PPdeG sobre a retirada das primarias de Caballero: "O que ía ser a festa de democracia convírtese no guateque do dedazo"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, enmarca a decisión de Caballero na liberdade de calquera militante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou respectar a decisión do que fora secretario xeral da formación e actual deputado autonómico, Gonzalo Caballero, de retirar a súa precandidatura das primarias que o partido celebra para elixir ao seu aspirante á Xunta.

"O proceso de primarias forma parte do ADN do Partido Socialista, non me ouvirán en ningún momento cuestionar a conveniencia de que Gonzalo Caballero ou algún outro militante se presente e, como dixen, valoramos igual o feito de que se presente que o feito de que se retire", sostivo para subliñar que "forma parte da liberdade individual de cada militante" con respecto a este proceso.

Preguntado respecto diso nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Luís Álvarez remitiuse ás palabras que el mesmo pronunciou hai unha semana ao asegurar que o PSdeG tería "unha candidata ou candidato excelente" e que sería a persoa que acabaría co ciclo político do PP en Galicia. "E este anuncio segue vixente despois das últimas novidades que se produciron no proceso", indicou.

Sobre se a retirada da candidatura por parte de Gonzalo Caballero afectará o grupo parlamentario nun contexto no que hai parte de deputados afíns ao ex secretario xeral, o dirixente socialista afirmou que o funcionamento é "absolutamente normal" como se evidencia nas "iniciativas que se seguen presentando todas as semanas por parte de todos os deputados", "máis aló de que cada quen poida ter as súas preferencias ou as súas simpatías".

Ademais, sinalou que garantir este "funcionamento normal" foi o seu "empeño" desde o seu nomeamento como portavoz parlamentario do Partido Socialista na Cámara galega. "Facémolo todas as semanas presentando decenas e decenas de iniciativas", incidiu.

"GUATEQUE DO DEDAZO"

Mentres que o viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, limitouse a asegurar que a súa formación está "absolutamente centrada" no seu traballo político e que "respecta" as decisións que tomen outras organizacións para elixir os seus candidatos, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos referiuse ás primarias dos socialistas galegos como o "guateque do dedazo".

Tamén preguntado sobre este asunto nunha rolda de prensa ofrecida este luns no Pazo do Hórreo, Pazos considerou que Gonzalo Caballero "máis que renunciar, renunciárono" e dixo que "parece" que se constata o que o PP evidenciaba. "O que quería ser candidato non vai poder ser e o que vai ser é o que non quería", apuntou.

Neste contexto, sostivo que aos populares gustaríalles que "fose alguén" que non chegase "arrastrando os pés" e que "mostrase certo compromiso" coa comunidade galega e o seu futuro. "Algunhas oportunidades de manifestar o seu compromiso xa tiveron, como en relación ao recurso do Goberno contra a lei galega do litoral", afirmou Pazos, que dixo que as primarias socialistas parecían que ían ser "a festa da democracia" pero vanse a converter" no "guateque do dedazo".

Gonzalo Caballero, tras unha rolda de prensa na Cámara galega
Gonzalo Caballero, tras unha rolda de prensa na Cámara galega | Fonte: PSDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Stopfakes

Sempre falan os que teñen máis que calar. O partido que designou un presidente da Xunta ao que non votou ninguén , e que o único presidente elexido en primarias , o defunto Casado, foi eliminado por unha conxura palacega por denunciar a corrupción.