Temas: SOL ECLIPSE USC

Sabes que hai unha eclipse lunar este sábado?

O 12% do disco lunar estará oculto pola sombra da Terra.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 27/10/2023 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

Galicia poderá gozar dunha eclipse lunar este sábado. Iso, si, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan, algo que será difícil ante as previsións de novas chuvias en boa parte do país. Será entre as 20.00 e as 00.23 horas deste sábado 28 e será unha eclipse con fases penumbra e parcial, aínda que esta de baixa magnitude. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, a fase parcial, que é a única que poderá percibirse, vaise producir entre as 21.33 e as 22.50, sendo o máximo ás 22.11 momento no cal o 12% do disco lunar estará oculto pola sombra da Terra.

A foto adxunta representa unha simulación de como se vería no máximo da eclipse a Lúa parcialmente eclipsada este sábado
A foto adxunta representa unha simulación de como se vería no máximo da eclipse a Lúa parcialmente eclipsada este sábado | Fonte: : Stellarium

O planeta Terra ao ser iluminado polo Sol proxecta tras de si dous conos. Un deles formado polas tanxentes interiores aos discos do Sol e da Terra, que é o cono de penumbra, e o outro xerado polas tanxentes exteriores a ditos discos, que se chama o cono de sombra. Mentres que o primeiro se vai abrindo detrás da Terra, ao de sombra sucédelle o contrario. Por esta razón o cono de sombra ten unha sección menor que o de penumbra, aclara o profesor Docobo.

Cando se produce unha eclipse de Lúa, “o noso satélite ten que atoparse necesariamente na fase de Lúa chea, de tal xeito que esta comeza a entrar en primeiro lugar no cono de penumbra (fase penumbral). Se logo se introduce no cono de sombra (como no caso deste sábado), iníciase a fase parcial. A eclipse sería total se a Lúa chega a introducirse completamente no cono de sombra, que non vai ser o caso deste sábado 28”, di o director do Observatorio da USC.

A gran diferenza entre as eclipses de Sol e as de Lúa, é que “as primeiras só se poden ver nunha franxa da Terra inferior a 200 km aproximadamente, en tanto que nas de Lúa chega con que o noso satélite estea por riba do horizonte. Isto explica por que para un mesmo lugar se ven moitas máis eclipses de Lúa que de Sol” engade o astrónomo.

A última eclipse de Sol total que tivo lugar na Península produciuse en 1912  e a súa liña de centralidade pasara por Verín e mais polo Barco de Valdeorras.  O 3 de outubro de 2005 houbera unha eclipse anelar de Sol que se puido observar perfectamente dadas as boas condicións meteorolóxicas. O profesor Docobo explica que “porén nos vindeiros anos haberá a posibilidade de observar varias eclipses solares dende distintos puntos de España. Concretamente a  eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 se poderá seguir dende o norte e leste de Galicia”. Ade

Temas: SOL ECLIPSE USC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta