O Goberno local de Pontevedra eleva ao Constitucional o recurso de amparo contra a prórroga de Ence tras o fallo do Supremo

O alcalde adianta que se seguirá defendendo a recuperación da ría nos tribunais europeos se non se admite a trámite.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/09/2023 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O Goberno local de Pontevedra presentou ante o Tribunal Constitucional un recurso de amparo por "vulneración da tutela xudicial efectiva con indefensión do Concello" tras o fallo do Tribunal Supremo (que rexeitou as apelacións do concello e da Avogacía do Estado) contra a prórroga de Ence na ría. Trátase dunha medida que o propio o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciara o pasado mes de xullo.

Despois de que fose desestimado un incidente de nulidade presentado polos servizos xurídicos do consistorio en colaboración co equipo de traballo contratado para a ocasión co gabinete CSS Avogados encabezado polo exministro socialista Francisco Caamaño, o Goberno local eleva as súas reclamacións ao Tribunal Constitucional.

En canto ás consideracións que ten en conta este recurso de amparo, destaca que a Audiencia Nacional recibira ata seis motivos distintos para anular a prórroga de 60 anos concedida en 2013 polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy. Segundo indica, a Audiencia Nacional "só atendeu un deles", referido ao artigo 32 da Lei de Costas, resolvendo e indicando que a factoría de Ence podía estar situada noutro espazo, o que anularía a prórroga.

Entre os outros cinco motivos que quedaron sen analizar, sostén que figura a vulneración da lexislación ambiental autonómica no referido ao Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio. Ademais, asegura que tampouco se tivo en conta que a decisión da continuidade de Ence na ría de Pontevedra fose tomada por un Goberno en funcións.

Outro dos argumentos que contempla o recurso de amparo presentado agora consiste na comprobación de que a sentenza do Supremo vai en contra da doutrina do propio Tribunal Constitucional, considerando o artigo 32 en anteriores sentenzas sobre as concesións en terreos de dominio público marítimo-terrestre. Para o Goberno local de Pontevedra, Ence segue sen xustificar que a localización actual en Lourizán é a única na que pode desenvolver a súa actividade industrial.

Segundo o rexedor municipal, o Tribunal Constitucional terá agora un prazo de dous a tres anos para ditar sentenza, en caso de admitir este recurso. No caso de que fose rexeitado, Fernández Lores asegurou que acudirá a Europa co obxectivo de seguir loitando pola defensa da ría e a súa recuperación ambiental, revertindo unha prórroga que cualificou de "inxusta".

O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra, a 7 de febreiro de 2023
O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra, a 7 de febreiro de 2023 | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta