As empresas de autobuses terán que reforzar os servizos ante o aumento da demanda polo inicio do curso

No transporte metropolitano da área da Coruña foron máis de 19.000 os usuarios que empregaron o autobús este venres, un 32 % por encima da media.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A Xunta emprazou ás empresas concesionarias do transporte público autonómico a dispor con anticipación e previsión dos reforzos dos servizos necesarios para atender o aumento da demanda debido ao comezo do curso escolar. Segundo informou o Executivo autonómico, este venres, co inicio do período lectivo, detectaron un incremento importante dos usuarios nos servizos de autobús que foi xeneralizado en todas as provincias.

Así, esta circunstancia xerou algunhas situacións de saturación, ante as que a Dirección Xeral de Mobilidade requiriulles ás empresas maior previsión para evitar que se repitan, coa disposición de reforzos, dotando de máis vehículos para prestar adecuadamente o servizo e tamén vehículos con maior número de prazas. No transporte metropolitano da área da Coruña foron máis de 19.000 os usuarios que empregaron o autobús este venres, un 32 % por encima da media.

No caso das conexións en autobús entre Ourense e Vigo rexistrou unha punta de demanda importante que se tratou de atender dispondo reforzos en ambos os sentidos: o servizo das 15.00 horas rexistrou preto de 180 viaxeiros para os que estiveron dispoñibles catro autobuses. O pasado ano, o venres da primeira semana do curso, esta expedición rexistrou 123 pasaxeiros. O Executivo autonómico recomenda aos usuarios do transporte público que, na medida do posible e sempre que lles sexa factible, traten de reservar a súa praza con antelación mediante os dispositivos que as concesionarias teñen habilitados.

Flota de autobuses Monbus
Flota de autobuses Monbus | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta