Segundo ano de conxelación de peaxes nas autoestradas galegas: beneficiaranse case 28.000 usuarios ao día

A medida afecta á AG-55 (A Coruña-Carballo) e á AG-57 (Vigo-Baiona).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que a Xunta manterá por segundo ano consecutivo a conxelación das peaxes das autoestradas de titularidade autonómica, cunha partida de 5,5 millóns prevista nos orzamentos do seu departamento para o ano que vén.

Na presentación das súas contas na comisión de economía do Parlamento, Vázquez resaltou que é unha medida que "xa aplicou e volve aplicar" o Goberno galego, e que afecta á AG-55 (A Coruña-Carballo) e á AG-57 (Vigo-Baiona). Segundo a conselleira, son 5,5 millóns para bonificacións e conxelación de peaxes de autoestradas autonómicas que beneficiarán a "case 28.000 usuarios cada día", e que enmarca na loita contra a inflación.

A Xunta abre ao tráfico a conexión da estrada AC-551 en Arteixo (A Coruña)
A Xunta abre ao tráfico a conexión da estrada AC-551 en Arteixo (A Coruña) | Fonte: CONSELLERIA DE INFRAESTRUTURAS

O orzamento da consellería increméntase un 2,4 % (o global do documento ascende un 5 %) e chega ata os 592,5 millóns de euros, segundo expuxo este luns a titular de Infraestruturas, 14 millóns máis que no presente exercicio. Na súa intervención, Ethel Vázquez subliñou o "marcado carácter social e ambiental" que pretende imprimir nelas o Executivo autonómico, con medidas como a gratuidade do transporte interurbano para maiores de 65 anos e para menores de 21.

Por áreas, a Axencia Galega de Infraestruturas volverá ser a que conte con maior orzamento, "practicamente igual" que en 2023, con 283 millóns de euros. A Dirección Xeral de Mobilidade increméntao a 164 millóns, un 31,6 % máis, pois absorbe os fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dedicados a financiamento de infraestruturas dunha mobilidade sustentable. Este ano estaban consignados nas contas da Secretaría Xeral Técnica, que en 2024 verá minorado, como consecuencia, o seu orzamento ata os 8 millóns. Augas de Galicia disporá de 140 millóns.

PLAN DE TRANSPORTE

Na súa primeira quenda, a conselleira referiuse ao plan de transporte de Galicia como un dos "máis complexos", e reivindicou ser "referente" neste ámbito. Este foi un dos puntos que centrou as críticas da oposición durante as súas intervencións, tanto pola sentenza do Tribunal Supremo que obrigou a Competencia a incoar expediente sancionador a Monbus e Alsa por repartición de mercado como polos informes do Consello de Contas sobre as peaxes na sombra e o transporte público da comunidade.

Así, a socialista Patricia Otero asegurou que "calcular mal ese reequilibrio custou 44 millóns aos galegos" e deduciu do informe de Contas que a Xunta "sae como sempre en socorro das empresas concesionarias, antes que velar polos intereses dos galegos". Pola súa banda, o nacionalista Luís Bará denunciou que é "un auténtico escándalo" e esixiu "algo de autocrítica" ante "a auténtica avalancha xudicial que lle está caendo" á consellería e os reproches do Consello de Contas. O popular José Manuel Balseiro lamentou discursos centrados nestes aspectos e considerou ademais "curioso escoitar as críticas fronte ás contas" da oposición cando "todos" puideron "ver como xestiona o PSOE e como xestionou o Bloque as súas competencias"

"NON SE PERDEU NADA NOS XULGADOS"

Na réplica, a conselleira asegurou que "co plan de transporte esta consellería non perdeu nada nos xulgados". "Ningún contencioso, ningunha actuación nos xulgados", afirmou. Deste xeito, afeoulles esa "obsesión" a PSdeG e BNG e valorou que"o maior aval é o dos usuarios, que dan un notable alto" ao transporte público de Galicia.

Así, Ethel Vázquez dixo que o fallo do Supremo "non cuestiona" o plan e circunscribiuno a "un asunto de competencia entre dúas empresas", antes de resolver que "Competencia xa incoou o correspondente expediente sancionador". En canto ao informe sobre as concesións, cifrou en 190 millóns a responsabilidade patrimonial "que deixou o bipartito" e advertiu de que era "inviable" pagala. Por iso e "por coherencia" defendeu traballar" polo interese xeral tendo en conta os orzamentos".

Por último, Patricia Otero incidiu en que Competencia "actuou cando lle deu un tirón de orellas o TSXG" e Luís Bará censurou o que considera "negar a evidencia". "Hai sete sentencias que anulan lotes de contratación de transporte e o Supremo acaba de sacar as cores á consellería por repartición de mercado", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta