Formoso resaltou en Ares os investimentos realizados pola Deputación para mellorar a seguridade viaria

Segundo o presidente da Deputación da Coruña "o esforzo pagou a pena e os veciños de Redes e de Chanteiro gozan de estradas máis amplas e seguras".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2023 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou este luns os investimentos realizados pola administración provincial para mellorar a seguridade viaria en dúas estradas que son titularidade deste organismo en Ares.

"Estamos nunha obra que era moi demandada e que é froito dun compromiso co alcalde e coa veciñanza, que reivindicaba desde hai tempo unha zona segura para poder camiñar nunha estrada tan transitada como esta", detallou González Formoso en compañía do rexedor, Julio Iglesias (PSOE).

Formoso coñeceu a senda peonil que conecta o núcleo da localidade con Redes ao longo de tres quilómetros da DP-0401, na que a Deputación coruñesa investiu case 750.000 euros, aos que hai que sumar máis de 38.000 euros en expropiacións dos terreos.

Tamén visitou a DP-0402, rehabilitada a través dun desembolso de 1,9 millóns de euros para actuar en case cinco quilómetros, que incluíron o ensanche da plataforma e a construción de senllas en ambas as marxes da calzada.

En ambos os casos, segundo resaltou Formoso, trátase de "obras de gran magnitude, que xeran molestias á veciñanza, pero creo que o esforzo pagou a pena e os veciños de Redes e de Chanteiro gozan de estradas máis amplas e seguras e de beirarrúas que permiten circular a pé con absoluta seguridade".

Pola súa banda, Julio Iglesias agradeceu os investimentos na súa localidade por parte da deputación e solicitou a colaboración deste organismo para acometer "a última fase da estrada de Pedrós, que une ese lugar coa estrada de Franza".

O presidente provincial visitou este luns a senda facía Redes e a segunda fase da estrada a Chanteiro. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente provincial visitou este luns a senda facía Redes e a segunda fase da estrada a Chanteiro. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta