A Xustiza galega recibiu no segundo trimestre un 18% máis de casos que en 2022

Por E.P. | A CORUÑA | 11/10/2023 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Os órganos xudiciais galegos rexistraron no segundo trimestre do ano 101.125 novos asuntos, o que supuxo un aumento do 17,8% con respecto ao mesmo período de 2022, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A taxa de litixiosidade na comunidade, é dicir, o número de procedementos por cada 1.000 habitantes, foi de 37,5, case igual que no Estado, que se situou en 37,8.

A 30 de xuño, os xulgados e tribunais de Galicia tiñan 183.830 asuntos en trámite, un 21% máis que na mesma data do ano anterior, segundo o informe feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), que tamén reflicte que no segundo trimestre do ano resolveron 89.749 asuntos (333,64 de media por órgano xudicial), un 3,8% máis que entre abril e xuño de 2022.

Desde o TSXG precisan que "hai que ter en conta que no trimestre analizado admitíronse algúns dos procedementos que quedaran pendentes como consecuencia da folga de letrados da Administración de Xustiza do primeiro trimestre de 2023".

AUMENTO EN TODAS As XURISDICIÓNS

O estudo sobre a situación dos órganos xudiciais no segundo trimestre de 2023 revela que o ingreso de procedementos, en comparación coas mesmas datas de 2022, aumentou en todas as xurisdicións: na civil, un 30,7%; na penal, un 4,6%; na contencioso-administrativa, un 10,6% e, na social, un 18,9%.

SITUACIÓN POR PROVINCIAS

No segundo trimestre, na provincia da Coruña resolvéronse 33.046 asuntos e ingresáronse 40.558, un 30,8 % máis que no mesmo trimestre de 2022. Pontevedra recibiu 32.607 casos e finalizou 31.737 (3,1 % máis). Na provincia de Lugo entraron 10.910 novos procedementos e, na de Ourense, 10.553, e resolvéronse 9.735 (un 0,9 % máis) e 8.970 (4,3 % menos), respectivamente.

Xulgados / Europa Press. / Europa Press
Xulgados / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta