O problema das bebidas enerxéticas: "Os menores mesturan Red Bull, alcol ou Monster para xogar toda a noite"

"Quen lle daría a un mozo de trece ou catorce anos tres cafés de golpe? Pois unha bebida enerxética é equiparable", alerta o presidente da Xunta. O experto en drogodependencia da UVigo Manuel Isorna advirte de que "estas bebidas deben ter un importo moi, moi alto, non poden ser máis baratas que a auga".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Latas de gran tamaño, con cores chamativas e sabores de todo tipo que causan un efecto estimulante no consumidor. Seguro que sabes a que nos referimos. Red Bull, Monster, Burn ou Rock Star son as máis coñecidas, pero hai unha variedade infinita, cada vez máis, de marcas 'brancas' e importadas dos Estados Unidos, como Eneryeti, que están loitando por facerse un oco nun mercado cada vez máis colapsado, pero que dá grandes froitos pola dependencia que xera. Nas papeleiras de calquera instituto galego, nos parques, nos cinemas ou mesmo pola rúa poden atoparse latas e latas baleiras, que foron consumidas, na súa maioría, por rapaces menores de idade. Os sabores agradables están de moda, aínda sen ter en conta o efecto que provocan sobre a saúde estas bebidas.

Marcas de bebidas enerxéticas altamente coñecidas
Marcas de bebidas enerxéticas altamente coñecidas | Fonte: EFE - Andy Rain

As máquinas expendedoras de calquera superficie comercial ou mesmo das universidades teñen entre as súas opcións algunha destas marcas de bebida enerxética, e en restaurantes de comida rápida altamente frecuentados polos mozos e mozas, como é o caso de McDonald's ou Burguer King, xa se pode elixir substituír a habitual Coca-Cola por un Monster pagando pouco máis. Os seus efectos, como psicoestimulantes e euforizantes, tal e como recoñeceu o propio presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, "non son inocuos". E ante esta aberración Galicia será a primeira comunidade en dar o paso cara a prohibición do seu consumo entre os menores a partir do próximo ano 2024. 

Rueda referiuse, en concreto, ao "notable aumento" deste consumo como "un problema de saúde pública". "A alguén se lle ocurriría que un mozo de trece ou catorce anos tomase tres cafés de golpe? Pois iso é equiparable a unha bebida enerxética", manifestou o presidente galego nas súas redes sociais, antes de anunciar que "Galicia será a primeira comunidade en regulalo". "Son bebidas con moitos estimulantes e hai que controlar o seu consumo, a publicidade e un acceso máis restrinxido. En definitiva, comezar a poñer solución a un problema que existe", expuxo, deixando nas mans dos expertos sanitarios a letra pequena, é dicir, as "delimitacións concretas" dunha regulación que sacará adiante en "moi poucos meses". A Xunta ultima así a redación do proxecto da Lei para a Prevención de Adiccións.

Os expertos maniféstanse na mesma liña. Preguntando ao experto en drogodependencia e profesor da UVigo Manuel Isorna polo tema, asegura que "a bebida enerxética en si xa é unha bomba calórica e unha bomba de estimulantes, porque normalmente, dependendo do envase, leva a concentración de entre dous e tres cafés, ademais dunha elevada cantidade de azucre, do entorno dos 14 terróns, o que supón unha aberración a nivel nutricional". "Imaxinas a unha persoa que se tome tres cafés de golpe? Como está? Pois iso estano a facer moitos menores co feito de consumir unha destas bebidas", expón.

"AO MEZCLALAS CO ALCOL NON NOTAN O EFECTO DESTA DROGA DEPRESORA"

Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado
Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado | Fonte: SOLSTOCK - Arquivo

Ademais, considera que o problema das bebidas enerxéticas tamén radica en certos comportamentos aos que estas se asocian. Por exemplo, afirma que "a maior parte dos mozos consúmenas mesturadas con bebidas alcohólicas, e rematan tomando tres ou catro cubatas na noite mesturados con Red Bull ou Monster, o equivalente a tomarse nove tazas de café".

Que é o que lles proporciona esa mestura? "Notan unha euforia, unha estimulación e non están realmente notando o efecto do alcol, que é unha droga depresora, o cal supón un risco", indica, argumentando que "o chaval (adoitan consumir máis os rapaces que as rapazas, segundo puntualiza) pódese poñer a facer o tonto subido a unha baranda porque está borracho pero nótanse ben polo efecto da bebida enerxética, cando realmente o que ten é unha perda de concentración e equilibrio moi bestial, pois seguen estando baixo os efectos do alcol, o que pode derivar en accidentes graves".

"OS PROPIOS 'STREAMERS' RETRANSMITEN EN TWITCH CONSUMINDO BEBIDAS"

Por outra banda, máis alá de asociarse ao alcol, tamén se están a asociar cada vez máis ao mundo dos videoxogos, unha das formas de entretemento preferidas dos máis novos. Como apunta Isorna, hoxe en día os videoxogos máis xogados son os 'online', que obrigan a permanecer xogando durante moitas horas, e para logralo "necesitan reforzos", sobre todo porque as horas de xogo máis habituais son polas tardes-noites ou polas noites, directamente, así que "para manterse desperto o rapaz toma un Red Bull". "Velo tamén entre os propios 'streamers' da industria, que retransmiten os seus xogos en Twitch mentres se toman unha bebida enerxética (algúns mesmo teñen as súas propias marcas ou están patrocinados por algunha das grandes xa existentes)", asegura. Así, conclúe que a industria do videoxogo é para as bebidas enerxéticas "o seu terreo". 

Cales son as consecuencias? "Que se inxires grandes cantidades de bebidas enerxéticas, ao ser estimulantes, non descansas ben, e se non descansas ben ao día seguinte non vas rendir no traballo, nin no colexio, porque tes alterado o ciclo do sono", expón o experto en drogodependencia. Deste xeito, asevera que "xa a propia bebida é un problema, pero acrecéntase polo tipo de comportamentos que se asocian a ela, porque están dirixidos a captar un 'target' de público moi concreto, os mozos, que teñen esa particularidade de consumir mezclándoa con alcol, case sempre pola noite, xa sexa de festa ou asociado ao xogar a videoxogos". Así, ademais de baixar o seu rendemento laboral e académico, "sofren trastornos no seu estado de ánimo, porque se atopan fatal ao día seguinte e non saben por que, e rematan tendo problemas de ansiedade que non son realmente ansiedade, senón falta dun descanso axeitado".

"TODO O QUE SEXA RENTRINXIR E INFORMAR Á POBOACIÓN, BENVIDO SEXA"

Así as cousas, Isorna dá a benvida a esta nova lei galega, porque "todo o que sexa restrinxir e darlle información á poboación e aos adolescentes benvido sexa". Sobre todo porque unha bebida enerxética conséguena en calquera parte, se lles fose igual de difícil aos menores que conseguir unha botella de alcol, o seu consumo pode que baixase, poñendo tamén en alerta aos pais de que realmente esas bebidas entrañan un perigo. Porque a industria sabe facelo ben. "Enmascárancho dunha forma que sabe ben, con escipientes e desa forma é como acaban caendo estos rapaces, polo sabor agradable, que lles gusta", explica.

Ademais, "ten unha tolerancia moi alta, porque todos os estimulantes ao principio fanche efecto, pero logo precisas ir subindo as doses para lograr o mesmo efecto, entón ao final non te tomas tres (o equivalente a nove tazas de café e un 64 terróns de azucre), senón seis (que xa serían 18 tazas e 128 terróns)". Finalmente, o profesor da UVigo advirte de que non é normal que estas bebidas sexan tan baratas, pois "case saen máis baratas que mercar auga, cando en verdade deberían ter un imposto moi, moi alto, porque entre beber auga ou unha infusión e tomarte unha bebida enerxética, non pode ser que che saia máis barata esta última". "Paréceme unha aberración a nivel de saúde pública", conclúe Isorna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta