Ana Miranda pide a dimisión de Von der Leyen por "complicidade" no "xenocidio" de Israel sobre Gaza

Eurodeputados de EU, Podemos, Anticapitalistas e Ana Miranda reclamaron este mércores á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, que se retracte por non condenar os "crimes de guerra" de Israel na Franxa de Gaza durante a súa viaxe xunto á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 18/10/2023 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

Eurodeputados de EU, Podemos, Anticapitalistas e Ana Miranda (BNG) reclamaron este mércores á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, que se retracte por non condenar os "crimes de guerra" de Israel na Franxa de Gaza durante a súa viaxe xunto á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o pasado venres.

A carta asínana nove parlamentarios de Esquerda que afean que Metsola viaxase ao terreo antes de que o Parlamento Europeo aprobase unha resolución sobre o conflito, que se espera para este xoves, cando os líderes dos Vinte e sete tampouco adoptaran unha posición pública.

Eurodeputados de EU, Podemos e BNG piden a Metsola que se desculpe por non condenar os 'crimes de guerra' de Israel
Eurodeputados de EU, Podemos e BNG piden a Metsola que se desculpe por non condenar os 'crimes de guerra' de Israel | Fonte: BNG

Mentres denunciou a morte de civís polo ataque de Hamás, Metsola e Von der Leyen non explicitaron a súa condena ao asedio e os bombardeos sobre Gaza. Para os eurodeputados isto é un "silencio inaceptable" que "lava a cara ao Goberno israelí e á súa vergoñosa postura".

"Queremos lembrarlle que representa a unha institución e non só a un individuo. Ademais, que tipo de competencia ten a Presidencia do Parlamento Europeo para facer tales declaracións sobre política exterior?", indicou a misiva encabezada por Miguel Urbán.

Os parlamentarios insisten así en que a 'popular' maltesa pide desculpas por "tomar unha posición e realizar unha visita antes de que o Parlamento Europeo se pronunciase". Ademais de Urbán, sumáronse á misiva os parlamentarios españois Sira Rego, de EU, María Eugenia Rodríguez Palop e Idoia Villanueva, de Podemos e Ana Miranda, do BNG.

INTERVENCIÓN

Ademais, Ana Miranda, que é integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e Israel do Parlamento Europeo, fixo este mércores unha dura intervención no Europarlamento na que reclamou a "dimisión" de Ursula von der Layen por "non exercer a mediación e a neutralidade que se corresponde polo seu cargo para alcanzar a paz en Palestina" e, ademais, "ser cómplice do xenocidio e limpeza étnica que Israel está a levar a cabo na franxa de Gaza".

"Non queremos máis mortes de ningunha nacionalidade", remarcou Ana Miranda na súa intervención, na que denunciou que "Europa está en silencio cara a Gaza, preocúpase máis de izar a bandeira de Israel en Bruxelas ou de visitar a Netanyahu que de denunciar o cruel e implacable castigo sobre a poboación de Gaza". "E por iso debería dimitir", sentenciou no debate que tivo lugar no Parlamento Europeo baixo o título "Os atentados terroristas de Hamás en Israel, o dereito de Israel a defenderse de conformidade co Dereito humanitario e internacional e a situación humanitaria en Gaza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta