Asime impulsará un polo eólico mariño de referencia para a Eurorrexión na procura dunha industria de cero emisións

O proxecto, denominado Atlantic Offshore Wind Energy Aowinde, ten como obxectivo principal acelerar o desenvolvemento e peso da enerxía eólica mariña na zona mediante a colaboración público-privada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) impulsará un polo eólico mariño de referencia para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que ten un orzamento de 1,4 millóns de euros a executar ata decembro de 2025. Tal como informou a asociación nun comunicado, o proxecto, denominado Atlantic Offshore Wind Energy Aowinde, ten como obxectivo principal acelerar o desenvolvemento e peso da enerxía eólica mariña na zona mediante a colaboración público-privada.

Para iso, poranse en marcha ferramentas de apoio á cadea de valor da enerxía eólica mariña transfronteiriza, atraendo novos axentes ao territorio, desenvolvendo formación específica e promocionando a enerxía eólica mariña. "Búscase, en definitiva, unha folla de ruta común para mellorar a competitividade da industria de cero emisións netas vinculada á cadea de valor da enerxía eólica mariña, impulsando a rápida transición cara á neutralidade climática, no marco do sector da Economía Azul", reivindicou Asime.

Asime coordinará esta iniciativa na que participan un total de cinco socios galegos e cinco portugueses: a Secretaría Xeral de Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), as Universidades da Coruña e Vigo e a propia Asime; e a Cámara de Viana do Castelo, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), o Instituto de Enxeñaría, Tecnoloxía e Ciencia de Sistemas e Informática (Inesctec), o Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalmecánica (Catim) e a Asociación de Metalúrxicos, Metalmecánicos e Industriais Afíns de Portugal (Aimmap), por parte de Portugal.

"Con este proxecto buscamos situar á Eurorrexión como polo de referencia internacional en eólica mariña. Queremos trazar unha folla de ruta común transfronteiriza, baseada na colaboración público-privada, que xere un hub industrial transfronteirizo na Eurorrexión especializado na innovación industrial en enerxía eólica mariña", indicou o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón. A iniciativa será presentada nunha xornada de lanzamento o próximo 10 de novembro ás 11.00 horas no Museo do Mar de Vigo, onde se darán a coñecer as principais liñas de actuación e actividades.

Eólica mariña
Eólica mariña | Fonte: CTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta