Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2023 | Actualizada ás 17:01
A costa máis ao norte de Galicia rexistrou refachos de máis de 130 135 kiómetros por hora nunha xornada de avisos amarelos e laranxas por fortes ventos que se activaron, sobre todo, no litoral. Esta situación, segundo recolle a web de Meteogalicia, repetirase en boa parte de Galicia este mércores: haberá alerta amarela por ventos na Costa da Morte, no litoral norte da Coruña e na Mariña lucense.
O aviso laranxa activado entre a mañá e o mediodía deste martes deixou valores de máis de 100 km/h por practicamente toda Galicia. Os ventos máis fortes notificáronse en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), con 141,7 km/h ás 11,00 da mañá; e en Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), con 135,2 km/h ás 10,00.
Sen chegar a ser tan altos, houbo outros municipios coruñeses, lucenses e, mesmo, ourensáns con refachos por encima do 110 km/h. Foi o caso de Carballeda de Valdeorras (114,4 km/h), Muras (110,8 km/h) e Arteixo (110,4 km/h).
AVISO AMARELO POR CHOIVAS
No que respecta ás choivas, o interior coruñés e a provincia de Pontevedra leváronse a peor parte este martes. Os medidores de Meteogalicia en Muralla, Lousame (A Coruña), rexistraron ata as 16,30 da tarde 60,6 litros por metro cadrado. Tras esta, están dúas estacións en Pontevedra con 43 l/m2: a de Areas, en Tui, e a de Castrove, en Poio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.