Nutri-Score, un etiquetado frontal que usa as cores para axudarche na compra de produtos saudables

Foi no ano 2016 cando a Unión Europea, ao consideralo un dereito fundamental, estableceu a obriga de que todos os produtos envasados tiveran unha información sobre a súa relación de ingredientes. Isto non se conseguiu facer efectivo dun só vistiza e agora hai unha loita aberta entre países por ver quen se fai coa etiquetaxe final.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/10/2023 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

A alimentación saudable a día de hoxe non resulta algo sinxelo para a xente de a pé, aquela que ten outras cousas máis importantes nas que pensar, como en superar o día a día e chegar a fin de mes sen que aos seus fillos lles falte algo que levar á boca e sen que o aluguer quede sen pagar. Nunha sociedade como a actual, onde o tempo é ouro, quen se para no supermercado a ler o etiquetado dos produtos? Cantas calorías ten, cantas graxas nocivas, canto azucre...? E todo nesa letriña tan pequena que aparece nas táboas da parte traseira do alimento. Como non leves gafas... E é que mesmo produtos da mesma clase, como poden ser dúas fabadas, teñen cantidades de ingredientes totalmente diferentes: unha pode ser sá e a outra non, ou menos.

Etiquetado Nutri-Score
Etiquetado Nutri-Score | Fonte: Commons

Para facer unha lectura clara de se un alimento é bo ou malo, sen ter que recurrir a ler o seu etiquetado na parte posterior, naceu Nutri-Score, un sistema de clasificación frontal dos produtos que permite, cun só vistazo e unha escala de cores e letras, saber se é mellor ou peor para a nosa saúde. Ao igual que na escala enerxética das vivendas, vai dende o 'A' ata o 'E', e degradando cores dende o verde intenso ata o vermello alerta, sendo, como parece lóxico, o verde o mellor e o vermello o peor. Deste xeito, o consumidor ao ir ao supermercado saberá só con mirar aos estantes que produtos son mellores e cales peores para a súa saúde. Logo, xa está nas súas mans seguilos comprando ou non. 

Foi no ano 2016 cando a Unión Europea, partindo de que consideraba que era un dereito cidadán, estableceu a obriga de que todos os produtos envasados tiveran unha información e unha relación de ingredientes. Este dereito intentouse garantir e non se conseguiu facer efectivo que, dun só vistazo, o consumidor puidese obter unha información rápida. Tal e como expón Fernando Rodríguez Artalejo, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Autónoma de Madrid e un dos asinantes dunha declaración a nivel europeo apoiando o sistema Nutri-Score, invitado á 'II Xornada Galega de Saúde Pública' celebrada a pasada semana en Santiago, "se ademais ao colocar esa etiqueta logramos mellorar as decisións de compra e que a industria reformule para mellor os alimentos, estariamos a realizar un servizo de saúde pública".

Polo de agora, en España, hai 50 compañías alimentarias e distribuidores que voluntariamente decidiron usar Nutri-Score. Cal é o problema? Que o usan como queren, e como non é unha clasificación regulada, o Goberno español non pode facer nada, pois é competencia da Unión Europea. Mentres tanto, o principal instrumento informativo son as guías alimentarias destinadas á poboación, pero, quen as le? O ano pasado elaboráronse estas guías oficiais en España por primeira vez e nelas, aínda que se defende a dieta mediterránea como a tradicional de España, inclúese tamén por primeria vez a dieta atlántica como a típica de Galicia e Portugal. O problema? "Estas guías, que poden ser lidas pola poboación, precisan sen trasladadas de forma práctica para que esta sepa que facer", asevera Rodríguez Artalejo.

En que consisten? Unha dinos como organizar cada unha das dúas principais comidas cada día. Outra dinos como organizar a nosa alimentación en períodos de tempo, por exemplo, semanas. E a terceira fala da famosa pirámide alimentaria e de que produtos debe un comprar no supermercado para poder seguila. Pero, como explica o catedrático de Saúde Pública, "pódenche falar por exemplo de que debes comer pescado dúas veces á semana, pero cando ti vas ao supermercado atópaste con moitos tipos de pescado: con adobo, sen adobo, con sal, sen sal, conxelado... Como saber cal escoller?". Iso é algo que facilitaría Nutri-Score: "A etiqueta dinos entre produtos da mesma categoría (peixe, neste caso) cal é mellor escoller, aqueles que teñen unha etiqueta máis verde".

Produtos con etiquetado Nutri-Score
Produtos con etiquetado Nutri-Score | Fonte: Commons

DA BATERÍA ITALIANA AO SEMÁFORO BRITÁNICO PASANDO POLA ICONA NÓRDICA

Os primeiros estudos realizados sobre as empresas que voluntariamente se prestaron ao etiquetado Nutri-Score amosan que "polo xeral a xente decide en función de se as cores son verdes ou vermellas, a cor amarela (etiqueta 'C', intermedia) non inflúe demasiado na toma de decisións". O que non fai Nutri-Score, "pero tampouco ningún outro etiquetado no mundo", é ter en conta o nivel de procesamento dos alimentos, "só pretende traducir para o consumidor a relación de ingredientes dun produto". Por que non se fala de procesado? Rodríguez Artalejo explica que "porque non temos unha definición clara do que é un produto ultraprocesado ou procesado, e costará ter unha definición legal do mesmo, pero por agora é importante non sacrificar aos procesados, porque non todos son iguais e xa están entre nós, chegaron para quedarse e teñen moitas vantaxes, o que hai que entender é por que uns son bos e outros non, pero ata que non nos definan oficialmente o que son non terán etiquetado". Así, pon como exemplos de ultraprocesados sans o pan de molde integral ou o café soluble.

A Unión Europea, na súa estratexia da granxa á mesa comprometeuse a que a finais do ano pasado tería elixido un etiquetado común para toda Europa, pero, como evidencia Rodríguez Artalejo, "non cumpriu e, se o plantexa, nunca será antes das eleccións ao Parlamento europeo". O que si se sabe é cales son os candidatos que están enriba da mesa para convertirse nese etiquetado. Un deles é, precisamente, Nutri-Score, por parte de España. Outro é a batería italiana, que apenas ten color e o que dá é información cuantitativa sobre a proporción na que se atopa cada nutriente no produto, tratándose así dun etiquetado interpretativo. Por outra banda estaría o semáforo británico, que informa do mesmo que o etiquetado italiano pero usando un código de cores onde o vermello é aquelo que leva certa compoñente en exceso. E, finalmente, estaría a opción nórdica, que só pon iconas se o produto é moi saudable. A día de hoxe, indica o experto en Saúde Pública, "hai unha enorme batalla", e, por iso, "Europa non fai nada". 

O ALGORITMO PUNTÚA MACRONUTRIENTES, AZUCRES, GRAXAS SATURADAS...

Mais como ningunha clasificación pode ser perfecta, Nutri-Score tamén encerra os seus problemas. Por exemplo, como conta Rodríguez Artalejo, "dúas latas de legumes dunha marca, unha de lentellas e outra de fabada, lograron dúas clasificacións diferentes, unha un B e outra un A". "Se alguén quere tomar un alimento dese tipo, mínimamente procesado, debería elixir a letra A, as lentellas, con todo, neste caso, teñen menos calorías e graxas saturadas a pesares de ter peor puntuación, polo que se queres controlar o teu peso e reducir o colesterol ao mellor as lentellas para ti son mellores aínda que teñan un B, porque a peor puntuación débese a que teñen moito sal; pero se o que che preocupa é a hipertensión arterial, entón deberías elixir a fabada, porque ten menos sal", explica. Para este experto, "entre unha clasificación A e B non hai tanta diferencia, pero si entre un D e un E".

Pero, se as lentellas son boas, por que non acadaron unha puntuación máis alta? A grandes trazos, Rodríguez indica que "o algoritmo de Nutri-Score puntúa unha serie de cousas, como os macronutrientes, os azucres, as graxas saturadas e o sodio, e conto máis alta é a proporción dese tipo de cousas no produto, máis vermella é a etiqueta, aínda que logo matízase o resultado se leva froita ou verdura, aceites sans, proteínas, fibra...". Hai quen di que isto resulta enganoso, porque entón se tes un produto 'basura' pero lle engades cousas boas, conseguirás enganar ao algoritmo para obter unha mellor cualificación, pero "non é certo, porque as cousas malas puntúanse moito máis que as boas".

EXPERIMENTO CON 1.860 PRODUTOS DE MARCAS BRANCAS ENTRE 2009 E 2021

Polo de agora, as primeiras evidencias amosan que as persoas que consumiron máis alimentos con etiquetado A e B terían unha calidade nutricional maior e enfermarían menos de enfermidades crónicas. Ademais, parece que Nutri-Score, nas enquisas realizadas, "resulta agradable á vista para a xente e é entendido por xente con baixo nivel de estudos". Pero, inflúe nas decisións de compra? "Non o sabemos moi ben, porque non está tan implantado". Rodríguez expón que "a marca de supermercados Eroski colocou a uns 1.860 produtos de marca branca das súas estanterías este etiquetado nutricional entre o ano 2009 e 2021 e logrouse unha pequena baixada do consumo de alimentos de tipo D e E, pois a xente que os consumía desprazouse cara aqueles que tiñan un C, e, entre eses, elevouse o número de consumidores que optaron por ir cara produtos A e B, o que mellorou algo a dieta e a saúde das persoas". Non foron grandes cifras, un 5 %, pero "algo é algo, 5 % para un individuo non é moito, pero no conxunto da poboación si é moito". 

Con todo, este etiquetado de nada serve se non vai acompañado doutra serie de medidas. Neste senso, as estratexias educativas sempre resultan menos eficaces nos niveis socioeconómicos máis baixos, polo que non deben ser a única alternativa. Hai que empezar polos propios supermercados. En moitos, nada máis entrar, hai unha serie de palés con produtos, case sempre doces ultraprocesados, con baixada de prezo, e véndense coma churros. Se aí se colocasen produtos con maior puntuación, por que non se ían vender tamén? Á xente gústanlle as ofertas. Pero tamén podería suceder que as empresas que obteñan maior puntuación nos seus produtos suban os prezos, e iso é algo que non se pode permitir e que ten que ser vixiado dende o Goberno central.

CASOS REAIS: SARDIÑAS EN CONSERVA, CEREAIS CHOCAPIC OU COCA-COLA ZERO

Ademais, sobre o propio algoritmo é necesario traballar continuamente, pois danse casos que precisan de corrección. Por exemplo, as latas de peixe azul, cando van en aceite de oliva, tiñen un D, o cal, na opinión de Rodríguez, "é un escándalo e un atentado contra as nosas propias guías alimentarias, nas que promovemos o consumo de peixe azul, propio de España e da nosa industria, que aporta millóns de euros á nosa economía". Coas correccións aplicadas, se esa lata non contén moito sal, pasará a ter un B aínda que esté conservada en aceite de oliva. Outro exemplo é o caso dos aceites. Tanto o de oliva como o de colza pasaron a ter un B, pero antes, como o de oliva ten un montón de graxas saturadas, obtiña unha cualificación moito peor, e costou moito igualalos, porque por exemplo o de colza baixa máis o colesterol. Tamén está o caso dos pans, que tiñan todos un A polo mero feito de selo, pero agora só terán o A aqueles que sexan integrais, mentres que os refinados ou brancos terán un B.

O mesmo ocorre con alimentos que teñen moito azucre. Cereais coma os Chocapic tiñan un A, e agora baixan ao C, ao igual que os Nesquik. Deste xeito, só os cereais de almorzo baixos en azucre teñen un A. A diferenciación tamén se establece entre produtos lácteros con e sen azucre, porque antes algúns que estaban moi doces chegan ao B. Isto fíxose estensible ás bebidas lácteas: as que teñen moito azucre caen ao C, e de aí en diante. E, finalmente, outro bo exemplo é os dos famosos refrescos edulcorados como a Coca-Cola Zero, que por ser Zero chegaba ao B, e agora rebáixase ao C, penalizando así a todos aqueles produtos que contan con moitos edulcorantes. E isto é algo en continuo movemento, pois a medida que vaian aparecendo produtos e clasificándose, será necesario ir realizando axustes.

Etiquetado Nutri-Score
Etiquetado Nutri-Score | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta