Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín, gañadores da novena edición do concurso literario Mazarelos de Filoloxía da USC

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Abel Lorenzo-Rodríguez co poemario 'Os sucesos' e Gael Uxío Proupín Cantelar co relato 'Quen matou a González Vallés' foron os gañadores ex aequo da novena edición do Concurso literario Mazarelos, certame que convoca anualmente a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC.

O acto de entrega dos premios desenvolveuse este luns no salón de actos da Facultade de Filoloxía, presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, asistiron o decano da Facultade, Elias Feijo, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. O evento, do que informou a USC nun comunicado, incluíu a actuación musical de Mondra.

A USC lembrou que Gael Uxío Proupín Cantelar xa gañara en 2022 o certame, co relato titulado 'Pater familias'. En anteriores edicións obtiveron premios autores e autoras que posteriormente continuaron a súa carreira creativa coa publicación de obras literarias, como é o caso de Arancha Nogueira, que obtivo o primeiro premio en 2017 e 2018 ou de Lois Alcaide, que obtivo o segundo en 2018.

A Universidade de Santiago de Compostela lembra que este concurso naceu co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste ámbito da cultura. O nome do certame lembra e homenaxea as raíces da facultade, que estivo situada na Praza de Mazarelos, e mesmo da Universidade e da propia Compostela.

Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín gañan a novena edición do concurso literario Mazarelos de Filoloxía da USC
Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín gañan a novena edición do concurso literario Mazarelos de Filoloxía da USC | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta