A oposición cualifica de "electoralista" os bonos deporte e ser o sinal de saída para a campaña das autonómicas

A secretaria xeral do PPdeG sobre subvencionar o deporte e non os libros de texto: "É para un momento no que se está pasando mal.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/09/2023 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG cualificaron de "propaganda" o bono de 130 euros para compra de material deportivo para familias con fillas ou fillos federados, un anuncio, para a oposición, "electoralista" co que cren que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu o "pistoletazo de saída" á campaña das eleccións galegas que deben celebrarse nos próximos meses.

O anuncio realizado por Rueda no acto cos seus conselleiros celebrado o pasado luns en Santiago tomou protagonismo nas comparecencias de prensa posteriores á xunta de portavoces que deu forma ao próximo pleno ordinario do Parlamento galego, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro.

Alí, os portavoces da oposición, o nacionalista Luís Bará e o socialista Luís Álvarez, criticaron o "exercicio de propaganda" que, a xuízo de ambos, supuxo o acto de inicio de curso político organizado o luns polo Executivo autonómico, que interpretan como o arranque da precampaña para os comicios autonómicos que han de celebrarse, en caso de non haber adianto, en 2024.

"É moi difícil contentar á oposición, que está no non polo non e na negativa constante a calquera proposta", rebateu o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, que engadiu que BNG e PSdeG realizan "propostas que non apoia ninguén" e que, di, "deben de ser pensando na bondade e na efectividade por atender a seres de luz".

"CAFÉ PARA TODOS"

Antes de que o portavoz do grupo que sustenta ao Goberno galego pechase a rolda de comparecencias ante os medios, o portavoz socialista na Cámara, Luís Álvarez, puxo o foco en que a medida anunciada por Rueda o luns suporá un desembolso de 16 millóns de euros repartidos "para todo o mundo" con independencia do nivel de ingresos das familias, tanto para "as que teñen rendas de 12.000 euros" ao ano como para a que alcanzan "os 120.000".

"A precampaña de Rueda, que vén longa, vainos a custar aos galegos unha millonada", aseverou o socialista, rebatido máis tarde, a preguntas dos xornalistas sobre esta crítica, polo seu homólogo no Grupo Popular con que as medidas deben ser xulgadas polos seus "obxectivos" e que, neste caso, estes son "fomentar a vida saudable de todos".

"O mesmo que cando se toman determinadas medidas en materia demográfica, o que tentamos é animar ao conxunto da poboación a facilitar as condicións para que aumente a demografía no noso país. Para que aumente porque hai máis facilidades para todos, independentemente das rendas, de conciliar e demais", apuntou Pazos Couñago, que censurou que se comparen "medidas diferentes" que teñen "obxectivos diferentes"

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, durante unha entrevista para Europa Press / César Argina - Europa Press / Europa Press
A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, durante unha entrevista para Europa Press / César Argina - Europa Press / Europa Press

PAULA PRADO

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu a axuda de 120 euros a nenos federados para material escolar ou clases anunciado pola Xunta, así como o seu carácter universal, fronte ás críticas da oposición de que isto non se fixese para os libros de texto.

"Son medidas que axudan ás familias", recalcou a secretaria xeral do PPdeG para quen se trata dunha crítica que non ten "percorrido" por parte dunha oposición "instalada en se hai que darlle o goberno a Sánchez".

"É para axudar ás familias nun momento no que se está pasando moi mal que é a volta ao colexio e as familias priorizan outras cousas, a práctica do deporte tamén é fundamental e que ningún neno ou nena teña que deixalo por non poder facer fronte ao custo", sentenciou. Ademais, engadiu que a Xunta xa destina partidas para "compra de libros e de material escolar para as familias que máis o necesitan".

LEI DO 'SÓ SI É SI'

Noutra orde de cousas, a secretaria xeral do PPdeG avanzou que o seu partido presentará no Parlamento galego unha iniciativa para esixir que "se asuman responsabilidades pola nefasta aplicación" da lei do 'só si é si'.

"56 agresores sexuais con penas rebaixadas e seis excarceracións", engadiu sobre os datos de Galicia. Ademais, reprochou que non se produciron "dimisións" ou se asumisen "responsabilidades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

O ‘Falcon’, o ‘Bribón’ e o ‘Titán’ construídos con patacas desfilaron polas rúas de Coristanco. https://www.elcorreogallego.es/conc...