O legado do Seminario de Estudos Galegos conmemórase cun programa especial na Cidade da Cultura

A programación arrincará o próximo 17 de outubro e esténdese ata novembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2023 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

Coincidindo co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a Xunta organiza na Cidade da Cultura un programa especial de actividades ao redor da exposición 'Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura'. Co obxectivo de achegar a toda a cidadanía o legado do Seminario, esta programación inclúe tanto talleres didácticos para os mozos como un programa de visitas especiais para o público adulto, conducidas por algún dos maiores expertos de Galicia na historia desta institución.

Segundo informou o Executivo galego, o martes 17 de outubro o comisario da exposición, Ramón Villares, abrirá o ciclo de visitas guiadas especiais. Así, o martes 24 de outubro será a quenda da vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e en novembro o ciclo continuará o martes 7 cunha visita conducida polo presidente da Fundación Castelao e un dos asesores documentais da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane.

As dúas últimas quendas serán para o presidente do novo Seminario de Estudos Galegos, o científico e escritor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, o 14 de novembro, e para o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, Henrique Monteagudo, o 21 de novembro. Todas as visitas serán ás 17.00 horas e gratuítas e para asistir haberá que reservar praza na web da Cidade da Cultura.

Con todo, a partir da próxima semana no Museo Centro Gaiás os mozos poderán descubrir e interpretar o mundo, experimentando con diferentes linguas e achegándose dunha forma lúdica á historia de Galicia e ao espírito aberto, integrador e científico do Seminario de Estudos Galegos.

Membros do Seminario de Estudos Galegos, entre eles, Filgueira Valverde, Carballo Calero ou Castelao
Membros do Seminario de Estudos Galegos, entre eles, Filgueira Valverde, Carballo Calero ou Castelao | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta