O Álbum de Galicia inclúe a biografía de Manuel María

. A entrada destaca o seu carácter "inquieto e inquietante" que o levou, con só 19 anos, a impartir a súa primeira conferencia no Círculo das Artes de Lugo e, con 23, a ter escritos oito libros de versos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2023 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

Coincidindo co día no que Manuel María cumpriría 94 anos, o Consello da Cultura Galega incluíu a súa biografía no proxecto Álbum de Galicia, grazas a un texto elaborado por Alberte Ansede.

Manuel María Fernández Teixeiro naceu o 6 de outubro de 1929 en Outeiro de Rei, lugar que o marcaría profundamente. A entrada destaca o seu carácter "inquieto e inquietante" que o levou, con só 19 anos, a impartir a súa primeira conferencia no Círculo das Artes de Lugo e, con 23, a ter escritos oito libros de versos, que mostran unha notable vocación literaria e unha gran habilidade para levar á escritura un mundo interior moi rico marcado polo malestar persoal que lle provocan as contradicións familiares, o desengano relixioso, o falecemento do seu irmán novo nun accidente e mesmo a temática amorosa.

Alberte Ansede destaca o cambio que se produce nel en 1956, cando coñece a Saleta Goi, coa que casa tres anos despois. Superada unha atmosfera de pesimismo, incomprensión e soidade, continúa coa súa escritura e crece a súa vocación política.

Na entrada, Alberte Ansede destaca que a súa ampla obra "ocupa toda a segunda metade do século XX e tórnase a máis completa e mellor crónica literaria do esforzo do pobo galego por tomar as rendas do seu destino e normalizar a súa lingua e cultura". Nesa intención por normalizar a escritura literaria cultivou amplamente todos os xéneros literarios. Ingresou na Real Academia Galega en 2003.

O poeta Manuel María e a súa dona Saleta Goy
O poeta Manuel María e a súa dona Saleta Goy | Fonte: FUNDACIÓN MANUEL MARÍA - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta