Rueda a Roberto Vilar: "Os de fóra aínda teñen moita intelixencia que cultivar para apreciar o que facemos aquí ben"

Así llo espetou ao presentador de 'Land Rober' o presidente da Xunta tras darlle este o encargo de dicirlle a Feijóo que sería moi triste que, como lle sucedeu a el no seu intento de entreter en Antena 3, tras fracasar fóra, volva a Galicia. A súa contestación ía por Roberto ou por Feijóo?

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/10/2023 | Actualizada ás 01:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o convidado na noite deste xoves ao programa da TVG 'Land Rober Tunai Show', presentado por Roberto Vilar e que, no seu momento, xa entrevistara tamén ao agora líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo. Como de costume, ao enxeñoso Roberto non lle quedou puntada sen fío por dar e tratou de soltarlle a lingua a un Rueda que estivo disposto a falar... Aínda que deixando moitas cousas no aire, para quen as queira interpretar.

Alfonso Rueda no 'Land Rober Tunai Show'
Alfonso Rueda no 'Land Rober Tunai Show' | Fonte: GC

"Vostede que, de seguro, ten relación co ex presidente da Xunta (por Feijóo), cando o volva a ver dígalle unha cousa: ahora que foi para Madrid, e ao mellor non lle vai ben, por exemplo eu non triunfei na televisión, sería triste volver outra vez para aquí, ou non?", preguntoulle con segundas intencións o presentador de Land Rober, recordando a época na que tratou de levar o humor galego ás cadeas nacionais e "fracasei estrepitosamente". A resposta de Rueda non se sabe se ía dirixida a Roberto ou a Feijóo, pero vou tallante: "Porque os demais (os de fóra) aínda teñen moita intelixencia que cultivar para apreciar o que facemos aquí ben, pero alá eles tamén". E espetoulle a Roberto: "Ti volviches aquí e aquí estás ben".

Entre risadas e chances varios, ao longo do programa Rueda tamén foi preguntado indirectamente pola convocatoria das eleccións autonómicas. Aproveitando que en Galicia parece que a chegada do outono se vai retrasando, coas altas temperaturas experimentadas nos últimos días para tratarse desta época do ano, Roberto díxolle: "Hai unha pregunta que todo o mundo se está facendo, e é cando vai vostede convocar...", aquí parou e cando se daba por feito que ía dicir as eleccións, rematou por dicir: "o inverno?". E o presidente da Xunta, sen dicir se se refería a unha cousa ou á outra dixo: "Aínda queda un tempo, aínda queda sol, andamos ao que andamos".

Roberto Vilar tamén tivo tempo nas dúas horas de 'show' de preguntarlle pola súa familia. Con dúas fillas, segundo Roberto Vilar, en idade de "reggaeton a tope", de 20 e 19 anos, Rueda amosouse moi orgulloso delas. Ningunha das dúas estuda en Galicia, curiosamente. Unha delas, a maior, Beatriz, como contou o presidente, está en Holanda de Erasmus, estudando Dereito e Relacións Internacionais, pois quere ser diplomática ("e traballar non lle gusta?", bromeou con iso Roberto); a outra, un ano máis pequena, Marta (como a súa nai) está estudando tamén Dereito e Relacións Internacionais, pero faino en Madrid, aínda que estudou o primeiro ano en Santiago e logo foise. 

DE COMERCIAL DE BANCO A SECRETARIO DE CONCELLO: "UNHA VIDA MOI BONITA"

Sobre a súa traxectoria ata chegar á política, Rueda puido recordar os seus comezos no mundo laboral. "Eu ía para médico, porque o meu padriño era médico e me dicía que me animara, pero non me animei e é algo que sempre me quedou aí, agora xa é un pouco tarde", confesou. O seu pai era enxeñeiro agrónomo, pero "a min non se me deron nunca as matemáticas", e tamén se adicou á política: "Sempre me dicía que non me metera en política", e así acabou. E a súa nai, con case 80 anos, sendo dixo, "está por aí desfrutando da vida, e dime que estou aquí porque quero, tócame aguantar, xa mo avisou meu pai, non teño escusa". 

A súa andadura comezou coma comercial dun banco. "Ía porta a porta vendendo fondos de inversión, participacións en fondos de inversión, aló polo ano 91, e ao final vendía, pero para vender un había que falar ao mellor con 40 persoas, logo había quen era amable pero non che compraba... Tiñas que escoitar de todo", recorda. Logo presentouse a oposicións a secretario de concello e aprobou, tocándolle como destino en principio o concello da Cañiza. "Alí había un cámping ao que trouxeran un bungalow de madeira de Finlandia para promocionalo, era cando se empezaban a poñer de moda as cabanas de madeira, e durante o inverno cando estaba vacío deixábanme vivir alí", conta, asegurando que "aquilo era una marabilla, ser secretario gustábame moito".

Roberto Vilar chanceou con que sería por estar solteiro nun bungalow de madeira para el só, pero Rueda díxolle: "está a miña muller no público e xa eramos mozos daquela". Rememorando esa época, o presidente da Xunta asegura que aínda a día de hoxe, despois de ter pasado tamén pola secretaría do concello de Cervantes, cando chega ao Concello dalgún pobo pequeno dille ao seu equipo: "Eu aquí quedaba de secretario feliz, é unha vida moi bonita, ves moitas cousas".

BROMA TELEFÓNICA PARA PROGRAMAR AS MAREAS GALEGAS E BAILE 'SEXY'

Entre os xogos nos que participou, puxéronlle a adiviñar quen era o galego de entre catro persoas só pola súa forma de velas servíndose e comendo churrasco. "Como presidente da Xunta ten que coñecer ben aos galegos", dicíalle Roberto Vilar. O certo é que estivo a piques de acertar, pero non acertou, aínda que deixou algunhas risas para o recordo, falando de 'patacallos' ou defendéndose cando o presentador lle dicía "podeste ir polo da dereita, pero non hai que tolear tampoco" (en alusión aos pactos con Vox, pero falando en realidade dos concursantes), ao que Rueda respostou: "Ou polo da esquerda tamén". Pese a perder, apenado non quedou, ao recordar que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, facía dúas semanas tampouco acertara na súa proba.

Tamén se lle puxo a intentar unha 'gamberrada', unha broma telefónica. Aproveitando a nova que saíra nos medios de que había turistas que chegaran a chamar ao 012 para preguntar se poderían cambiarse as horas das mareas na praia das Catedrais para visitalas ao xeito, pedíronlle no programa que chamase a un número ao chou e lle ofrece a posibilidade de vir a Galicia preguntándolle a que hora querería a persoa en cuestión que se lle puxesen as mareas. Colleulle o teléfono unha señora moi paciente de Andalucía, e o presidente vendeuse así: "Ola, chamamos da Xunta de Galicia, quere vostede visitar a praia das Catedrais? Entre o sábado e o domingo, que día prefire? E que nos leva catro días programas as mareas, antes non se podía, pero agora podemos". Sen lugar a dúbidas, amosou o seu poder de convicción.

Por outra banda, e para demostrarlle dalgún xeito que o labor dos xornalistas tampouco é doado cada vez que se poñen fronte a el durante as roldas de prensa do Consello da Xunta nas que solta unha batería de acordos sen relación, sometérono a unha 'Rueda de prensa', xogando tamén co seu nome. Dende un científico que dicía ser da Axencia Espacial Galega e ter descuberto un novo planeta con vida ata un equipo de natación que de sincronizada tiña pouco da Deputación de Ourense, pasando por unha cantante de estilo urbano caricaturizada, todo nun ton xocoso. As súas preguntas non foron moi alá, pero as risas botáronas. 

Finalmente, o programa tamén tivo unha parte emotiva, na que un mozo que tivera un accidente de moto ao ser arroiado por un condutor borracho que lle deixara sen unha perna lle contou a súa historia ao presidente da Xunta para concienciar á sociedade de que cando collan o volante teñan coidado cos motoristas e os ciclistas. E é que Rueda tamén é coñecido pola súa afeción ás motos. Cunha xubilación de por medio e cun baile con movemento de cadeiras por parte do líder galego a ritmo de 'El Meneito', de El Combo Dominicano, despediuse un programa que, aínda sen ser tan prolífico como o de Abel Caballero, deixou algún que outro titular libre de interpretación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Aínda non sabemos o motivo polo que "triunfa" Roberto en Galicia ? Mentras medio país anda a falar dos Venres Negros da TVG o outro medio fártase de ver a Roberto tardes e noites sen fin na TVG ! Algo debe ter a auga cando a bendicen...

1 Ciruxa

O mesmo dicían de Franco!!!

2 Gamela

Franco era moito menos televisivo que Roberto e Gayoso !