Existe turistización en Santiago de Compostela?... isto é o que opinan composteláns e turistas

Bares, restaurantes, tendas, e rúas repletas de visitantes que elixiron Santiago de Compostela como o seu destino para as vacacións de verán de 2023. Unhas vacacións nas que a cidade tivo milleiros de visitantes e nas que se comezou xa a falar, por parte da súa alcaldesa, dun problema de "turistización". Pero que opinan veciños, visitantes e empresariado desta situación?. Galicia Confidencial saíu a rúa para tantear a opinión de todos eles.

Por Águeda Cernadas | Santiago de Compostela | 12/09/2023 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

Se algo caracteriza a Compostela é a súa continua afluencia de peregrinos, pois realizar o Camiño de Santiago é unha experiencia que como todos os que o fixeron din, "hai que facelo unha vez na vida". Pero este ano, o número de peregrinso e visitantes elevouse considerablemente e provocou algunhas queixas entre os veciños. Por iso o Galicia Confidencial saíu a rúa para coñecer a situación real.

Peregrinos a súa chegada á Praza do Obradoiro
Peregrinos a súa chegada á Praza do Obradoiro | Fonte: EP

Dende a avenida de Xoán XXIII ata o terminar a rúa do Franco a xente acumúlase e un traxecto aparentemente curto acaba convertendose nun xogo de esquivar persoas para conseguir chegar dunha punta a outra. Que opinan os veciños, os visitantes e os empresarios desta situación? Existe turistización en Compostela?

VISITANTES

Hai dous tipos de visitantes en Santiago, os peregrinos, pero tamén os que simplemente deciden quedar uns días na cidade para visitala e coñecer os seus recunchos máis bonitos. Pero ambos os dous grupos teñen algo en común e é que coinciden en que non se esperaban tanta xente. "Pero non temos queixa, ao final estamos todos aquí polo mesmo", explican.

Pedro e Clara son un parella que decidiu escapar do calor de Madrid e pasar aquí os 10 días que conseguiron cadrar nos seus traballos. "Pensabamos que non íamos atopar tanta xente a verdade, o anterior domingo mesmo nos costou atopar onde xantar debido a gran demanda que teñen os restaurantes", explica Clara que engade que "ao final nós non podemos opinar ao respeto, somos uns turistas máis", conta entre risa. Pedro pola súa banda recoñece que xa é a cuarta vez que visita a cidade, dúas foron por traballo pero afirma que nunca a vira tan chea.

Ruth ven dende máis lonxe, dende Tenerife e afirma que a cantidade de xente "colleuna por sorpresa", "facía moitos anos que non viña e para nada me esperaba isto, entendo que a xente que vive aquí estea un pouco molesta, dende primeira hora escoitanse grupos de peregrinos dende a nosa habitación, non me quero imaxinar iso todo o ano", explica.

E falando de peregrinos, eles tamén dan a súa opinión. Javier, Pedro e Manuel, son tres amigos que fixeron o Camiño este ano por primeira vez e contan que "foi unha experiencia inolvidable". "Coñeces moitísima xente porque hai moitos máis peregrinos facendo o Camiño canda ti e eso é algo moi positivo, polo menos para nós", aseguran.

VECIÑOS

Pola súa parte os veciños tamén teñen unha opinión común e podese resumir en que "todo en exceso é malo". Carmen ten 76 anos e naceu aquí e explica que é moi molesto que haxa tanta xente. "Eu xa non vou pola zona vella porque senón póñome de malas, non hai por onde pasar e parece que non teñen respeto polos que somos de alí", afirma esta muller que engade que "sei que para os bares está moi ben pero ao final nin nós podemos ir moitas veces porque sempre está todo cheo".

Chema ten 50, pero só leva 9 anos en Compostela, mudouse por traballo e asume que "o cambio é brutal, cada ano hai máis xente". "O que me molesta xa non é a cantidade de xente, senón que parece que non teñen respeto, que si as montan fronte a Catedral, que si van polas rúas cantando e berrando sen importar a hora, esto non é unha cidade vacacional, aquí vive xente que ten que ir a traballar e necesita descansar", denuncia e afirma que o peor é que "parece que a policía fai a vista gorda porque non son de aquí e eso non é xusto".

Con isto coincide Marga que vive na zona antigua da cidade e recoñece que hai veces que ata ten ganas de chorar pola impotencia de non poder facer nada ao respeto. "Hai un mes, un domingo ás sete e algo da mañá, un grupo de peregrinos viña cantando e tocando a guitarra como se non houbese casas e xente durmindo, e non é a primeira vez que nos pasa, todo o contrario, por desgracia é moi común", lamenta Marga e di que "non creo que ninguén da cidade teña algo en contra do turismo, sabemos que é moi positivo para os establecementos pero hai que empezar a regulalo porque a situación está descontrolada".

NEGOCIOS

Pero se alguén está a favor desta situación son algúns dos negocios da cidade, en concreto os donos e donas de restaurantes, hoteis, bares ou tendas de recordos. Todos están moi contentos coa afluencia do turismo que ao final vese reflexado nos seus beneficios e agradecen este crecemento despois do vivido ca pandemia da Covid.

Pero os pequenos comercios non o ven tan claro e é que por exemplo, a dona dunha pequena froitería na cidade explica que a ela no lles repercute "de maneira positiva". "E como tamén vivimos aquí eu creo que nos fai máis mal que ven", di. Con esto está de acordo tamén a dona dunha tenda de roupa, que tampouco quere dar a coñecer o seu nome, que afirma que ao final estas tendas pequenas non saen gañando da afluencia posto que o 95% dos seus clientes son veciños e non xente de fóra. "Ás veces entran pero só para mirar. É moi raro que acaben comprando algo, ao final non veñen a Santiago a eso", recoñece.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta