O paro ascende en 2.705 persoas en outubro en Galicia, pero baixa en comparación co último ano

O Ministerio de Traballo e Economía Social publica os datos, nos que boa parte do aumento se debe á fin da tempada turística no sector servizos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2023 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

O paro rexistrado nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego subiu en 2.705 persoas en outubro, en relación co mes anterior (+ 2,07 %), segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press. Este incremento é superior ao da media nacional, xa que no total de España o paro creceu en outubro un 1,3 %, con 36.936 desempregados máis, lastrado, sobre todo, polo sector servizos, que concentrou boa parte do incremento do desemprego polo fin da tempada turística.

Así, en Galicia contabilízanse 133.348 parados, 10.372 menos que hai un ano (- 7,22 %), mentres que a nivel nacional rexístranse 2,75 millóns de desempregados, un 5,33 % menos que en outubro de 2022 (- 155.488 parados menos). Por provincias, Pontevedra é a que máis emprego perdeu en outubro, con 1.175 parados máis, un 2,33 % máis, seguida da Coruña, con 820 desempregados máis, un 1,56 %. En Lugo e Ourense o paro creceu en 335 e 375 persoas, respectivamente, + 2,68 % e + 2,46 %. No último ano, todas as rexións galegas rexistraron un descenso do número de parados de entre o 6,75 % menos da Coruña e o 7,61 % menos de Pontevedra.

Entre outros datos, o 58,7 % dos parados galegos é muller, mentres que un 4,35 % ten menos de 25 anos. Por sectores, un 71,2 % dos desempregados na Comunidade pertence ao sector servizos, onde se incrementou o paro en 2.272 persoas. A construción, co 6,6 % do paro galego, foi o único sector que rexistrou un descenso, con 33 persoas paradas menos. Á agricultura dedícase o 3,2 % dos parados na Comunidade, mentres que un 9,9 % pertence á industria e un 9,1 % non tiña emprego previo. En Galicia contabilizáronse 64.527 contratos en outubro, un 8,12 % menos que no mes anterior e un 7,76 % menos que hai un ano. Deles, 21.800 eran indefinidos, baixando un 1,13 % respecto de setembro e un 11,56 % en comparación con outubro de 2022.

Cartel dunha oficina do SEPE
Cartel dunha oficina do SEPE | Fonte: Alejandro Martínez Vélez

SINDICATOS PIDEN Á XUNTA "MEDIDAS CORRECTORAS"

Así as cousas, os sindicatos mostraron este venres a súa preocupación ante a subida do paro rexistrada en Galicia durante o mes de outubro, polo que solicitaron á Xunta que inclúa "medidas correctoras" no proxecto de orzamentos autonómicos de 2024. En concreto, Comisiones Obreras (CC.OO.) alertou de que o crecemento do desemprego o mes pasado na Comunidade foi superior ao da media estatal. Así, pediulle ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que "traballe menos para o seu partido político e máis por Galicia".

"Galicia necesita algo máis que turismo e Xacobeo para crecer e crear emprego de calidade como pensa a Xunta. O que necesita é un sector industrial forte e un sector servizos de alto valor engadido e isto conséguese con políticas sectoriais e de emprego adecuadas", reivindicou a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza. Así, puxo o foco, entre outros temas, na contratación, xa que en Galicia 34 de cada 100 contratos asinados son indefinidos, mentres que antes da reforma laboral esta proporción era de 10 de cada centenar. "Sendo moi positivo este dato, segue sendo peor que o conxunto do Estado, onde o 44 % son indefinidos", engadiu Bouza.

A CIG tamén puxo o foco en que o aumento do paro en Galicia é superior ao da media de España, sinalando ademais que a Comunidade perdeu máis de 3.200 afiliados á Seguridade Social, mentres que a nivel nacional gañáronse máis de 90.000 cotizantes. Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, isto pode ter que ver co agravamento dos problemas demográficos galegos, sobre todo coa emigración. "Cando imos aos datos de desempregados en Galicia, por idades, vemos que o 60 % ten máis de 45 anos. Isto confirma que hai un grave problema de emigración, que non hai traballo para os mozos, sobre todo os máis cualificados", explicou. González Sío, ao contrario que CC.OO., criticou a reforma laboral, insistindo en que cando baixa o emprego hai un "descenso enorme" das persoas eventuais.

Con todo, UGT valorou este crecemento "máis moderado" do paro, asegurando que entre 1996 (primeiro ano da serie histórica) e 2019 (último ano antes da pandemia), o aumento mensual en outubro era de máis de 6.500 desempregados de media, e ese ano queda nos 2.705 parados máis. "Parece que a creación de emprego de calidade está a suavizar as grandes variacións periódicas que mostraban as estatísticas laborais. O impulso dado á contratación indefinida e a restrición ao traballo temporal están a permitir reducir os picos de contratación e despedimentos", engadiu o sindicato, insistindo un mes máis na importancia da reforma laboral. A pesar de todo, subliñou a necesidade de centrarse naquela parte da poboación que segue mantendo contratos "pouco estables", "unha realidade que debe situarse en primeiro plano no contexto xeral de boa evolución das cifras de emprego".

A XUNTA VALORA "A CIFRA MÁIS BAIXA DUN MES DE OUTUBRO"

Pola súa banda, a Xunta de Galicia puxo en valor que o dato de outubro supón o número de desempregados máis baixo de toda a serie histórica. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, recoñeceu que, a pesar de que aumenta o desemprego, "como é habitual" en outubro pola extinción dos últimos contratos da campaña de verán e de tipo estacional como a vendima, o paro baixa de forma interanual nas catro provincias e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores de actividade.

"Un mes máis é de destacar a evolución do desemprego nos colectivos prioritarios para as nosas políticas de emprego", indicou Rivo, apuntando a que o número de mulleres desempregadas e menores de 30 anos é o mínimo nun mes de outubro e que o paro de longa duración mostra o mellor comportamento para este mes en 15 anos. Ela tamén destacou que Galicia é a cuarta comunidade española na que máis baixa o paro en número de persoas con respecto a outubro de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta