Descubrindo os enigmas dos torques atopados en Betanzos

O concello de Betanzos pide que se ubiquen no Museo das Mariñas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2023 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, onde técnicos do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) analizan os dous torques achados de maneira causal nunha leira da comarca de Betanzos. Segundo as primeiras hipóteses, poderían proceder da Idade do Ferro.

Durante a súa visita, o responsable autonómico de Cultura explicou que as pezas foron entregadas á Administración autonómica por un particular e depositadas no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón, da Coruña, o centro de referencia para os achados localizados nesta comarca, para o seu estudo e avaliación por parte dos técnicos, segundo a Xunta.

Tras isto, a Administración galega levou a cabo unha prospección arqueolóxica e xeofísica na parcela co fin de comprobar si se escondían outras pezas, pero non foron detectados nin niveis arqueolóxicos nin tampouco materiais antigos.

Román Rodríguez aproveitou a ocasión para agradecer o proceder da persoa responsable do descubrimento pola súa dilixencia que "dá unha nova oportunidade para profundar máis no noso pasado máis singular e na historia desta comarca".

A investigación preliminar feita por Xosé-Lois Armada e Carlos Otero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, mediante análise da composición química, estudo analítico da composición do metal e observación microscópica, apunta a que os dous torques atópanse en bo estado de conservación e poderían proceder da Idade do Ferro.

Torques atopado en Betanzos
Torques atopado en Betanzos | Fonte: culturagalega.gal

CRÍTICAS

Por outra banda, o goberno local de Betanzos solicitou á Xunta que dous torques localizados na comarca sexan depositados no Museo das Mariñas. Ambas as pezas foron achadas na mesma parcela, segundo informa o consistorio.

Para a alcaldesa do municipio, María Barral, o museo, que este ano cumpriu 40 anos, conta cunha sala provista de medidas de seguridade, na que se expoñen outras pezas similares que foron localizadas na comarca, que "sería o lugar idóneo para a súa exposición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta