O Concello de Santiago estima que ser capital de Galicia lle custa ao ano 8,6 millóns, mentres a Xunta só lle da 2,4

Enviará á Xunta o estudo que sostén este cálculo, para ser tratado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, na reunión que manterá o vindeiro luns co presidente, Alfonso Rueda. Non porá encima da mesa que se pase "directamente" dos 2,4 aos 8,6 millóns, pero si que "se vaia paulatinamente incrementando esta cantidade e corrixindo o desaxuste desta compensación económica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 25/09/2023 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago recibiu o estudo sobre a actualización e cálculo do custo da capitalidade, que estima en 8,6 millóns de euros, mentres nestes momentos recibe algo menos de 2,4 millóns da Xunta para compensar os gastos que lle supón ser capital de Galicia. 

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo, a 25 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo, a 25 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press - Arquivo

En rolda de prensa, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, sinalou que o Goberno local enviará o informe este mesmo luns ao Executivo autonómico para o seu coñecemento e poder tratar este tema o próximo día 2 de outubro na reunión que manterá co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A rexedora explicou que existía un estudo anterior que cifraba este custo en 5,5 millóns, pero esta actualización sinala que o total alcanzaría os 8.634.310 euros.


Segundo detallou a alcaldesa, nesta estimación téñense en conta os custos de oportunidade do chan, que se calculan en máis de 284.000 euros; a carga de conxestións derivadas da intensidade do uso de infraestruturas viarias polo tránsito, 713.000 euros; a seguridade vinculada á capitalidade, 5,7 millóns; gastos derivados do uso e potenciación do idioma galego, 227.000 euros; e patrimonio, representación e turismo, 1,6 millóns. Outra das cuestións que especificou a alcaldesa que recolle este documento son os "200.000 vehículos que entran todos os días en Santiago". De todas estas cuestións, aseverou, resultan os 8,6 millóns de euros.

"PAULATINAMENTE"

Así, o Concello entende que esta cantidade "ten que axustarse desde xa". Con todo, Goretti Sanmartín recoñeceu que non porá encima da mesa que se pase "directamente" dos 2,4 aos 8,6 millóns, pero si que "se vaia paulatinamente incrementando esta cantidade e corrixindo o desaxuste desta compensación económica".

Ademais, a alcaldesa precisou que a cantidade que recibe nestes momentos Santiago de Compostela como capital de Galicia é "a máis baixa das que reciben outras capitais do Estado por este concepto". En concreto, afirmou que Pamplona recibe seis millóns; Palma de Mallorca, 31; Vitoria-Gasteiz, 10; Logroño, 13; ou Zaragoza, oito. Por iso, insistiu en que o custo da capital en Santiago "hai que actualizalo xa". "O estudo enviarémolo á Xunta xa hoxe (luns) para que poidan ter coñecemento del e preparar ben a reunión do próximo día 2, que entre outros temas, entendemos que debe de comprometerse a Xunta nun incremento dese custo da capitalidade", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta