Raxoi aproba a reurbanización do Pombal ademais da licenza de obras para o CEGADI

O Concello de Santiago tamén aprobou a súa participación na 2ª fase do Plan provincial POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña" e solicitou a aplicación da achega provincial asignada, que suporá un investimento de máis de 326.000 euros nas parroquias de Laraño, Bando e Enfesta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2023 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago concedeu á Consellería de Política Social a licenza para as obras de reforma do edificio do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), situado na rúa Xosé Chao Rego, e aprobou a reurbanización da rúa do Pombal, ademais de actuacións por valor de máis de 300.000 euros en actuacións no rural.

A licenza das obras do Cegadi concedeuse, destacou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa, tras a solicitude rexistrada o 21 de xuño de 2023. Estas actuacións, que contan cun orzamento de execución material de 773.000 euros, consistirán en obras de redistribución e mellora e reparación de cubertas do edificio.

Ademais, a xunta de goberno local tamén aprobou o expediente das obras de reurbanización da rúa do Pombal, en concreto, entre o cruzamento coa rúa Campiño da Ferradura e a intersección coa travesía do Cruceiro do Galo, que se licita por un valor de 762.000 euros e terá unha duración de oito meses.

Segundo especificou Sanmartín, as obras non comezarán "de maneira inmediata", pois primeiro débese facer a adxudicación. Así, detallou que esta reurbanización consistirá na ampliación dunha das beirarrúas, o cambio de pavimentación e a creación dun carril bici de subida.

Así mesmo, o consistorio municipal tamén deu luz verde ao proxecto de execución da obra de mellora da accesibilidade no cruzamento Xeneral Pardiñas - República do Salvador, cun orzamento de 66.230 euros e un prazo de execución dun mes.

Este proxecto consiste na execución dunha plataforma central, en formigón, no cruzamento destes dous cales, na mesma liña que con Montero Ríos, "para que haxa unha plataforma continua". Tamén se autorizou o proxecto de construción do aparcadoiro na rúa Santa Comba, cun prazo de execución de tres meses para a execución dunha zona de aparcadoiro para 18 prazas.

RURAL E CIBERSEGURIDADE

Na área de medio rural, o Concello aprobou a súa participación na 2ª fase do Plan provincial POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña" e solicitou a aplicación da achega provincial asignada, que suporá un investimento de máis de 326.000 euros nas parroquias de Laraño, Bando e Enfesta.

En concreto, trátase da construción dun parque infantil no espazo socioeducativo de Rial, no lugar de Reibó (Laraño), cun orzamento de 124.000 euros; a ampliación da rede de saneamento na rúa do Coto dous Olmos (Bando), con 116.000 euros; e a ampliación da rede de abastecemento na estrada AC-250 no lugar de Frades (Enfesta), por 85.000 euros. En total, destes 326.000 euros, 266.000 corresponden á Deputación e 60.000 ao Concello.

Fóra das obras, o goberno local aprobou o expediente do contrato de ciberseguridade e protección de datos persoais, cun orzamento de licitación de 263.000 euros e unha duración de 29 meses.Trátase de servizos de xestión do centro de operacións de seguridade (SOC) do concello para garantir a seguridade no uso e intercambio de información electrónica.

Por último, a alcaldesa informou do acordo da xunta de goberno polo que se concede felicitación pública aos policías locais Daniel Hermida e Jorge Jamardo, que o pasado 31 de agosto colaboraron para manter con vida a un neno de dous anos que sufriu un atragantamiento cun anaco de comida.

Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO / / Europa Press
Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO / / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta