema a tipoloxía da propiedade. "Cos soutos de castiñeiros hai comarcas, parroquias e aldeas nas que os propietarios teñen unhas parcelas cada un cunha superficie determinada do souto, pero hai outras zonas onde non é así, por exemplo, no Courel é frecuente que haxa soutos nos que os propietarios non teñen cachos de superficie, senón que teñen castiñeiros concretos, identificados co nome da familia á que pertencen, ou da súa casa", afirma Rigueiro, que evidencia que, deste xeito, "o souto é propiedade común de todos eles". E, asegura que "mesmo hai casos de fincas onde hai castiñeiros propiedade dun veciño diferente ao propietario da finca". Por que sucede isto? A explicación non é sinxela, pero "buceando en arquivos, pode derivar da grande importancia que tivo a castaña na alimentación dos humanos e do gando doméstico durante séculos, o que facía que cando se vendía unha finca ou se partía unha herdanza, os castiñeiros se repartisen para que todos os irmáns tivesen castiñeiros con castañas que levarse á boca".

FINCAS CON DONO 'FANTASMA' E CASTAÑAS MESTURADAS QUE SE DEVALÚAN

Por outra banda, como sucede con outros cultivos, o despoboamento do medio rural e o envellecemento da poboación están condicionando aos soutos, derivando no seu abandono. "Cando isto sucede, os soutos tenden a desaparecer, pois non se levan a cabo as prácticas culturais e silvícolas que precisan para manterse, e tampouco se roza periodicamente o sotobosque para facilitar que se apañen as castañas", expón o profesor, que apunta a que "os soutos adoitan estar sobre terreo que corresponde a outros tipos de bosques, no pasado eses terreos eran ocupados en moitos casos por rebolo, e se os soutos non se tratan adecuadamente, estas especies tenden a recuperar o terreo e os soutos convírtense en cerqueirais". Tamén vinculado ao abandono, está o elevado número de propietarios descoñecidos ou inaccesibles. "A Xunta trasladaba aos medios hai uns meses que nalgunhas comarcas de Ourense había parroquias onde o 50 % das fincas eran de propietario descoñecido, é dicir, non se sabía de quen eran", afirma. Nestes casos, "pode tratarse de herdanzas repartidas, nas que aínda que un herdeiro queira facer algo coa finca, se os outros non, é imposible". 

Súmase a estas problemáticas o feito de que nos soutos vellos hai unha mestura de variedades de castiñeiros moi importante, que ten afectación de cara á comercialización. "O mercado prefire e paga máis o produto homoxéneo, dunha variedade concreta, de bo calibre, que entren poucas castañas nun quilo, que se pelen ben, pouco tabicadas e que se conserven ben", afirma Rigueira, que expón que, sen embargo, "hoxe temos mesturas, por exemplo, nunha parcela de 4.000 ou 5.000 metros cadrados podemos ter ata sete variedades diferentes". Por que? O profesor asegura que "isto era algo que no seu momento tiña lóxica, pois plantábanse variedades de cedo e de lonxe, por se había unha xeada que unhas non desen pero as outras si, plantábanse variedades máis e menos grandes, de máis ou menos calidade... E é que tiñan que asegurarse que poderían desfrutar de castañas todo o ano". Con todo, "no mercado actual interesa ofrecer un produto homoxéneo, pois senón págase menos". "As castañas mesturadas dun souto destes vellos páganse a un euro o quilo, mentres que se son homoxéneas poden chegar a superar os dous euros o quilo, e en zonas como Portugal xa se fala de ata 3 ou 4 euros o quilo", expón o profesor da USC.

ABELLAS, XABARÍS, CORZOS, PORCOS... OS ANIMAIS QUEREN CASTIÑEIROS

E xa falados os inconvintes dos soutos, haberá que dicir que tamén teñen moitas vantaxes. Por exemplo, son plantas melíferas, é dicir, son árbores ás que van as abellas a buscar o pole e o néctar para facer o mel, así que as abellas teñen unha grande importancia naquelas comarcas onde abundan os soutos. Ademais, é moi fácil establecer sistemas agroforestais nos soutos, acompañando aos castiñeiros doutras plantacións, porque, sobre todo cando son soutos novos, son plantacións pouco densas, non máis de 100 pés por hectárea, polo que queda moita luz e espazo entre as árbores que pode ser aproveitado para outros cultivos, como froiteiras arbustivas ou plantas menciñais, e mesmo cereais, unha práctica moi habitual na provincia de Ourense no pasado. 

Tamén se poden aproveitar os soutos para criar neles porcos celtas, que aproveitan as castañas máis ruíns, aquelas que caen e non serven para comercializar. E, na mesma liña, pódense cultivar pasteiros baixo os castiñeiros, é dicir, plantar unha pradeira mentres os castiñeiros son pequenos e deixan chegar a luz ao solo para producir pasto para o gando. Así mesmo, teñen tamén importancia para a caza, pois o xabaril e o corzo, nesta época do ano, aliméntanse de castañas. No que a cría de gando se refire, os soutos de castiñeiros adoitan aproveitarse para a cría de porco celta, pero tamén pode facerse con outros animais. No caso do porco celta, este pode estar no souto todo o ciclo produtivo (máis dun ano) ou unicamente no período de ceba (dous ou tres meses). "Que esté alo menos durante o período de ceba é moi importante porque estes porcos consumen moita castaña, o que lle da unha calidade extraordinaria aos produtos finais, sobre todo ao xamón", expón o profesor da USC, que asemella isto co que sucede no caso do porco ibérico que come landras nas devesas.

ATA 15 PORCOS CELTAS POR HECTÁREA: UNHA APOSTA ECONÓMICA SEGURA

Mesmo o porco celta pode criarse en fincas nas que non haxa castiñeiros, onde só haxa piñeiros e eucaliptos, por exemplo, pero levarlle as castañas ruíns, é dicir, aquelas que no mercado teñen prezos moi baixos, duns 15 ou 20 céntimos o quilo, que non serven para a comercialización. E é que criar porco celta en liberdade ten moitas vantaxes: reducir os xurros e os puríns, que van quedar repartidos polo terreo e mesmo axudarán a fertilizalo; aproveitar os terreos abandonados, pois co envellecemento da poboación moitos soutos quedaron abandonados e neles non se recollen as castañas (estímase que un 50 % das castañas que caen ao chan en Galicia non se apañan); aproveitar a vexetación que nace de xeito espontáneo, o que permite reducir o pienso que se lles dá e contribúe a que manteñan unha alimentación máis saudable; mellorar o benestar dos animais, que non están estabulados e poden ter o seu comportamento natural, fozar, correr e socializar; e reducir o seu estrés, un gran problema da cría intensiva en grandes granxas.

Na actualidade, a normativa autonómica permite unha carga máxima de 15 porcos por hectárea. Así, Rigueira expón que un posible modelo de sistema silvopastoral con porco celta pasaría por considerar entre 100-150 árbores de castañas por hectárea, para ter unha produción por hectárea aos 10-15 anos de entre 40-50 quilos de castañas por árbore. No período de ceba (dous ou tres meses) os porcos celtas deberían consumir entre catro e cinco quilos de castaña por animal e día, para que os ácidos graxos insaturados, cardiosaudables, presentes tanto na carne do porco como no seu xamón, teñan a proporción óptima que lles aporte esas características comúns de sabor e olor. Así, supoñendo 100 árbores por hectárea, a 45 quilos de castañas por árbore, estariamos a falar de 4.500 quilos de castañas por hectáreas, con cinco quilos para os porcos ao día, durante 60 días, con 15 porcos por hectárea, e tendo en conta que con cada 8-10 quilos de castañas que comen gañan un quilo, o engorde dos porcos nese período sería de 30-40 quilos. Ese engorde xa é un estándar aceptable no mercado para a venda. E só se precisarían 2-3 quilos de pienso por animal e día adicionais durante todo o ano.

UNHA HECTÁREA DE SOUTO PODE DERIVAR EN 900 EUROS DE COGOMELOS

Por se isto fose pouco, os castiñeiros son árbores nas que se forman os cogomelos de maior interese e importancia comercial, de feito, Rigueiro asegura que hai varias ducias de fungos superiores que se asocian directamente co castiñeiro. Entre elas, destacan o 'cantharellus pallens' e o 'cantharellus cibarios', ambos comestibles e de calidade moi semellante, moi abundantes nos soutos na primaveira e con grande interese comercial; os 'boletus edulis' e 'boletus aereus', xunto aos 'boletus pinicola'; e a 'amanita caesareas', unha seta escasa en Galicia, con maior preferencia polo clima mediterráneo, pero que co cambio climático estase a volver cada vez máis habitual, especialmente na comarca de Valdeorras.

Un proxecto realizado pola USC, no que participou o propio Rigueiro, estudando varias parcelas na serra do Courel, amosou que a especie máis abundante de cogomelos eran as cantarelas, seguidas dos boletus. En total, en cada hectárea dun souto pódense producir ao ano entre 140 e 150 quilos de cogomelos. Cada quilo págase ao produtor ao prezo de 6 euros, de media. Multiplicando, "estariamos falando de 900 euros por hectárea". "Se a produción de castañas é de 1.000 euros por hectárea, estariamos falando de que a produción de cogomelos igualaria en prezo de venda á das castañas", conclúe o profesor. 

Un bosque de produción de castañas en Ourense
Un bosque de produción de castañas en Ourense | Fonte: Arquivo
Souto con castañas
Souto con castañas | Fonte: XMF - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta