Novos xeitos para captar consumidores de cánnabis: 'influencers' con cachimbas e retos virais (Parte III)

Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor da UVigo fálanos de novas formas de consumo: 'blunt', porro en 'L', porro biturbo, porro triturbo, porro en 'V'; de novas boquillas: 'churros' de carbono activo; da mestura de marihuana con haxix nos 'mariachi'; da problemática do consumo de aceite de haxix, con maior concentración de THC; e de todo tipo de aparatos para atraer aos máis mozos: cachimbas, 'bongs', cigarros electrónicos ou máscaras semellantes ás de fumigación. O enxeño da industria non ten límites.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando algo se pon de moda, inevitablemente, hai quen se as enxeña para sacar rendibilidade a conta dunha obsesión social. Iso mesmo está a suceder na actualidade co consumo de cánnabis. Está tan xeralizado entre os mozos que a industria soubo como adaptar as formas de consumo de tal xeito que sexa algo 'guai' para todos: dende os máis ricos ata os máis pobres, dende os máis listos ata os máis burros, dende os que teñen unha vida social inacabable ata aqueles que pasan a maior parte do tempo sós... Así, hoxe as distintas formas de fumar un porro son infinitas, e algunhas delas custan moitos cartos, cartos que van para a industria. Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor da UVigo cóntanos as últimas tendencias.

Porro con aceite de haxix ao seu redor
Porro con aceite de haxix ao seu redor | Fonte: Alchimia

A forma de consumo máis común actualmente é o coñecido como 'blunt', que consiste en botar o cánnabis dentro da folla de tabaco directamente, en lugar de en papel de liar. Esta folla pódese mercar fácilmente por Internet e, ao tratarse dunha folla moi grande, permite facerse un 'macroporro', que agora aparece moito en fotografías en redes sociais, sobre todo no Instagram de famosos do estilo da cantante de 'reggaeton' catalana Bad Gyal ou da de pop internacional Rihanna, como indica o profesional da UVigo.

De aí pásase ao que se coñece como porro en 'L', que ten máis superficie, sendo equivalente a fumarse un porro e medio; ou o biturbo, con dúas boquillas, o que facilita a entrada do dobre de fume en cada calada; o triturbo, igual ao anterior pero usando tres boquillas; o porro en 'V', equivalente a fumarse dous porros xuntos; e moitas outras variables, que día a día non paran de aumentar. As variedades son infinitas, con múltiples formas que só buscan incrementar a cantidade de THC que se consume, para lograr un maior 'subidón'.

"Hai un montón de vídeos en Internet que lles explican ao chavales paso por paso como se fan estes porros, é unha aberración", advirte Isorna, que considera que a rede está prexudicando aos profesionais na loita contra a drogodependencia, sobre todo entre os máis mozos. A todas as formas de consumo nomeadas anteriormente, xa para os máis adictos, aqueles que levan moito tempo consumindo e buscan maior 'subidón', está o 'twaxing', que consiste en darlle ao porro liado unha volta con aceite de haxix, que ten moita máis concentración de THC. Esta converteuse nunha das principais tendencias do mundo do cánnabis dende 2018.

Tamén resulta importante a boquilla que se usa para fumar. A de cartón é a máis común, rompendo a caixa do tabaco por unha parte e metendo o cartón, para darlle consistencia, pola zona na que se vai chupar, evitando así que se empape o papel de saliva. Hai outros que usan un filtro, párteno, quéntano e logo introdúceno no papel. E agora xa hai boquillas máis profesionais, de cristal ou de plástico. Os máis desesperados que non teñen nada a man mesmo usan a pasta italiana en espiral, facéndolle un burato no medio para poder absorber o fume. Pero, como indica Isorna, a forma máis nova e 'cool' son unha especie de 'churros' que se venden por dous euros (similares aos filtros pero algo máis longos) que, supostamente, están feitos con carbono activo, polo que prenden mellor, cousa que o experto dubida. 

Porro 'mariachi', mesturando marihuana e haxix
Porro 'mariachi', mesturando marihuana e haxix | Fonte: Eurogrow

"UN GRAVE PROBLEMA QUE ESTAMOS TENDO É O CONSUMO DE ACEITE DE HAXIX"

Por outra banda, tamén resulta importante e diferenciadora a forma de obter a marihuana. A máis habitual consiste en coller o 'cogollo' da planta de cánnabis e trituralo cun pequeno muíño que leva unha redeciña ao final, polo que na parte baixa só recolles a marihuana, bascúlala, métela no papel e listo o porro para fumar. Pero, tal e como advirte Isorna, "polo baruto cóase a resina, os tricomas, pequenas esferas que conteñen o aceite". E se se lle dá calor, mesmo coa propia man ou servíndose dunha plancha, o que fai ese tricoma é soltar o aceite que leva que, cando se enfría, endurece, e convírtese en haxix. Mesturando o que se recolle de triturar a marihuana co haxix o 'colocón' aínda é maior, e recibe un nome: 'mariachi'.

Para obter o haxix hai máis formas, porque agora xa todo está moi instrumentalizado. Pero as máis habituais seguen sendo as artesanais, as que non costan cartos. Se metes os 'cogollos' da planta de cánnabis en xeo e logo usas uns filtros, ao batelos consigues que se desprendan os tricomas, que xa podes recoller para sacarlles o aceite. "Un dos grandes problemas que estamos tendo é precisamente o consumo dese aceite de haxix, que é moito máis 'colocante'", alerta o profesor da UVigo. Outra forma común de obtelo é meter os 'cogollos' en alcol, deixándoos aí tres ou catro semanas, ata que se liberan os tricomas para conseguir o haxix. Ou mesmo usando planchas do pelo, facendo presión sobre os 'cogollos' envoltos en papel de forno para que non se queimen, pódese obter ese aceite.

Así mesmo, outra das formas máis frecuentes, e tamén das máis perigosas, é usando gas. Con esta fórmula recolles tricomas pero mesturados con gas, do que hai que desfacerse. Como? Poñéndoo ao 'baño María', é dicir, meténdoos en auga fervendo para que se vaia evaporando o gas. Como exemplifica Isorna sobre a súa perigosidade: "Se mentres agardo a esa evaporación a min se me ocorre prender un cigarro ou un porro... Boom!". Non fai tanto, como nos conta, nun chalet de Barcelona tivo lugar unha explosión de gas que provocou a morte de todos os seus habitantes. A primeira hipótese da policía foi que estaban facendo aceite de haxix. É bastante frecuente ver este tipo de titulares na prensa, cada vez máis.

MODAS NO CONSUMO: 'DABBING', 'BONGS' E CACHIMBAS

Entre as formas de consumo, sen dúbida, unha das máis perigosas e tamén das consideradas máis 'cool' é o que se coñece como 'dabbing'. Trátase de consumir unha dose de cánnabis altamente concentrada quentada a unha temperatura moi alta e inhalada. "Cando enfrías as moléculas estas contráense, entón estás a inxerir máis cantidade de THC", advirte Isorna. "Se isto o fas co aceite de haxix, consumes un 80 % máis de THC, o triple que co haxix e catro veces máis que fumando só marihuana", afirma. Esta técnica é usada por xente que está tan habituada ao consumo de porros que xa require de algo máis potente para conseguir a mesma sensación do principio. Mesmo hai 'youtubers', "pagados pola industria', que se adican a vender 'bongs', pipas de auga para fumar profesionalmente, cun custe de entre 40 e 90 euros, dependendo do material. 

Tamén outro deses aparatos que parece dar 'caché' a quen o ten ou o usa son as cachimbas, moi populares nas redes sociais de xogadores de fútbol e outros famosos, como os actores de Hollywood. "É unha das formas de consumo que chegou para quedarse", advirte o profesional, pois, de feito, xa en calquera pub ou bar considerado 'lounge' poden pedirse, sen ter que acreditar nada para facerse con unha, nin tan sequera carné de identidade na maioría dos casos. Para fumar en cachimba ponse o tabaco mesturado coa marihuana no recipiente que hai sobre ela, tápase con papel de aluminio e enriba ponse un cacho de carbón que arde. 

"Imaxina a cantidade de substancias que se absorben ao chupar por esa boquilla", reflexa Isorna, que engade: "Iso xa por non falar do que pasa se a cachimba leva unha semana sen usarse e eu son o primeiro en darlle unha calada, pode haber de todo nese gran tubo que vai dende o aparato ata a miña boca, dende bacterias ata virus, é unha barbaridade, e ao compartir as boquillas, mais vale que as persoas coas que estou fumando estés sás". Pero, como en todo, "a industria fíxonos crer que a auga depura, cando é totalmente ao contrario, desta forma inhalas moita máis nicotica, THC e dióxido de carbono". Así, nunha hora na que se poden dar aproximadamente entre 30 e 50 caladas, consúmese o equivalente a fumarse unha ou dúas caixas de tabaco. 

INFLUENCERS QUE SE SUBEN AO CARRO: RETOS VIRAIS E 'VAPERS'

E indo máis aló das formas de consumo, mesmo hai retos virais que xa comezan a xeralizarse, como é o caso do chamado 'submarino', que consiste en buscar ambientes pechados como poden ser os coches para fumar neles ata que xa non quede osíxeno e o que se respire sexa marihuana. Esta técnica profesionalizouse ata o punto de que hai máscaras semellantes ás que usan os fumigadores nas que se mete a substancia e, en ausencia de osíxeno, conséguese un maior 'colocón'. En Estados Unidos é moi habitual, como conta Isorna, ver estas máscaras en festas universitarias, nas que xogan con elas para ver quen é o primeiro que se desmaia. 

O certo é que a industria sabe ben como captar novos consumidores, e faino tamén a través da estética. Hai aparatos para consumir que son moi chamativos, resultando moi desexables para os mozos. Por exemplo, o típico cigarrillo electrónico convertiuse agora nun porro electrónico que se encende cada vez que se lle da unha calada, ou mesmo marca e regula a cantidade de fume que queres consumir. "En España non está permitida a venda deste porro electrónico con THC, pero si con CBD, porque non ten efectos psicoactivos, entón é tan fácil como cambiar a carga por THC, metendo aceite de haxix se quero unha alta concentración, e listo, teño o meu porro electrónico por un prezo que xira en torno aos 18 euros", apunta o experto.

Ademais, na actualidade cada vez son máis frecuentes os chamados 'vapers', que se atopan en todo tipo de establecementos, dende centros comerciais ata bares, usados como substitutivos dos cigarrillos. Sen embargo, vaporizar tamén está de moda co cánnabis. "É a propia industria a que xa está recoñecendo que isto de fumar non é bo, e, de feito, a nova portavoz do cánnabis menciñal xa di que ela non fuma, ela vapea", recoñece Isorna, que di que é o mesmo que está a pasar coa industria do tabaco pois "estase a reorganizar, cambiando as formas de venta, porque o produto tradicional xa non vende". 

Como o fan? "Véndenche o vaporizador de 90 euros porque che fan ver a través da publicidade e de campañas pagadas que fumar é perxudicial para a saúde, porque a combustión do cigarro produce fume, mentres que se vaporizas non hai fume, polo que quedas libre de células canceríxenas, cando non é verdade", explica o experto en drogodependencia. Este gran negocio está resultando moi rentable no caso do tabaco, pois hai tantos sabores diferentes para realizar o consumo que atrae a unha gran cantidade de mozos que non poden iniciarse no tabaco porque non está permitida a súa venda a menores, pero si poden adquirir 'vapers' de sabores.

INXESTA POR VÍA ORAL: BROWNIES, GALLETAS OU CARAMELOS

E cada vez máis común tamén é a inxesta por vía oral do cánnabis, a través da súa introdución en todo tipo de alimentos, como brownies, galletas, caramelos... Como en Estados Unidos é legal, véndense moitos destes produtos en lugares asequibles a calquera tipo de público. Así, "as urxencias hospitalarias por consumo de cannabis en Estados Unidos xa son máis numerosas que as urxencias por inxesta de alcol, e en gran medida débese a estes alimentos, feitos con aceite de haxix", explica Isorna.

Nos cumpleanos de adolescentes póñense como reclamo para os amigos. Pero claro, unha galleta non sacia, e como o efecto tarda en notarse unha media hora, o tempo que tarda en dixerirse, pódense comer cinco ou máis nese periodo de tempo e cando se produce o 'subidón' dase de repente, sen poder facer nada para revertilo. "Ao cabo de media hora o rapaz ten un brote psicótico", di o profesional, que alerta tamén que o mesmo pasa cos caramelos: "Nenos moi pequenos ven eses caramelos con envoltorios rechamantes pola casa e cómenos, de maneira que moitas das urxencias pediátricas en Estados Unidos xa son por iso". 

ESPAÑA TEN UN DOS 'LOBBIES' MÁIS POTENTES

E indo un paso máis aló, falando do que vai diluído xunto coa marihuana que fuman os mozos, atópase de todo. As condicións de almacenaxe do cánnabis son pésimas, pois ir con máis de 4 gramos enriba considérase delito, así que optan por gardalo para a venta en papeleiras, contedores, zapatos e todo tipo de lugares pouco hixiénicos. O resultado? Un estudo que analizou diversas mostras atopou dende cinta de embalar ata plásticos, pelos e area, pasando por bacterias E. Coli, presentes nas feces humanas, porque gran parte da substancia ingresa ao país vía mulas, introducida no intestino. 

"O que sabemos claro é que isto é un gran negocio, con grandes fondos de inversión detrás e moito interese en que se legalice por parte de cadeas de distribución, de venta de produtos... É unha presión enorme a que exercen os 'lobbies' sobre os políticos continuamente", explica o profesor da UVigo. De feito, alerta de que "España ten un dos lobbies máis potentes, un grupo empresarial importantísimo que foi o que exportou o modelo que aquí aínda non conseguiu vender a Uruguai, onde funcionou e logrouse a legalización do consumo de cánnabis".

Moitas das súas franquicias teñen sede en Barcelona, no País Vasco e Granada, que son as que venden directamente as sementes de cánnabis a Marrocos, xunto aos fertilizantes. "As augas subterráneas de Marrocos están totalmente contaminadas por pesticidas por esa fertilización que se fai sobre as grandes plantacións de cánnabis que hai no país", sentenza. Aquí o máis parecido á legalidade lógrano a través das 'grow shops', cada vez máis populares, onde che venden cánnabis dicindo que é para uso terapéutico, cando en verdade "o propio fume e os químicos empregados durante o proceso de fabricación do papel de liar xa son canceríxenos".

Cánnabis fumado en cachimba
Cánnabis fumado en cachimba | Fonte: Eurogrow
Cánnabis fumado en 'bong'
Cánnabis fumado en 'bong' | Fonte: Royal Queen Seeds
Brownie de cánnabis
Brownie de cánnabis | Fonte: Growmanía
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta